A campaña municipal ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ dedicará o mes de outubro á colaboración entre a mercería Algui, situada na rúa do Vilar, e a Asociación Compostelá de Diabetes, cun programa de actividades que combinará a divulgación sobre esta enfermidade coa posta en valor do comercio tradicional de Santiago. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou este venres as propostas acompañada por Anxos Delgado, responsable do establecemento, e Ana Castro, presidenta da entidade.
Rozas destacou a incorporación por primeira vez de Algui á iniciativa municipal, un negocio con máis de 75 anos de traxectoria e integrado no tecido comercial da zona histórica. A concelleira enmarcou a súa participación na aposta do Concello polo mantemento de establecementos tradicionais na cidade vella e salientou que este tipo de tendas forman parte tamén do atractivo de Compostela para residentes e visitantes. “Algui é un exemplo de supervivencia” e dunha actividade comercial “con personalidade”, sinalou.
A campaña servirá tamén para achegar á cidadanía o labor da Asociación Compostelá de Diabetes, que cumpre 40 anos de actividade acompañando persoas diagnosticadas e as súas familias, ademais de desenvolver iniciativas de prevención, educación sanitaria e promoción de hábitos saudables. A asociación exerce actualmente a presidencia da Federación Galega de Asociacións de Pacientes con Diabetes, desde a que participa na coordinación de actividades relacionadas coa enfermidade en Galicia.
A súa presidenta, Ana Castro, incidiu especialmente na importancia do diagnóstico precoz da diabetes tipo 2, unha enfermidade que pode permanecer durante tempo sen ser detectada. Segundo explicou durante a presentación, en Galicia hai arredor de 250.000 persoas con diabetes tipo 2, parte delas sen coñecer aínda o diagnóstico, polo que a entidade centra unha parte do seu traballo na prevención e na detección temperá.
CONTROIS DE GLICEMIA DIANTE DA MERCERÍA
A primeira das actividades terá lugar o 8 de outubro, entre as 17:00 e as 20:00, cando a asociación instalará un punto informativo diante da mercería Algui. As persoas que se acheguen poderán coñecer o traballo da entidade, resolver dúbidas relacionadas coa diabetes e realizar controis de glicemia a pé de rúa.
A propia mercería exercerá durante o mes como escaparate da campaña e punto de contacto coa asociación. Anxos Delgado explicou que a vinculación do establecemento coa entidade vén tamén de relacións persoais previas con persoas afectadas pola diabetes e sinalou que a proposta permite unir a sensibilización social coa difusión dun comercio que conserva boa parte da configuración propia das mercerías tradicionais.
Delgado explicou que é habitual que persoas de fóra de Santiago entren no establecemento simplemente para coñecelo. “É un comercio de toda a vida que agora non hai”, indicou, lembrando que para moitos visitantes este tipo de negocio remite ás tendas que existían antigamente nas súas localidades.
ALIMENTACIÓN, EXERCICIO E PREVENCIÓN DE COMPLICACIÓNS
Outra das propostas previstas para outubro será unha charla sobre a lectura das etiquetas dos alimentos, impartida o día 29 pola nutricionista da Asociación Compostelá de Diabetes. A sesión pretende ofrecer ferramentas para interpretar a información nutricional durante a compra e resolver cuestións cotiás relacionadas con produtos como os edulcorantes ou as bebidas.
Castro explicou que a alimentación e o exercicio físico constitúen dous dos eixos do traballo habitual da entidade. A programación incluirá por iso tamén unha andaina polos comercios con historia de Compostela, guiada por Carmen Díaz, que permitirá percorrer diferentes establecementos tradicionais da cidade e coñecer como foi evolucionando o tecido comercial compostelán.
A responsable da asociación definiu esta actividade como un percorrido tanto físico como vinculado á memoria da cidade, especialmente para as persoas que coñeceron durante décadas estes negocios. A iniciativa pretende así sumar á promoción dos hábitos saudables unha mirada á transformación do comercio local.
O programa completarase cunha charla arredor do pé diabético, unha das complicacións que poden sufrir as persoas con diabetes e que pode derivar, nos casos máis graves, en amputacións e nunha perda significativa de calidade de vida. A elección desta cuestión está tamén relacionada coa condición de Santiago como final do Camiño e coa chegada continuada de peregrinos á cidade.
Neste sentido, a Asociación Compostelá de Diabetes traballa para que as persoas con esta enfermidade que realizan o Camiño poidan atopar en Compostela información e asesoramento sobre o coidado dos pés. Castro sinalou que o obxectivo é facilitar que “ter diabetes non sexa unha dificultade para facer o Camiño de Santiago”.
Rozas destacou que a campaña municipal permite dar maior visibilidade ao traballo que as entidades sociais realizan durante todo o ano, máis alá das accións públicas de maior alcance. No caso da diabetes, lembrou iniciativas xa asentadas na cidade arredor do Día Mundial da Diabetes, como os controis de glicosa que se realizan na praza do Obradoiro.

