O Concello de Santiago asinou este xoves un convenio coa Escola de Tempo Libre Don Bosco por un total de 30.000 euros, que permite contribuír a impulsar un recurso de acollida temporal para persoas migrantes, ademais de darlle continuidade a outra iniciativa dirixida a mozos e mozas en risco de exclusión social. Este recurso, xestionado por Don Bosco en colaboración coa Rede Veciñal de Apoio ás Persoas Migrantes, consiste nun piso xa en funcionamento que ofrece estadías medias de 15 días, prorrogables se é necesario. Teñen prioridade de acceso as persoas en situación administrativa irregular e aquelas que presentan problemas de saúde.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presentouno nunha rolda de prensa xunto con Xesús María Vilas, en representación de Don Bosco, e con Isabel Varela e Javier Arregui, por parte da Rede Veciñal. Na súa intervención, Rozas referiuse ao “racismo inmobiliario” e ao “drama social do acceso á vivenda, que afecta de xeito máis contundente os colectivos vulnerables”. O piso comezou a funcionar en xuño deste ano e mantén desde o inicio unha ocupación do 100%, segundo explicou Varela. Ata o momento, suma 726 pernoitas. “A iniciativa é que teñan 15 días para buscar un traballo e unha casa ou, se xa teñen traballo, buscar unha casa”, sinalou.
A maioría das persoas usuarias proceden de Mali, aínda que tamén se acolleron persoas de Mauritania, Senegal, Gambia, Guinea e Alxeria. As que saíron foron quen de “arrincar a súa vida, atopar traballo ou conseguir unha vivenda”. Nalgúns casos, mesmo foron derivadas a pisos de persoas que forman parte da Rede Veciñal. “Este encontro é algo positivo tanto para as persoas que chegan como para as que estamos aquí. Como a nós non nos pasa, non sabemos o racismo cru que existe”, engadiu Javier Arregui.

