Palestina repite como protagonista da Semana de Cine Euroárabe Amal, que celebrará en Santiago a súa 24ª edición entre o 26 e o 30 de outubro, con cinco títulos que buscan reflectir a “gravidade” do xenocidio palestino e que, ao mesmo tempo, amosan a “calidade” da súa cinematografía, en palabras do director do certame, Ghaleb Jaber Martínez.
“Esta non será a última edición de Amal, pero si posiblemente a última tal e como a coñecemos”, anticipou o seu director, quen explicou que o ciclo afronta “unha reflexión profunda sobre o seu papel dentro da cidade”. “Os tempos cambian e moitas veces temos que adaptarnos a eles”, engadiu, sen dar detalles sobre a forma que adoptará proximamente. Baixo o lema “Existir e resistir”, o ciclo busca nesta ocasión ampliar o foco sobre a realidade palestina máis alá da Franxa de Gaza. “En Cisxordania estase cometendo unha limpeza étnica silenciosa, da que somos conscientes a través de compañeiros que temos sobre o terreo”, afirmou.
En concreto, referiuse á aldea de Taybeh, unha poboación de Cisxordania cuxa realidade coñecen a través dun representante da Igrexa católica no lugar, o padre Bashar Fawadleh, que “semana a semana” lles relata como “os colonos están levando a cabo un proceso de expulsión neste pequeno enclave”. A intención é que parte da recadación de Amal se destine a esta poboación, ademais de a outras organizacións que traballan pola causa palestina. As entradas, que aínda non saíron á venda, custarán tres euros. Todas as proxeccións terán lugar no Teatro Principal e, salvo a sesión inaugural, serán ás 21.00 horas.
CINCO PELÍCULAS E DOUS COLOQUIOS
“La voz de Hind Rajab” (Kaouther Ben Hania, 2025) inaugurará esta edición de Amal o luns 26 de outubro ás 20.00 horas. Gañadora do León de Prata en Venecia e nomeada ao Óscar, conta a historia real de Hind Rajab, unha nena de seis anos que quedou atrapada nun coche baixo o fogo en Gaza. A proxección contará coa presenza do actor protagonista, Motaz Malhees.
O martes será a quenda de “Todos somos Gaza” (Hernán Zin, 2025), documental que continúa “Nacido en Gaza” (2014). A cinta documenta cronoloxicamente a violencia exercida contra a poboación civil desde o 7 de outubro de 2023 e, no seu relato, volve ás vidas dos protagonistas da súa predecesora.
O mércores proxectarase “Palestine 36” (Annemarie Jacir, 2025), nunha sesión que tamén incluirá un coloquio co seu actor protagonista, Karim Anaya. Pecharán o ciclo outras dúas ficcións: “Érase una vez en Gaza” (Tarzan Nasser e Arab Nasser, 2025) e “Todo lo que fuimos” (Cherien Dabis, 2025), que se poderán ver o xoves e o venres, respectivamente.

