InicioCULTURAO Museo Gaiás acolle ata o mes de abril a exposición ‘Francisco...

O Museo Gaiás acolle ata o mes de abril a exposición ‘Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria’

A mostra reúne preto dun centenar de obras do escultor cambadés e propón un percorrido pola súa traxectoria artística e humana a través de esculturas, debuxos e documentación inédita

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo Gaiás acolle dende este martes a exposición ‘Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria’, unha mostra que permanecerá aberta ao público ata o 5 de abril de 2026 e que reúne ao redor de cen pezas entre esculturas, escaiolas, debuxos, fotografías e documentos que percorren o legado do artista Francisco Asorey (Cambados, 1889–1961).

Comisariada por Miguel Fernández Cid, a exposición enmárcase no programa do Día das Artes Galegas, que este ano a Real Academia Galega de Belas Artes dedica ao escultor pontevedrés. O comisario explicou que o obxectivo foi ofrecer “un paseo” polo universo creativo de Asorey, de modo que o público “vaia descubrindo quen era o artista” a través da experiencia directa coas súas obras.

Segundo Fernández Cid, Asorey foi “un escultor eminentemente relixioso, no sentido de que concibía a escultura como un reto emocional e espiritual”, e recordou que o propio artista “consideraba ao mestre Mateo e á Catedral de Santiago os seus grandes referentes”.

O percorrido inclúe retratos institucionais en mármore e granito, esculturas en madeira policromada, fotografías realizadas por Ksado no taller compostelán do artista, así como ferramentas, debuxos e escaiolas que servían de base ás súas pezas monumentais. Fernández Cid subliñou que traer estas obras a un espazo expositivo permite observar detalles que “nas igrexas ou nos lugares de orixe, pola súa altura ou escuridade, pasan desapercibidos”.

A mostra tamén destaca a vertente documental de Asorey, posuidor dunha ampla biblioteca con títulos de arte e relixión de distintos países. “A súa obra revela un coñecemento profundo da escultura europea e antiga, que adquiría a través da lectura e do estudo”, explicou o comisario.

Entre as pezas máis recoñecibles figuran ‘Naiciña’ (1921), ‘Ofrenda a San Ramón’ (1923) e ‘O tesouro’ (1924), tres traballos nos que a muller galega simboliza a identidade do país, incorporando materiais metálicos á madeira policromada. A exposición inclúe ademais fotografías de monumentos públicos realizados por Asorey en diferentes cidades galegas e cerámicas decorativas que amosan a ampla difusión da súa obra.

Na inauguración, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que a mostra permite “mirar a Asorey cos ollos de hoxe para entender o seu legado”, e definiuno como “un creador total que soubo combinar a tradición popular coa imaxinación relixiosa e as vangardas”. Tamén destacou a colaboración de institucións como o Museo Reina Sofía e o Museo de Pontevedra, que achegaron pezas fundamentais para esta última gran exposición do ano 2025.

Pola súa parte, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, subliñou que o escultor “soubo mimetizarse coa cidade e fundir tradición e modernidade na súa obra”. Sanmartín animou a visitar Compostela “con calma” para descubrir as múltiples pegadas de Asorey no seu patrimonio urbano, dende as esculturas relixiosas ata os monumentos civís que forman parte da paisaxe compostelá.

Con esta mostra, o Museo Gaiás propón un achegamento renovado a un dos grandes nomes da escultura galega contemporánea, cuxa obra segue a dialogar, máis dun século despois, coa cidade e co público que a contempla.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Alcalá Norte actuará en Santiago o 6 de marzo de 2027 para presentar o seu segundo disco

A banda madrileña Alcalá Norte ofrecerá un concerto en Santiago de Compostela o próximo...

O Concurso Fran Pérez Narf celebrará a súa final en Santiago co regreso aos escenarios dos Quinindiolas

O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario este sábado, 24 de...

Troyanos de Compostela abrirá ao público o seu ensaio do luns no centro sociocultural do Romaño

A agrupación Troyanos de Compostela ofrecerá o próximo luns, 19 de outubro, un ensaio...