A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dedicará a súa tempada 2026-2027 ao diálogo entre a música e as artes visuais. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director da formación, David Fiuza, presentaron este martes a programación, titulada ‘Viñetas, música que tamén conta historias’, que contará co ilustrador Kiko da Silva como colaborador especial.
Da Silva será o encargado de trasladar ao papel cada unha das propostas musicais mediante unha ilustración específica para cada concerto, ademais de asinar a imaxe xeral da tempada. O público recibirá nas actuacións un documento que incluirá o programa nunha das caras e a creación do ilustrador na outra, de maneira que cada cita contará cunha peza gráfica propia.
Fiuza explicou que o concepto parte dos puntos en común entre unha viñeta e un concerto, entendidos como momentos delimitados capaces de construír e transmitir unha historia. O director cualificou como un “luxo” a participación de Kiko da Silva e destacou o “carácter fabulístico” e bucólico da imaxe deseñada para presentar a programación.
A primeira parte da tempada estará formada por oito concertos entre outubro e decembro, aos que se sumarán varias sesións didácticas para público infantil. Pola batuta pasarán neste período diferentes directores convidados, entre eles participantes no concurso de dirección que organiza a propia Banda Municipal.
O primeiro concerto celebrarase o domingo 4 de outubro ás 12:00 no Teatro Principal. ‘Valencia, da tradición á modernidade’ estará dirixido por Juan Daniel Jover Piqueres, gañador do concurso de dirección da Banda Municipal, e permitirá percorrer obras de Vicente Terol, Manuel Palau, Rafael Taléns, José Vicente Egea e Saül Gómez Soler.
A programación continuará a mediados de mes con ‘Breve Historia da música clásica’, unha proposta que percorrerá cinco séculos de creación musical desde o XV cunha perspectiva humorística. O segundo director da Banda, Casiano Mouriño Maquieira, asumirá a dirección, mentres que os actores Félix Rodríguez e Fran Rei participarán nun espectáculo que empregará a sátira e a retranca para achegar a música clásica ao público.
Antes da función aberta, prevista para o domingo 18 de outubro ás 12:00 no Teatro Principal, desenvolveranse catro sesións didácticas destinadas ao público infantil. Terán lugar os días 15 e 16 de outubro, ás 10:00 e ás 12:00, na Sala Mozart.
A terceira cita chegará o 25 de outubro ás 12:00 no Teatro Principal, coa renovación da colaboración entre a Banda Municipal e Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. O programa contará coa soprano moldava Clara Panas e co barítono ucraíno Nazar Mykulyak e incorporará composicións de autores como Wolfgang Amadeus Mozart, Richard Wagner e Giuseppe Verdi.
BANDAS SONORAS E UN REPERTORIO GALEGO PARA O MES DE NOVEMBRO
O cinema protagonizará unha das propostas de novembro. ‘Música no cine (o poder dunha banda sonora)’ recuperará composicións de autores como Ennio Morricone e John Williams e coincidirá coa celebración de Cineuropa. O concerto será o 8 de novembro ás 12:00 no Auditorio de Galicia, baixo a dirección de Casiano Mouriño Maquieira e coa participación da actriz e comunicadora Paula Cereixo.
A actuación estará precedida por novos concertos didácticos para público infantil os días 5 e 6 de novembro. A Banda manterá así nesta primeira parte da tempada unha programación paralela destinada a achegar diferentes repertorios e formas musicais ás xeracións máis novas.
Outra das citas será a quinta edición do concurso de dirección da Banda Municipal, que nesta ocasión levará por título ‘Campus Stellae’. O repertorio será integramente galego e manterá unha estreita vinculación con Santiago, con composicións de Andrés Álvarez, Ángel Montes, Thierry Deleruyelle, Simón Couceiro Riveira, Juan Lois Diéguez e Javier González Borrajo.
O mes completarase con ‘Raíces e horizontes’, baixo a dirección de Borja Romero, premiado na anterior edición do concurso de dirección. A actuación celebrarase tamén ás 12:00 no Teatro Principal.
DOUS DIRECTORES CONVIDADOS PECHAN O ANO
En decembro, a Banda Municipal recibirá dous directores convidados. Antonio Lajara dirixirá o domingo 13 de decembro ás 12:00 no Teatro Principal o programa ‘Da terra ó mito’, concibido arredor das conexións entre o folclore e a mitoloxía.
A primeira parte da tempada concluirá o 20 de decembro ás 12:00, tamén no Teatro Principal, coa visita do director arxentino Miguel Etchegoncelay. O músico estará á fronte de ‘Ritos’, a última das propostas programadas pola formación compostelá antes de finalizar o ano.

