A Xunta presentou este luns en Boqueixón o distintivo ‘Coa comida, Galicia sen desperdicio’, unha iniciativa coa que pretende promover un maior aproveitamento dos alimentos e reducir as perdas ao longo da cadea alimentaria. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, deu a coñecer o selo nun acto celebrado no restaurante ‘O Balado’, ao que fixo unha entrega simbólica do distintivo.
O establecemento boqueixonés, dirixido polo cociñeiro Roberto Filgueira, integrante do Grupo NOVE, serviu así como escenario para presentar unha iniciativa coa que o Goberno galego busca implicar diferentes sectores na prevención do desperdicio. Gómez sinalou que aproveitar os alimentos ao máximo permite tamén recoñecer o traballo dos produtores e os recursos necesarios para obtelos, ademais de “coidar o territorio e contribuír a unha sociedade máis responsable”.
A presentación coincidiu coa aprobación este mesmo luns no Consello da Xunta dunha Declaración Institucional polo Día Internacional da Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos. A conselleira enmarcou ambas as actuacións no obxectivo de reducir o desperdicio “en todas as etapas da cadea”, desde a produción ata o consumo final.
Medio Rural traballa tamén na elaboración dunha Estratexia de Prevención das perdas alimentarias, que incluirá medidas para facilitar o aproveitamento dos excedentes que continúen sendo aptos para o consumo. O documento abordará igualmente accións de formación e sensibilización e iniciativas relacionadas coa innovación, baixo a consideración de que se trata dun “reto que debe ser compartido” polo conxunto da sociedade.
Na declaración aprobada polo Goberno galego recóllese tamén o recoñecemento ás persoas e entidades que desenvolven actuacións para evitar a perda de alimentos. A Xunta comprométese a reforzar as boas prácticas de aproveitamento, promover redes solidarias e favorecer a seguridade xurídica e alimentaria, ademais de avanzar na formación, investigación e transferencia de coñecemento neste ámbito.
Durante o acto en Boqueixón, Roberto Filgueira centrou parte da súa intervención nas posibilidades que ofrece o produto de tempada. O cociñeiro puxo como exemplos as mazás e as castañas e incidiu en que froitas e hortalizas poden conservarse mediante conxelación para seren empregadas posteriormente en preparacións como marmeladas.
Filgueira tamén destacou prácticas tradicionalmente vinculadas ao medio rural que permiten prolongar o aproveitamento dos produtos máis alá da cociña. Entre elas mencionou o emprego de peles de pataca e doutros restos orgánicos na alimentación do gando, como exemplo dun modelo no que os residuos alimentarios poden ter novos usos antes de seren descartados.

