A xuíza María Elena Fernández Currás accedeu a suspender o cumprimento da pena de prisión imposta ao maquinista Francisco Garzón, condenado a dous anos e medio de cárcere polo accidente do tren Alvia sinistrado en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, mentres se tramita a solicitude de indulto. Así consta nun auto deste mércores, 14 de outubro, ao que tivo acceso Europa Press, no que se indica que esta suspensión se decide “atendendo ás circunstancias de todo tipo, concorrentes en relación coa persoa condenada, o delito e a natureza e duración da pena que hai que executar”.
“Procede acceder á solicitude de suspensión da execución da pena imposta, mentres se tramita o indulto solicitado e ata que recaia a decisión correspondente ao respecto”, sinala a resolución. O propio auto do Xulgado do Penal número 2 de Santiago recolle, nos seus fundamentos de dereito, que a lei que regula o indulto establece que a proposta de indulto “non suspenderá o cumprimento da sentenza firme”.
“Non obstante”, engade a xuíza, “haberá que ter en conta o disposto” no Código Penal, polo que decide acceder á suspensión do cumprimento polos motivos mencionados. A resolución pode ser impugnada mediante a interposición dun recurso de reforma e subsidiario de apelación no prazo de tres días desde a súa notificación, ou dun recurso de apelación directo en cinco días.
A CONDENA POLO ACCIDENTE DE ANGROIS
Tras unha instrución que se prolongou durante anos e un xuízo de varios meses, Fernández Currás condenou tanto o maquinista como o exxefe de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, polo descarrilamento que provocou 80 mortes no barrio compostelán de Angrois hai 13 anos. A plataforma de vítimas denunciou durante todo ese tempo que houbo decisións, tanto no ámbito técnico —Adif e Renfe— como no político —Ministerio de Fomento—, que provocaron unha diminución do nivel de seguridade na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago.
Nese trazado, a curva da Grandeira, a primeira tras un percorrido case rectilíneo, quedou finalmente sen a protección do sistema de control da velocidade ERTMS, á mercé dun erro humano como o que se produciu. Porén, a Audiencia Provincial da Coruña revogou a condena ao exdirector de seguridade de Adif, polo que Garzón quedou como único condenado polo accidente.

