HomeSOCIEDADEOs habitantes secretos de Compostela: descubrindo as colonias felinas

Os habitantes secretos de Compostela: descubrindo as colonias felinas

Explora a vida e o impacto das colonias de gatos rueiros en Santiago de Compostela, unha comunidade que sobrevive nas rúas da cidade, enfrontándose a desafíos e amosando a necesidade de concienciación sobre o abandono animal.

Publicado o

Por elenagonfer

Nas rúas de Santiago de Compostela, unha cidade coñecida pola súa rica historia e beleza arquitectónica, hai unha comunidade secreta que estivo a florecer silenciosamente durante anos: as colonias felinas. Estas colonias, compostas por gatos rueiros, son unha parte integral do tecido urbano da cidade, pero adoitan pasar desapercibidas para moitos dos seus habitantes. Nesta reportaxe, exploraremos a vida e impacto destas colonias, así como os esforzos realizados para protexer e coidar a destes animais rueiros.

UNHA OLLADA Á REALIDADE COTIÁ

En Santiago é común atopar pequenas colonias de gatos que estableceron ou seu fogar nos recunchos máis inesperados da cidade. Estes felinos, coa axuda de asociacións e particulares, aprenderon a sobrevivir nunha contorna urbana, atopando refuxio nunhas características casiñas de madeira e plástico que se esconden entre os arbustos da cidade. Para moitos veciños son uns membros máis da comunidade.

Así o cre un veciño que comparte a súa experiencia. “A verdade é que por aquí hai bastantes gatiños, eu cando paso, de vez en cando, doulle uns mequiños e tal. Son moi feitos, para min somo coma os meus veciños, son un veciño máis tamén”, apunta en declaracións a Galicia Confidencial.

A pesar da capacidade de supervivencia destes felinos, a realidade é que enfrontan unha serie de desafíos, entre os que se inclúen a falta de acceso regular a alimentos, atención veterinaria e unha reprodución descontrolada. Para abordar estes problemas, varias organizacións locais e voluntarios están traballando xuntos para implementar programas que solucionen estas dificultades.

A IMPORTANCIA DE ARGO

Unha das organizacións máis activas en Santiago é ARGO. Eva, representante de ARGO, ofrécenos unha perspectiva profunda sobre o traballo que realizan e os retos que enfrontan. “Tivemos que poñer un cartel porque a xente pensaba que as casetas eran cubos de lixo e tiraban ata patas de galiñas e de todo. O problema coas colonias é que temos que ter moitísimo coidado coa hixiene, que é super importante para nós, para os gatos, e se non os veciños quéixanse. Moitas veces din ‘pero mira isto, que hai lixo’ e témoslles que dicir que iso non son os gatos, de feito, dende que están as colonias, a zona está moito máis limpa”.

Eva continúa explicando que para poder alimentar e coidar ós gatos, recorren a rifas, captan socios e organizan mercadillos, xa que os custos asociados coa alimentación, o mantemento e a atención veterinaria son elevados. Nas súas colonias, todos os gatos están esterilizados, excepto dous recentemente chegados. A esterilización é unha prioridade para ARGO, xa que a reprodución descontrolada pode levar a problemas maiores.

“Nas nosas colonias non nacen bebés desde hai moitos anos, os que chegaron veñen de leiras privadas de preto de aquí. Tamén che digo, non é noso deber esterilizarlos, é deber, por lei, do concello, pero se escaquean que da gusto. Aprovéitanse do voluntariado, din ‘dámosche un pouco de diñeiro para castrar’ coma se nos estivesen facendo un favor, pero o favor estámosllo facendo nós desde hai moitos anos”, asegura.

DESAFÍOS E PROBLEMAS

O apoio do goberno local foi mínimo, segundo Eva, quen menciona que nin o PSOE nin o actual BNG proporcionaron os recursos necesarios para apoiar ás colonias. Esta falta de apoio institucional levou ós voluntarios de ARGO a cargar coa responsabilidade financeira, loxística e emocional de coidar ós gatos rueiros. “Tivemos axuda para castrar con Compostela Aberta, e xa está, e as casetas púxoas Compostela Aberta. O PSOE non puxo nin un euro para nada, e o BNG pois a ver que pasa. Estamos a esperar, en teoría vai dar unha partida para castrar, pero seguimos esperando”, di.

Eva tamén destaca a importancia da educación e a empatía na comunidade para asegurar o benestar dos gatos: “Ós veciños da comunidade diríalles que hai que compartir o espazo, que os gatos non son unha praga e que se están ben alimentados e coidados, é beneficioso. Ademais, é unha forma de convivencia, especialmente para ensinarlles valores ós nenos”. A representante menciona situacións de boicot ó seu traballo por parte dalgúns veciños, e pide, “se non aportas, aparta”. Eva subliña a necesidade de aprender a convivir e sentenza que “se non van colaborar coas asociacións, polo menos que non entorpezan o noso labor. Os gatos teñen tanto dereito a estar aquí como nós ou como os seus cans“.

A ESPERANZA E O FUTURO DAS COLONIAS

A pesar dos retos, ARGO e outras organizacións similares continúan traballando incansablemente para mellorar a vida dos gatos rueiros e educar á comunidade sobre a importancia da esterilización e o coidado responsable.

Eva expresa un desexo profundo de que algún día non haxa gatos nas rúas. “O obxectivo das colonias é que acaben desaparecendo de maneira natural. Os gatos son animais domésticos, non deberían estar na rúa. Nós mellorámoslles a calidade de vida, coidámolos, dámoslles atención veterinaria… Se puidésemos retiralos todos da rúa e levárnolos a casa fariámolo, pero non é viable meter 50 gatos na casa”, insiste.

Para quen desexa colaborar, Eva suxire contactar coas asociacións locais ou cos veterinarios que colaboran con elas. Ademais, salienta a necesidade de denunciar o abandono e esterilizar ós gatos para evitar que a situación se agrave. “Temos que concienciar moitísimo en canto á esterilización e o abandono. A única opción ética é o CER (Captura, Esterilización e Retorno). Ningún gato debería vivir na rúa, son animais domesticados, e unha especie domesticada é responsabilidade do ser humano”.

A PROTECCIÓN QUE MERECEN

As colonias felinas de Santiago de Compostela son máis que simples grupos de gatos rueiros; son unha parte vital da comunidade, unha fonte de alegría e compañía para moitos veciños e unha molestia para os menos empáticos. Co apoio e a colaboración de asociacións como ARGO, residentes e voluntarios, podemos traballar xuntos para garantir que estes gatos reciban o coidado e a protección que merecen. Ao recoñecer e apreciar a importancia destas colonias, estamos un paso máis preto de crear unha contorna máis compasiva e segura para todos os habitantes da cidade, tanto humanos como felinos.

ÚLTIMAS

ED Sheeran, De Ninghures e outros eventos esta fin de semana en Santiago de Compostela

MÚSICA Atardecer no Gaiás - Concerto de de Ninghures: Do xoves, 4 de xullo,...

A primeira carta bomba da historia de España estalou en Santiago de Compostela

A primeira carta bomba que se utilizou na historia de España tivo como obxectivo...

O PP esixe “responsabilidades” ao goberno local polo “aumento de roubos”

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, esixiu "responsabilidades" ao goberno local ante...

Tenreira Galega estrea nova sede en Santiago para reforzar a “promoción e divulgación” do vacún galego

Tenreira Galega e Boi Galego-Vaca Galega, indicacións xeográficas protexidas do vacún de carne de...

O PP esixe “responsabilidades” ao goberno local polo “aumento de roubos”

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, esixiu "responsabilidades" ao goberno local ante...

Tenreira Galega estrea nova sede en Santiago para reforzar a “promoción e divulgación” do vacún galego

Tenreira Galega e Boi Galego-Vaca Galega, indicacións xeográficas protexidas do vacún de carne de...

Falece María Belén López Meirama, profesora da Facultade de Filoloxía da USC

María Belén López Meirama, directora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here