A Concellería de Xuventude de Santiago e a Asociación Mulleres Andaina impulsan durante este mes de outubro o ciclo ‘Malestares. Medo e esperanza’, unha proposta formada por tres encontros que pretende abrir un espazo de reflexión sobre a realidade da mocidade e sobre os factores sociais e económicos que condicionan as súas expectativas de futuro. As sesións serán de acceso libre, sen necesidade de inscrición previa, e estarán abertas tanto á xente nova como ao resto da cidadanía.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou este luns a iniciativa xunto con Aida Raindo, representante de Mulleres Andaina. Segundo explicou Rozas, o ciclo busca analizar os desafíos aos que se enfrontan as novas xeracións desde unha perspectiva crítica e feminista, evitando reducir a súa realidade ás etiquetas que, ao seu xuízo, aparecen con frecuencia no debate público.
A edil referiuse especialmente aos discursos que responsabilizan a mocidade de fenómenos como o avance da extrema dereita, a regresión en materia de igualdade ou a difusión de posicións machistas. Fronte a estas interpretacións, defendeu a necesidade de analizar as condicións que rodean á xente nova e os seus efectos sobre cuestións como a sexualidade, as masculinidades ou a participación social.
Rozas relacionou esta situación coas dificultades económicas que atravesan as novas xeracións e puxo como exemplo as mobilizacións pola vivenda que se están a desenvolver estes días na praza do Obradoiro. “É unha xuventude que mira o futuro con certa desesperanza”, afirmou, antes de sinalar as dificultades para acceder a unha vivenda pese a tratarse dunha xeración cun elevado nivel de formación.
O primeiro dos tres encontros celebrarase este martes, 6 de outubro, na Casa das Máquinas, e estará dedicado á relación entre mocidade, pornografía e educación sexual. Participarán a sexóloga María Rodríguez Suárez, o profesor Xosé Cabido e a presidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía, Vanesa Rodríguez Pousada. A sesión pretende analizar como se constrúen as relacións e a sexualidade entre a poboación nova e que papel desempeña a pornografía nese proceso.
A segunda cita terá lugar o 14 de outubro e estará centrada nas masculinidades. A mesa contará coa participación do escritor e activista Roy Galán e de José Chisvert Riviere, vinculado a programas de sensibilización e de implicación dos homes na igualdade. Tanto esta sesión como a terceira desenvolveranse nos centros socioculturais municipais.
O ciclo concluirá o 21 de outubro cun encontro no que participarán Tamara Valladares de Vera e Aida Raindo. Esta última explicou que a sesión buscará poñer o foco nas necesidades da mocidade e nas barreiras que atopa para intervir na política, no asociacionismo e noutros espazos de participación cidadá. Valladares de Vera traballa en proxectos relacionados coa participación xuvenil e, segundo indicou Raindo, achegará a experiencia do contacto directo con esas dificultades.
Desde Mulleres Andaina sinalan que as tres xornadas nacen tamén como resposta a un contexto no que consideran que a polarización tende a reducir os espazos para o debate. “Vimos con estas xornadas a pensar non só sobre a xente moza, senón coa xente moza sobre como estamos e que necesitamos”, explicou Raindo.
Entre os asuntos que atravesarán o ciclo figuran as expectativas depositadas sobre as novas xeracións, a construción da identidade e as consecuencias das condicións materiais nas súas vidas. A vivenda, a precariedade laboral, os discursos de odio e a incerteza sobre o futuro serán algunhas das cuestións que servirán de marco para analizar tamén a sexualidade, as relacións e as masculinidades.
Raindo incidiu en que a intención non é organizar unhas xornadas nas que persoas expertas falen unicamente sobre a mocidade, senón incorporar voces novas tanto ás mesas como ao público. O obxectivo, explicou, é que os encontros permitan confrontar diferentes experiencias e ampliar un debate que consideran necesario para coñecer as demandas das xeracións máis novas.
Pola súa banda, Rozas defendeu que as institucións deben ofrecer espazos nos que a mocidade poida “sentirse escoitada”, participar e expresar as súas opinións. A concelleira incidiu ademais en que, aínda que a xente nova constitúe o público principal de ‘Malestares’, as tres actividades están abertas a persoas de todas as idades, ao considerar que os asuntos tratados afectan ao conxunto da sociedade.

