InicioMOV. SOCIAISMomentos de tensión no Obradoiro ó rematar a concentración a prol de...

Momentos de tensión no Obradoiro ó rematar a concentración a prol de Palestina

Manifestantes e USC non achegan posturas e a Facultade de Xeografía e Historia seguirá pechada "por mantemento" por segundo día consecutivo.

Publicado o

Xornal de Compostela

Os mozos que participaban nas acampadas e protestas prol-Palestina en Santiago de Compostela abandonaron na noite do mércores a Praza do Obradoiro, despois dunha concentración a última hora da tarde na que se viviron momentos de tensión con axentes da Policía Nacional. Na mañá deste xoves, a contorna da Catedral amenceu despexado de protestas e a estampa volveu a ser a habitual con numerosos turistas e peregrinos e unha presenza policial máis reducida.

Na última concentración do mércores, segundo denunciou a asemblea convocante a través de vídeos colgados en redes sociais, producíronse enfrontamentos e empuxóns cos axentes. E é que o Colexio de San Xerome, sede do Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), era desaloxado á primeira hora da mañá do mércores, case 48 horas despois de que un grupo de mozos comezase un peche na sala onde se celebra o consello de goberno da universidade.

Tras a tensa protesta do mércores, fontes do colectivo que convoca estas accións confirman que xa pasaron a noite nas súas casas, sen poder polo momento avanzar novas medidas de protesta que levarán a cabo para esixir á USC que asine as súas reivindicacións, entre as que se sitúa cortar relación con calquera empresa que teña vínculos con entidades israelís. Tamén foi desaloxada pola Policía na mañá do mércores a acampada, iniciada facía case un mes, na Facultade de Xeografía e Historia, aínda que só quedaban xa catro persoas. Este xoves será o segundo día consecutivo que a facultade permaneza pechada “por razóns de mantemento”, segundo informaba o decano, Marco V. García Quintela, ao persoal nun correo electrónico.

O decano confía en que este venres se poida retomar xa a normalidade no centro cuxa actividade se viu comprometida en semanas pasadas por unha acampada na que chegaron a participar máis dun centenar de persoas. Persoal de Xeografía e Historia xa manifestou o seu malestar coa decisión de paralizar a súa contorna de traballo, por agora durante dous días.

No que respecta ao diálogo entre os manifestantes e a universidade, ambas as partes confirman a Europa Press que, ata a mañá deste xoves, non se produciu ningún achegamento. Neste contexto, a USC mantén a súa invitación a que participen na comisión creada para avaliar medidas en apoio ás universidades e estudantes palestinos. Con todo, a outra parte mantén a súa desconfianza tras uns desaloxos que denunciaron como “violentos”. O reitor da USC, Antonio López, avanzaba o mércores que, unha vez cuantificados os danos e identificados os responsables, non descartaba medidas disciplinarias ou, mesmo, interpor denuncias.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...