InicioCULTURAA Festa do Apego reúne o sábado 27 no Auditorio de Galicia...

A Festa do Apego reúne o sábado 27 no Auditorio de Galicia unha xornada de actividades familiares en galego

O encontro de Nadal do programa municipal celebrarase con entrada de balde e unha programación continuada de música, teatro, contos, xogos e recursos educativos

Publicado o

Xornal de Compostela

A novena edición da Festa do Apego celebrarase o vindeiro sábado 27 de decembro no Auditorio de Galicia, cunha programación dirixida á infancia e ás familias que se desenvolverá en horario de 12:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00. A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentou en rolda de prensa o programa completo xunto coa técnica do Departamento de Lingua, Marta Besada, destacando o carácter aberto e gratuíto da cita ata completar a capacidade.

Impulsada polo Concello a través do Departamento de Lingua Galega, a xornada pecha o calendario anual do programa Apego cunha oferta de música, teatro, narración oral, xogos e recursos educativos en galego. A rexedora sinalou que se trata dunha festa con “espectáculos de altísima calidade e para todos os gustos” e fixo un chamamento á participación, subliñando o papel do Apego para “facer comunidade” e “socializar en galego” desde a primeira infancia. A alcaldesa agradeceu tamén o compromiso das familias ao longo do ano e convidou a novas incorporacións a unha iniciativa centrada na transmisión interxeracional do idioma.

Entre as novidades desta edición figuran dúas estreas. A primeira é ‘A árbore dos desexos’, un conto musicado da formación compostelá Pillaband, gañadora dos Premios Martín Codax da Música 2023 na categoría de público infantil. A segunda é ‘Voo’, unha proposta de teatro físico, música e obxectos da compañía Teatro ó Cubo, con Sofía Espiñeira e Uxía Algarra no escenario.

O peche da xornada chegará co espectáculo musical de Bibopalula, baseado na serie de debuxos da plataforma xabarin.gal protagonizada por Ava e os paxaros do bosque. Segundo explicou Marta Besada, será “un agasallo moi especial cheo de cancións, coreografías e efectos especiais” e a primeira visita do espectáculo a Compostela nunha programación aberta ao público.

Durante a presentación, Goretti Sanmartín lembrou que Compostela foi concello promotor do proxecto, iniciado en 2015, e que na actualidade 748 familias están inscritas no programa, 42 delas incorporadas ao longo de 2025. Nese período, 15 familias realizaron a entrevista individualizada no Espazo Apego, onde reciben o material de benvida e coñecen os recursos dispoñibles, incluídos materiais descargables e contidos audiovisuais da web apego.gal. Entre as novidades recentes figuran a carta de desexos do Nadal e o calendario de 2026 con xogos e recitados infantís.

A alcaldesa destacou tamén o incremento da participación nas actividades ordinarias do Espazo Apego para crianzas de 0 a 6 anos, con 904 familias inscritas nas sesións dos luns, martes e mércores ao longo de 2025 e 931 nos espectáculos dos xoves. No verán, o programa ‘Contos no parque’ levou propostas aos arcos do parque de Bonaval, con sesións semanais sen inscrición previa e alta afluencia. A ‘Festa do Apego’ no Auditorio de Galicia servirá como clausura anual destas actividades.

PROGRAMACIÓN DESTACADA
  • Para bebés (0–3 anos): Meco e Sono, de Xarope Tulú (Escenario da sala Ángel Brage, 12:00 e 12:50).

  • Música (a partir de 3 anos): A árbore dos desexos, de Pillaband (Sala Mozart, 13:30).

  • Teatro (a partir de 3 anos): Voo, de Teatro ó Cubo (Sala Mozart, 16:45).

  • Narración oral: Rosa e Azul, de Pérez&Fdez (Espazo NOGA, 12:45), e Contos arredor do lume, con Alba de Vales (Escenario cafetería, 17:45).

  • Espectáculo final (a partir de 3 anos): Bibopalula, o espectáculo (Sala Ángel Brage, 19:00).

Ao longo de toda a xornada haberá espazos de xogos con Vaidavai e recursos educativos no recibidor, coa participación de iniciativas como Atlantic Ponte, Brazolinda, Libraría Couceiro e materiais específicos de Bibopalula. A entrada será de balde ata completar a capacidade en todos os espazos.

ÚLTIMAS

Artesanía, tradición e maxia: Estes son os beléns que podemos visitar en Compostela durante este Nadal

A cidade de Santiago de Compostela volve converterse este Nadal nun escaparate de belenismo,...

O Concello reabre o procedemento para pedir a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado

O Concello de Santiago retomará o procedemento para solicitar á Xunta de Galicia a...

Marta Abal acusa ao goberno municipal de atrasar o pagamento das nóminas do persoal do Concello

A concelleira do grupo municipal socialista, Marta Abal, denunciou este luns a situación xerada...

CC.OO. e UGT felicítanse porque Compostela terá “a primeira relación de postos de traballo da súa historia”

Policías locais e bombeiros ratificaron o borrador de pacto negociado nas últimas semanas co...

Artesanía, tradición e maxia: Estes son os beléns que podemos visitar en Compostela durante este Nadal

A cidade de Santiago de Compostela volve converterse este Nadal nun escaparate de belenismo,...

O conselleiro José López Campos destaca o papel do Consorcio de Santiago na planificación cultural de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou este martes o...

A alcaldesa preside a entrega do XXVII Premio Antón Fraguas á investigación sobre a indumentaria tradicional galega

A alcaldesa presidiu este martes no Pazo de Raxoi o acto de entrega da XXVII...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here