InicioCULTURAA campaña 'Prato de Mercado' arrinca coa defensa do produto local por...

A campaña ‘Prato de Mercado’ arrinca coa defensa do produto local por parte de chefs composteláns

Profesionais da gastronomía reivindican na Praza de Abastos o valor dos produtores e da materia prima galega nun programa que se estenderá en 2026 a case cen mercados do país

Publicado o

Xornal de Compostela

A Praza de Abastos de Santiago converteuse este martes no escenario de lanzamento da campaña ‘Prato de Mercado’, unha iniciativa da Xunta que busca reforzar a relación entre os mercados tradicionais galegos, os seus produtores e a restauración de referencia. O acto reuniu arredor dunha trintena de profesionais da cociña, entre eles varios chefs composteláns que fixeron fincapé no papel que xoga o mercado como espazo esencial de abastecemento e no impacto que o produto de proximidade ten na gastronomía local.

O chef Martín Pais, do restaurante Orixe, sintetizou esta idea lembrando que a Praza é “a nosa despensa”, un espazo no que se concentra o traballo diario de produtores que achegan produtos frescos e de Galicia. A el sumáronse 34 chefs de 31 restaurantes que percorreron os postos do mercado na acción inaugural da campaña, que prevé desenvolver ao longo de 2026 un calendario de actividades como showcookings e demostracións culinarias nos case cen mercados de toda Galicia.

Tamén participou o chef compostelán Sergio Delpont, de O Sendeiro, quen cualificou o proxecto como “emocionante” porque contribuirá, segundo dixo, a manter a aposta dos restaurantes galegos polo produto local. Para Delpont, a gastronomía e a hospitalidade son “a máxima diferenciación” de Galicia, polo que considerou que iniciativas como esta favorecen que a cociña galega continúe avanzando.

Outro dos nomes presentes foi o de Lucía Freitas, estreitamente vinculada á Praza de Abastos polos seus negocios situados ao carón do mercado. A chef destacou a “sorte” de traballar a diario rodeada de produto fresco e incidiu en que percorrer os postos e escoller cada ingrediente é fundamental para a identidade da súa cociña. “A miña despensa é o mercado de abastos. Eu non cambiaría isto por nada no mundo”, afirmou, ao tempo que asociou esta maneira de traballar a unha “riqueza” para todo o territorio.

A mesma visión compartiu Álex Ferreiro, tamén de O Sendeiro, quen insistiu na importancia de adquirir a maior parte dos ingredientes na Praza. Citou produtos como o berberecho ou a pescada de Celeiro, que forman parte habitual da carta do restaurante e que, segundo subliñou, os clientes valoran especialmente cando proceden do mercado compostelán. Para Ferreiro, Galicia dispón dunha “despensa enorme” grazas ao mar, ao gando e á terra, unha combinación que “marca a diferenza” fronte a outras rexións.

O acto contou tamén coa presenza do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, quen explicou que ‘Prato de Mercado’ supón un reforzo da aposta da Xunta polas prazas de abastos. O programa pretende fortalecer o vínculo entre produtores e profesionais da cociña, apoiar o consumo de proximidade e avanzar na creación de “mercados excelentes” que combinen produto fresco, artesanía e experiencias culinarias.

González destacou que o obxectivo é impulsar estes espazos como centros de dinamización económica e cultural, con actividades que inclúan desde demostracións gastronómicas até accións de promoción da artesanía galega, lembrando que máis de 50 artesáns comercializan xa as súas pezas en restaurantes nacionais e internacionais.

O arranque compostelán da campaña deixa así patente o peso da Praza de Abastos como referente gastronómico e punto de encontro entre produtores e restauradores, nun contexto no que o sector reivindica a materia prima galega como sinal de identidade e garantía de calidade.

ÚLTIMAS

Santiago gaña oito novas conexións aéreas

A nova compañía aérea Fly2Galicia anunciou que comezará a operar o 1 de decembro...

A USC mantén o seu lugar entre as 600 mellores universidades do mundo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantén a súa posición no tramo 501-600...

Galicia, responsable coa eclipse: non se rexistran polo momento grandes lesións oculares

Os galegos mostraron unha elevada responsabilidade na protección ocular durante o eclipse solar visible...

WOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por nove espazos de Santiago

O WOS Festival x SON Estrella Galicia pechou a programación principal da súa novena...

Novo “museo da arte urbana” nunhas galerías comerciais de Santiago

Oito novos murais, creados por artistas referentes de Galicia, transformaron unhas galerías comerciais de...

Música blues, soul, jazz ou rock encherá as rúas de Compostela este agosto no festival ‘Feito a man’

O festival "Feito a man" 2026 encherá de música e actividades gratuítas as rúas...