InicioPOLÍTICAO PP alerta de novos problemas vinculados á droga en Laraño e...

O PP alerta de novos problemas vinculados á droga en Laraño e Conxo e pide máis actuación municipal

José Ramón de la Fuente asegura que veciños de Pardiñas detectaron de novo trasfego de persoas e denuncia problemas de convivencia nun edificio da rúa Sánchez Freire

Publicado o

Xornal de Compostela

O Partido Popular de Santiago volveu reclamar este venres unha maior intervención do Concello ante os problemas que, segundo sostén a formación, están a denunciar veciños de distintos puntos do municipio en relación co tráfico e o consumo de drogas. O concelleiro popular José Ramón de la Fuente situou entre as zonas afectadas Pardiñas, na parroquia de Laraño, e a rúa Sánchez Freire, en Conxo.

O edil asegurou que residentes de Pardiñas trasladaron novamente ao PP a súa preocupación pola presenza de persoas que se desprazan ata esta zona e que, segundo as sospeitas veciñais recollidas polos populares, poderían facelo para adquirir droga.

A formación xa advertira meses atrás dunha situación similar neste punto de Laraño. Segundo De la Fuente, tras unha etapa na que os veciños percibiron unha diminución da actividade, nos últimos días aumentou de novo o movemento de persoas e regresou a preocupación entre os residentes.

O PP relaciona este incremento coa intervención desenvolvida recentemente pola Policía Nacional nas vivendas de San Ignacio de Loyola, aínda que non achega datos policiais que permitan confirmar unha relación directa entre ambos os feitos.

Para De la Fuente, o sucedido pon de manifesto que “a presión policial dá resultados alí onde se actúa, pero tamén que o problema non desaparece por si só e pode acabar trasladándose a outros puntos do municipio”.

“Os veciños de Laraño xa pasaron por isto e non teñen por que resignarse a vivilo outra vez. Teñen dereito a vivir tranquilos e a que as administracións actúen antes de que a situación volva deteriorarse”, manifestou o concelleiro.

Os populares trasladaron tamén as queixas de residentes nun inmoble da rúa Sánchez Freire, no barrio de Conxo. Segundo a información facilitada ao grupo municipal, desde hai meses prodúcese un tránsito continuado de persoas que estaría provocando conflitos de convivencia no edificio.

Os veciños citados polo PP aseguran que se rexistran discusións e liortas e denuncian tamén danos e problemas de salubridade nos espazos comúns, onde, segundo relatan, apareceron feces e ouriños.

De la Fuente afirmou que esta situación levou polo menos unha persoa residente a abandonar o edificio e que outras estarían valorando a mesma opción.

“Non podemos aceptar que en Santiago haxa persoas que sintan que a única solución que lles queda para recuperar a tranquilidade é marchar da súa propia casa. Cando se chega a ese extremo é evidente que estamos ante un problema ao que as administracións teñen que dar resposta”, declarou.

O grupo popular recoñeceu o labor desenvolvido pola Policía Nacional nas investigacións e actuacións realizadas contra o tráfico de drogas na cidade. Segundo De la Fuente, “cando hai investigación, presenza policial e intervención, hai resultados”.

A formación considera, porén, que as actuacións sobre focos concretos deben ir acompañadas doutras medidas para evitar que os problemas denunciados polos veciños se reproduzan noutras zonas de Santiago.

Neste sentido, o PP reclama ao goberno local de BNG e Compostela Aberta unha maior implicación a través das competencias municipais. Entre as medidas que propón figuran unha maior presenza da Policía Local, a intervención dos servizos sociais, accións preventivas e actuacións relacionadas coa convivencia, a limpeza e a recuperación dos espazos nos que se detecten problemas.

“En Santiago existen problemas relacionados co tráfico e consumo de drogas en determinados puntos e negalo non contribúe a solucionalos. O Concello non pode mirar para outro lado cada vez que os veciños levantan a voz e esperar a que sexa exclusivamente a Policía Nacional quen afronte a situación”, sostivo De la Fuente.

Os populares demandan así unha coordinación estable entre o Concello e a Policía Nacional, ademais da mobilización dos recursos municipais que poidan intervir dentro das súas respectivas competencias.

“O que estamos vendo demostra que non chega con actuar puntualmente sobre un foco se non existe unha estratexia sostida que evite que o problema simplemente cambie de enderezo. O goberno municipal ten que escoitar aos veciños, asumir a parte de responsabilidade que lle corresponde e empezar tamén a facer o seu”, concluíu o concelleiro.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here