O Concello de Santiago colocou este sábado unha placa conmemorativa na casa natal do xornalista Alfredo Vicenti, situada na rúa Virxe da Cerca, coincidindo co 110 aniversario do seu falecemento. A instalación do distintivo chega despois das peticións realizadas polo Ateneo de Santiago ao Concello para que se recoñecese deste xeito a figura do xornalista compostelán.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, participou no acto xunto con outros membros da corporación municipal. A conmemoración contou tamén coas intervencións do presidente do Ateneo de Santiago, Francisco Candela, e da presidenta da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, Xulia Campo, que repasaron distintos aspectos da traxectoria e da relevancia histórica de Vicenti.
A colocación da placa supón así a materialización dunha demanda que o Ateneo viña trasladando en varias ocasións ao Concello de Santiago, dentro do seu labor de recuperación e divulgación da figura do xornalista. A entidade mantén ademais desde hai sete anos o ‘Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti’, destinado a recoñecer traballos xornalísticos de contido cívico e social.
Durante a súa intervención, Goretti Sanmartín sinalou que a biografía de Vicenti permite percorrer “a Compostela do seu tempo”, á que definiu como o seu berce “informativo, sentimental, político e vital”. A alcaldesa lembrou tamén a etapa posterior do xornalista en Madrid, cidade á que se trasladou tras abandonar Compostela por discrepancias coa curia eclesiástica da época.
Sanmartín destacou que, malia este cambio, Vicenti continuou exercendo como “embaixador de Galicia en Madrid”. A rexedora situouno ademais entre os pioneiros do xornalismo profesional en Santiago, nunha carreira que o levaría a ocupar postos de responsabilidade nalgunhas das principais cabeceiras da súa época.
Alfredo Vicenti iniciou a súa formación xornalística sendo moi novo en El Diario de Santiago. Posteriormente, da man de Manuel Murguía, incorporouse a La Ilustración Gallega y Asturiana e desenvolveu boa parte da súa carreira fóra de Compostela, chegando a dirixir os xornais El Globo e El Liberal.
A súa actividade como xornalista, escritor e político converteuno nunha das figuras destacadas do xornalismo galego da súa época. A influencia exercida sobre posteriores xeracións de profesionais fixo que fose considerado un “mestre de mestres” dentro do oficio.

