O concelleiro de Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Electrónica de Santiago de Compostela, Manuel César, anunciou este martes a súa renuncia á acta de edil do Bloque Nacionalista Galego (BNG) por motivos persoais e familiares. A decisión, que xa foi comunicada formalmente ao Concello, suporá a súa saída do Goberno municipal despois de tres anos e catro meses de responsabilidade en distintas áreas de xestión. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, confirmou que a súa substituta na Corporación será Saleta Chao Rivas, integrante da candidatura nacionalista nas eleccións municipais de 2023.
O anuncio produciuse nunha comparecencia conxunta na que estiveron presentes integrantes do Goberno municipal, persoal do grupo nacionalista e representantes do Consello Local do BNG. César explicou que a súa situación actual lle impide manter a dispoñibilidade que require o exercicio das súas responsabilidades e que a renuncia responde a unha reflexión sobre a compatibilidade entre a actividade institucional e a súa vida persoal.
“Hoxe acabo de presentar a miña renuncia como concelleiro por cuestións persoais e familiares que me impiden compatibilizar o intenso traballo e a dedicación que supón este cargo coa situación persoal que teño nestes momentos”, manifestou. O edil recoñeceu que se trata dunha “decisión difícil, meditada”, pero considerou que as circunstancias o levaron a adoptar esta determinación.
A saída de César non será efectiva ata o venres 16 de outubro, cando a Corporación municipal celebrará un pleno ás 11:00 para tomar coñecemento formal da súa renuncia. A partir dese momento iniciarase o procedemento para a incorporación da súa substituta, aínda que o Goberno local non concretou cando se producirá a toma de posesión nin como se distribuirán as competencias que actualmente exerce o concelleiro saínte.
SALETA CHAO INCORPORARASE Á CORPORACIÓN MUNICIPAL
A alcaldesa anunciou que Saleta Chao Ribas, número sete da candidatura do BNG nas últimas eleccións municipais, será a encargada de ocupar a vacante que deixará Manuel César. Sanmartín lembrou que a futura concelleira quedara ás portas de conseguir representación nos comicios de 2023 e destacou a súa experiencia previa no funcionamento da administración compostelá.
Chao xa traballou no gabinete municipal, unha circunstancia que, segundo a rexedora, lle permitirá afrontar a incorporación cun coñecemento dos procedementos administrativos e da organización interna do Concello. A alcaldesa confirmou que a decisión sobre a persoa que asumirá a acta foi adoptada polo BNG, aínda que evitou adiantar máis detalles sobre a súa futura participación no Executivo.
Durante a rolda de prensa tamén se lle preguntou pola situación actual de Chao no Parlamento de Galicia e pola súa incorporación á lista municipal. Sanmartín limitouse a reiterar que a organización nacionalista decidiu que sexa ela quen ocupe a vacante e insistiu en que as cuestións relativas á toma de posesión e ás competencias que asumirá se explicarán nunha comparecencia posterior.
Deste xeito, o Goberno municipal deixa para os próximos días a reorganización das áreas que actualmente dirixe César, entre as que figuran departamentos directamente relacionados coa administración económica, a política de persoal e os procedementos de contratación pública.
Na súa despedida, Manuel César realizou un balance das principais actuacións desenvolvidas desde a súa incorporación ao Goberno municipal en xuño de 2023. O concelleiro explicou que o seu traballo estivo orientado a introducir modificacións estruturais no funcionamento do Concello, especialmente en departamentos cuxas actuacións teñen unha repercusión directa sobre os procedementos administrativos e a prestación dos servizos públicos.
Entre as medidas que destacou figuran as modificacións das ordenanzas fiscais para simplificar a relación da cidadanía coa administración municipal. Segundo explicou, durante este mandato introducíronse cambios destinados a reducir os trámites necesarios para solicitar bonificacións, aprazar débedas ou acceder a modalidades especiais de pagamento dos tributos.
Unha das modificacións permite fraccionar determinados pagamentos municipais ata en nove mensualidades, mediante un sistema co que o Concello pretende facilitar o cumprimento das obrigas tributarias. César tamén lembrou a actualización da ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, coñecido como plusvalía, para adaptala á xurisprudencia do Tribunal Supremo.
No caso do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, destacou a introdución dun procedemento polo que as bonificacións correspondentes a vehículos ecolóxicos ou de emisións cero poden aplicarse de oficio cando se cumpren os requisitos establecidos, sen necesidade de presentar unha solicitude individual.
Outro dos asuntos aos que se referiu foi a implantación da taxa turística en Santiago, mediante a aprobación da ordenanza fiscal que regula a recarga municipal sobre o imposto autonómico das estadías turísticas. César sinalou que Compostela se situou entre os primeiros municipios galegos en poñer en marcha esta medida e destacou tanto a implantación do sistema de autoliquidación como a resposta xudicial ao recurso presentado contra a ordenanza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
En relación coa política tributaria, o concelleiro sostivo que durante os máis de tres anos de mandato non se incrementaron os impostos municipais, a pesar do aumento dos custos asociados a contratos e servizos públicos. Tamén asegurou que o Concello mantivo a estabilidade orzamentaria e reduciu a súa ratio de endebedamento financeiro respecto da situación existente cando o actual Executivo accedeu ao Goberno.
A MODERNIZACIÓN ADMINISTRATIVA E A POLÍTICA DE PERSOAL, ENTRE AS ACTUACIÓNS DESTACADAS
Unha parte importante da intervención de César estivo dedicada á transformación dos procedementos internos da administración compostelá. Neste ámbito, destacou a implantación da aplicación XEMA, que permite integrar a xestión contable co resto dos expedientes administrativos municipais.
Segundo explicou, ata este ano os procedementos económicos e administrativos funcionaban de maneira separada, unha situación que dificultaba o seguimento das tramitacións. Coa nova ferramenta, o Concello busca mellorar a coordinación entre departamentos, reforzar as garantías xurídicas e facilitar a trazabilidade dos expedientes.
En materia de recursos humanos, o edil lembrou a aprobación de varias relacións de postos de traballo (RPT) co respaldo maioritario da representación sindical. Tamén anunciou que están a piques de finalizar os traballos de valoración dos postos municipais, desenvolvidos mediante un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela.
Este proceso permitirá, segundo indicou, elaborar unha nova RPT que incorpore por primeira vez unha valoración dos diferentes postos de traballo, co obxectivo de establecer criterios para a determinación dos complementos salariais e resolver as observacións formuladas pola Intervención municipal ante a ausencia deste elemento nas relacións anteriores.
César tamén puxo en valor a incorporación de novos procedementos electrónicos no departamento de Recursos Humanos, entre eles os relacionados coa solicitude da carreira profesional e das axudas sociais do persoal. A estas medidas sumarase un sistema de xestión do tempo de traballo que permitirá tramitar electronicamente cuestións que ata agora non contaban cun procedemento integrado destas características.
O CONTRO DO TRANSPORTE URBANO, UN DOS PRINCIPAIS EXPEDIENTES DO MANDATO
No ámbito da contratación pública, Manuel César destacou o traballo realizado para impulsar expedientes que levaban anos pendentes de licitación. Entre eles situou o contrato do transporte público urbano de Santiago, que identificou como unha das actuacións máis relevantes desenvolvidas durante a súa etapa no Executivo.
Tamén mencionou a licitación do servizo de conserxaría e limpeza dos centros de educación infantil e primaria, outro expediente que, segundo explicou, acumulaba anos sen resolverse mediante unha nova contratación.
O concelleiro atribuíu estes avances ao traballo dos equipos técnicos municipais, especialmente do departamento de Contratación, e recoñeceu as dificultades derivadas da falta de medios en determinados servizos. Ao longo da súa intervención agradeceu a colaboración das direccións de área, dos responsables de Tesouraría, Intervención e Contabilidade, dos servizos de Recursos Humanos e do persoal administrativo.
O agradecemento estendeuse á representación sindical, coa que recoñeceu que existiron negociacións complexas, así como ao persoal eventual do grupo municipal e ao resto dos integrantes do Goberno. César dedicou unha mención especial á súa colaboradora máis próxima, Sara, e á alcaldesa, Goretti Sanmartín.
SANMARTÍN DESTACA A CONTINUIDADE DOS PROXECTOS IMPULSADOS POLO CONCELLEIRO
Pola súa banda, Goretti Sanmartín explicou que Manuel César xa lle comunicara días atrás a imposibilidade de continuar exercendo o cargo coa dedicación que require a súa presenza no Goberno. A situación foi trasladada posteriormente tanto ao grupo municipal como á organización nacionalista, antes da presentación formal da renuncia.
A rexedora realizou unha valoración positiva do traballo desenvolvido polo edil e destacou especialmente as actuacións orientadas a modificar o funcionamento interno da administración. Ao seu xuízo, as responsabilidades asumidas por César permitiron impulsar cambios que terán continuidade máis alá da súa etapa como concelleiro.
Sanmartín referiuse á implantación de novas ferramentas contables, á aprobación das relacións de postos de traballo e á tramitación de contratos municipais como exemplos de actuacións que, segundo defendeu, responden a unha planificación a medio e longo prazo.
A alcaldesa tamén incidiu en que a decisión de César responde ás circunstancias persoais e familiares expostas polo propio concelleiro e agradeceu que comunicase a súa situación ao Goberno e ao grupo municipal.
Ao mesmo tempo, asegurou que a súa saída non suporá unha ruptura coa actividade política nin coa organización nacionalista. Segundo explicou, César manterá a súa colaboración co BNG e poderá contribuír ao proceso de incorporación da persoa que o substitúa.
O propio concelleiro confirmou que a súa renuncia institucional non implica abandonar a actividade política. César lembrou que leva boa parte da súa vida vinculado ao nacionalismo galego e manifestou a intención de continuar participando na organización, aínda que fóra da Corporación municipal.
“Que non estea no Concello non quere dicir que non vaia traballar na política”, afirmou durante a súa despedida. Tamén asegurou que seguirá colaborando co Bloque Nacionalista Galego e traballando para que Goretti Sanmartín continúe á fronte da Alcaldía tras as eleccións municipais de 2027.
A comparecencia rematou sen que a alcaldesa respondese a outras cuestións relacionadas coa actividade municipal. Preguntada pola posibilidade de presentar novos orzamentos este ano, Sanmartín evitou pronunciarse e explicou que prefería limitar a rolda de prensa á renuncia de César e á futura incorporación de Saleta Chao.
O PSOE RECOÑECE O TRABALLO DESENVOLVIDO POLO EDIL
Pola súa banda, a concelleira socialista Marta Abal trasladou, en nome do Grupo Municipal Socialista, os seus mellores desexos a Manuel César tras coñecerse a súa renuncia, coa esperanza de que as circunstancias persoais e familiares que motivaron a decisión poidan resolverse favorablemente. Abal tamén quixo recoñecer o traballo desenvolvido polo edil durante os últimos tres anos, así como a súa dedicación ao Concello e a disposición ao diálogo no exercicio das súas responsabilidades. Dende o PSOE compostelán expresaron ademais o seu desexo de que César poida afrontar esta nova etapa coa tranquilidade e o tempo necesarios para atender as súas prioridades persoais e familiares.

