InicioDEPORTESSantiago homenaxea a Borja Iglesias tras proclamarse campión do mundo coa Selección...

Santiago homenaxea a Borja Iglesias tras proclamarse campión do mundo coa Selección Española

O dianteiro compostelán foi recibido no Pazo de Raxoi, onde reivindicou o seu orgullo pola cidade, e participou previamente nun acto de recoñecemento da Xunta xunto ao árbitro asistente Diego Sánchez Vermello

Publicado o

Xornal de Compostela

O futbolista Borja Iglesias regresou este luns á súa cidade natal como campión do mundo. O dianteiro do Celta e internacional coa Selección Española recibiu dúas homenaxes institucionais en Santiago de Compostela despois de formar parte do combinado que levantou a Copa do Mundo o pasado mes de xullo. O Concello recibiuno no Pazo de Raxoi antes de que o xogador saíse ao balcón para dirixirse ás persoas congregadas na Praza do Obradoiro, mentres que a Xunta tamén recoñeceu a súa participación no Mundial.

A recepción municipal estivo presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e contou cunha ampla representación das formacións políticas da corporación. A rexedora definiu o dianteiro como “un referente no deportivo, un referente en valores e un dos nosos” e destacou tanto a súa carreira futbolística como a súa implicación en diferentes causas e iniciativas vinculadas coa cidade.

Durante o acto, Sanmartín entregoulle unha botella con terra recollida dos campos de fútbol de Santiago, en referencia aos espazos nos que comezou a súa relación co deporte, ademais dun estoxo coa obra de Rosalía de Castro. A alcaldesa lembrou tamén os primeiros pasos de Iglesias nos equipos de La Salle, Santiago e Conxo, antes de desenvolver unha carreira profesional que acabaría por levalo á Selección Española.

“Hoxe recoñecemos un campión do mundo que foi exemplar nun deporte de elite, nun deporte esixente e competitivo, no que hai que ter ambición, pero tamén no que hai que ter compromiso desde o punto de vista persoal, empatía, solidariedade, amabilidade e xenerosidade”, sinalou Sanmartín. A alcaldesa incidiu ademais na maneira na que o futbolista ten empregado a súa proxección pública para defender diferentes valores e para mostrar “que se pode ser de formas diversas”.

Nese sentido, considerou que a figura de Iglesias tamén pode funcionar como referencia para os nenos e nenas que comezan a practicar deporte. “Para ter unha sociedade máis igualitaria son necesarios homes libres e persoas comprometidas e solidarias”, afirmou. A rexedora agradeceulle igualmente o seu compromiso co galego, lembrando a súa participación en ‘Ficha polo galego’, a campaña municipal para promover o uso da lingua no ámbito deportivo.

Borja Iglesias centrou a súa intervención no vínculo que mantén con Compostela e no apoio recibido durante a súa carreira. “Sempre me sentín un compostelán orgulloso, a día de hoxe aínda máis”, afirmou ante os asistentes á recepción. O xogador trasladou tamén o seu agradecemento polo respaldo recibido tanto na súa faceta deportiva como na persoal.

“Ás grandes amizades sempre lles digo que Galicia é un lugar especial e Santiago de Compostela máis aínda e quero agradecer todo o agarimo que recibo e todo o apoio para vivir a miña vida tanto profesional como persoal ao máximo”, explicou. Posteriormente, repetiu a súa mensaxe desde o balcón do Pazo de Raxoi, diante das persoas que agardaban por el na Praza do Obradoiro.

O dianteiro deixou tamén constancia da visita no Libro de Honra do Concello. “Co máximo agarimo e orgullo dun compostelán que goza da súa xente cada día que pasea por esta marabillosa cidade”, escribiu. Na recepción estivo acompañado pola súa nai, Maite, mentres que Sanmartín tamén fixo referencia ao papel da súa familia durante a súa traxectoria, incluídos o seu pai, Marcelino, e o seu avó Argimiro.

RECOÑECEMENTO DA XUNTA AOS GALEGOS DO MUNDIAL

Antes da homenaxe municipal, Iglesias participou noutro acto institucional celebrado pola Xunta. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, recibiu o dianteiro compostelán e o árbitro asistente coruñés Diego Sánchez Vermello, ambos participantes na Copa do Mundo.

A Xunta destacou que Borja Iglesias se converteu no primeiro futbolista galego en conquistar un Mundial coa selección masculina, mentres que Sánchez Vermello foi recoñecido como o primeiro xuíz de liña galego en participar na fase final dun campionato mundial masculino.

ÚLTIMAS

Patadas na cabeza, unha navalla e ameazas previas: investigan dúas agresións nas festas de Conxo

Familias e amigos de dous mozos denunciaron por distintas vías que ambos tiveron que...

Educación fixa servizos mínimos nos colexios de Santiago pola folga do persoal de Lacera

A Consellería de Educación publica este luns no Diario Oficial de Galicia os servizos...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

Santiago de Compostela dará inicio a unha Volta Ciclista España 2027 que arrincará en setembro

A próxima edición 2027 da Vuelta Ciclista a España sairá de Galicia, concretamente da...

Santiago de Compostela dará inicio a unha Volta Ciclista España 2027 que arrincará en setembro

A próxima edición 2027 da Vuelta Ciclista a España sairá de Galicia, concretamente da...

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Roque González regresa ao Compostela para reforzar a defensa en Segunda Federación

A SD Compostela recupera a Roque González Delgado para a temporada 2026-2027. O futbolista...