InicioSANTIAGOO pleno de Santiago aproba unha moción para que o acto Alba...

O pleno de Santiago aproba unha moción para que o acto Alba de Compostela teña “máxima participación”

Durante o debate, a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), avanzou que buscará o máximo consenso tanto nas persoas recoñecidas como no horario do evento, para que todos os interesados en acudir poidan participar tamén no resto de actos do Día do Apóstolo

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno municipal de Santiago aprobou este xoves por unanimidade unha moción, presentada conxuntamente polos dous grupos da oposición (PP e PSdeG), para reclamar que o acto de entrega da Alba de Compostela do 25 de xullo conte “coa máxima participación e recoñecemento institucional posibles”.

Durante o debate, a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), avanzou que buscará o máximo consenso tanto nas persoas recoñecidas como no horario do evento, para que todos os interesados en acudir poidan participar tamén no resto de actos do Día do Apóstolo.

Por parte do principal grupo da oposición, o seu líder municipal, Borja Verea (PP), censurou que a rexedora crease o ano pasado esta condecoración “ás poucas semanas de chegar ao goberno” e que convertese “o que pode ser unha boa idea nunha batalla ideolóxica”.

En 2023, a Alba de Compostela celebrouse a partir das 13.00 e entregouse ao director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, aos equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, a María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, e a Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella.

Sen cuestionar as personalidades que a recibiron, Verea tachou de “decisión profundamente antidemocrática” a forma na que se creou este galardón, “en contra do 70 por cento da Corporación”, en referencia ao grupo popular e ao socialista. “Vostede tivo unha actitude antidemocrática e soberbia”, espetou á alcaldesa.

Así mesmo, o concelleiro do PSdeG Sindo Guinarte recalcou que o goberno, conformado por BNG e Compostela Aberta, “non o fixo ben” o ano pasado porque a Alba de Compostela non está incluído dentro do regulamento de títulos, honras e condecoracións locais.

Por tanto, esta moción defendida este xoves no pleno, e que saíu aprobada por unanimidade, busca “rectificar ese erro”. Xunto a isto, Guinarte reclamou que “non se solapen no tempo” con outros actos.

A alcaldesa, pola súa banda, defendeu que o ano pasado “non houbo interferencias” entre a Alba de Compostela e outras celebracións propias do 25 de xullo. Así mesmo, recalcou que foi un acto “ben acollido pola sociedade civil” da cidade.

Sanmartín, quen confirmou que o goberno local participará nos actos do 25 de xullo pero non na misa do Apóstolo, por ser “relixioso”, deslizou que “foron outros” os que quixeron converter a Alba de Compostela en “unha batalla ideolóxica”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...