A CIG reclamou ao Concello de Santiago a rescisión inmediata do contrato coa empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e que a Administración municipal pase a asumir directamente a prestación. A petición chega despois de que as traballadoras do servizo non percibisen os salarios correspondentes ao mes de setembro, unha situación que o sindicato trasladará tamén á Autoridade Laboral.
A central sindical anunciou que porá en coñecemento da Autoridade Laboral o impago das nóminas co obxectivo de que se investigue a situación e, segundo reclama, se sancione á concesionaria polos posibles incumprimentos en materia laboral. Ao mesmo tempo, a organización comunicará ao Goberno local compostelán a situación que atravesa o persoal e solicitará que adopte medidas contra a empresa.
En concreto, a CIG pide ao Concello que sancione á concesionaria, poña fin ao actual contrato e municipalice o SAF, de maneira que sexa a propia Administración local a encargada da súa xestión. O sindicato tamén prevé trasladar o caso á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para reclamar que a empresa non poida concorrer a novos procedementos de contratación das administracións públicas.
A organización sindical sostén que os problemas económicos que afectan ao persoal non se limitan á nómina de setembro. Segundo denuncia, as traballadoras teñen pendentes cantidades correspondentes á paga extraordinaria de xullo e, ademais, deben adiantar do seu propio peto gastos necesarios para desenvolver a actividade diaria, entre eles o combustible empregado nos desprazamentos para atender as persoas usuarias do SAF.
“Non é só non cobrar a nómina da paga extra de xullo e a nómina de setembro, senón que este persoal ten que adiantar diñeiro para poder pagar o combustible”, sinala a CIG. O sindicato advirte de que esta situación está deixando parte do cadro de persoal sen recursos suficientes para asumir os seus gastos ordinarios.
A central fala dunha situación de “extrema necesidade” entre as traballadoras e alerta das consecuencias que poden ter os atrasos salariais nas súas economías familiares. “Non poderán facer fronte ao pago do alugueiro ou da hipoteca da súa vivenda”, denuncia a organización, que sitúa precisamente estes incumprimentos como argumento para reclamar unha intervención inmediata do Concello.

