InicioECONOMÍALouzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo destaca o peso crecente dos visitantes internacionais e as perspectivas dos congresos e das novas rutas, mentres defende a actuación municipal nos contactos con Fly2Galicia e anuncia que comparecerá no pleno para explicar a relación co proxecto

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance da tempada turística de verán en Compostela, á espera de que o Instituto Nacional de Estatística publique os datos correspondentes a agosto. O Goberno municipal considera que as cifras de xuño e xullo apuntan cara á estabilización da demanda despois dos efectos que tiveron sobre o aeroporto Rosalía de Castro a retirada da base de Ryanair e o posterior peche temporal das instalacións polas obras realizadas na primavera.

Os establecementos hoteleiros composteláns superaron as 150.000 estadías mensuais tanto en xuño como en xullo. Neste último mes contabilizáronse concretamente 156.234 estadías, un 0,62% máis que no mesmo período de 2025.

Louzao encadrou estes datos nun período de cambios na conectividade de Santiago iniciado co peche da base de Ryanair a finais de outubro de 2025. A esa situación sumouse posteriormente a interrupción da actividade do Rosalía de Castro durante 35 días, desde a segunda metade de abril ata o 28 de maio, debido ás obras executadas no aeroporto.

Segundo explicou a responsable de Turismo, o Concello centrou durante estes meses o seu traballo en diversificar as compañías e incrementar o peso das conexións internacionais, coa intención de reducir a dependencia dunha única operadora e limitar o impacto da saída de Ryanair.

O que fixemos foi converter unha crise nunha oportunidade“, afirmou Louzao, que considera que a evolución das estadías durante xuño e xullo mostra que a nova oferta aérea permitiu achegarse aos resultados do verán anterior malia non contar xa coa base da compañía irlandesa.

NOVA YORK, ÁMSTERDAM, CORK E FRANKFURT REFORZAN A OFERTA INTERNACIONAL

A reapertura do aeroporto produciuse o 28 de maio coa chegada do primeiro voo directo de United Airlines desde Nova York, unha conexión que a compañía estadounidense xa confirmou que volverá operar durante a tempada de 2027.

Ao longo do verán incorporáronse outras novidades internacionais. KLM abriu a súa conexión con Ámsterdam, Aer Lingus iniciou os voos directos con Cork e Lufthansa incrementou as frecuencias con Frankfurt ata alcanzar un servizo diario durante os meses centrais da tempada. Vueling, pola súa banda, incorporou un cuarto avión á súa base compostelá.

Para Louzao, esta evolución permite reducir o que cualificou como “monocultivo con Ryanair” e avanzar cara a un aeroporto cun maior número de compañías. A concelleira sostivo que esta variedade favorece tanto a estabilidade da oferta como a competencia entre operadoras.

O cambio tamén se está producindo na procedencia das persoas que pasan a noite na cidade. Xullo foi o cuarto mes consecutivo no que o turismo internacional superou o estatal. As estadías de visitantes procedentes doutros países aumentaron un 8,34% e alcanzaron as 78.967, fronte ás 77.267 correspondentes ao mercado doméstico.

No acumulado entre xaneiro e xullo, o 56% das estadías rexistradas en Santiago corresponden xa ao turismo internacional, cun total de 416.043, mentres que o mercado estatal representa o 44%.

Louzao indicou que a política municipal de promoción está orientada especialmente cara a mercados que xeren unha maior repercusión económica na cidade, aínda que puntualizou que o Concello considera benvidas todas as persoas que queiran visitar Compostela.

A evolución da demanda internacional coincide ademais cun incremento dos prezos hoteleiros. A tarifa media diaria situouse en xullo nos 105,31 euros, aproximadamente un 5% máis que un ano antes. En xullo de 2022, durante o anterior Ano Santo, a media era de 89 euros.

A responsable de Turismo insistiu, con todo, en que o obxectivo municipal non pasa unicamente por incrementar o volume de visitantes. “O importante non son os números”, sinalou, antes de defender un modelo que procure aumentar o impacto económico positivo do turismo e repartir a actividade ao longo do calendario.

OS CONGRESOS GAÑAN PESO NO ÚLTIMO CUADRIMESTRE

As previsións do Concello para os últimos catro meses do ano pasan precisamente pola desestacionalización, o turismo MICE —vinculado a congresos, reunións e eventos profesionais— e a conectividade aérea.

Louzao considera que a promoción de Santiago como destino cultural e de actividades durante todo o ano está permitindo prolongar progresivamente o período de maior actividade ata a segunda metade de outubro.

Un dos principais elementos desa estratexia serán os congresos. A concelleira apuntou que setembro contará con catro grandes encontros que sumarán milleiros de participantes, entre eles o Congreso Nacional de Estatística e Investigación Operativa, que comezou este 2 de setembro e se prolongará ata o día 5.

Do 24 ao 26 de setembro está prevista tamén a 37ª reunión do Grupo de Dermatoloxía Estética e Terapéutica, cunha previsión superior ás 800 persoas, mentres que a finais do mesmo mes Compostela acollerá o ‘Congreso Internacional de Medicina Clínica – CIMEC 2026’.

A actividade continuará en outubro cunha das citas de maior dimensión previstas para este ano. Entre o 7 e o 10 de outubro celebrarase o 48º Congreso Nacional de SEMERGEN, da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, cunha previsión de 5.000 asistentes.

Posteriormente, do 21 ao 23 de outubro, está previsto o Congreso da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, para o que se agarda a participación dunhas 1.200 persoas.

WIZZ AIR ADIANTA A SÚA BASE E VUELING PREPARA UN QUINTO AVIÓN

O terceiro eixo que o Goberno local sinala para os próximos meses é a ampliación da oferta do Rosalía de Castro durante a tempada de inverno.

Entre as principais novidades está a decisión de Wizz Air de adiantar ao 17 de decembro a apertura da súa base en Santiago, inicialmente prevista para febreiro de 2027. A compañía desenvolverá progresivamente unha programación de dez rutas, oito estatais e dúas internacionais, estas últimas con Roma e Varsovia.

Vueling manterá tamén durante o inverno o cuarto avión incorporado este verán e xa comunicou que sumará unha quinta aeronave á súa base compostelá no verán de 2027.

A estas decisións únese a continuidade da conexión de United Airlines con Nova York. Para Louzao, os anuncios realizados polas tres compañías permiten afrontar o Ano Santo de 2027 cun aeroporto máis diversificado e cun peso previsiblemente maior das rutas internacionais.

LOUZAO DEFENDE OS CONTACTOS CON FLY2GALICIA

Parte da comparecencia estivo dedicada á controversia arredor de Fly2Galicia, o proxecto que anunciou o inicio das súas operacións desde Santiago o próximo 1 de decembro, cunha programación de oito destinos. Cinco deles son internacionais —Bruxelas, Praga, Múnic, Milán e Venecia— e os restantes corresponden a conexións dentro do Estado.

Louzao reiterou que o Concello considera positiva a incorporación de calquera proxecto que permita mellorar a conectividade do aeroporto, pero condicionou a valoración definitiva de Fly2Galicia á aclaración das dúbidas aparecidas durante as últimas semanas arredor das relacións dun terceiro vinculado ao proxecto con Israel.

De consolidarse, será unha moi boa nova“, sinalou sobre a operadora, antes de admitir que a controversia aberta arredor do proxecto “non axuda en absoluto” á súa consolidación.

A concelleira remarcou tamén a posición do Goberno municipal respecto da situación en Palestina e indicou que agarda que o Estado esclareza as cuestións que suscitaron a polémica, despois de que o ministro de Consumo anunciase que se analizaría o asunto.

Sobre a relación entre Turismo de Santiago e Fly2Galicia, Louzao asegurou que non existiu ningún contrato, colaboración económica nin relación administrativa formal. Segundo a súa versión, Aena puxo en contacto o Concello coa operadora e o departamento municipal limitouse a prestar o apoio técnico habitual para empresas interesadas en traballar desde Compostela.

Ese labor incluíu, segundo detallou, facilitar contactos de provedores locais e informar sobre as rutas que poderían resultar de maior interese para Santiago.

A responsable municipal negou que o Concello presentase previamente a chegada da operadora como un logro propio. “O que fixemos foi unha intervención bastante matizada, saudando un proxecto e indicando que, de se consolidar, sería unha boa nova para Compostela”, respondeu ao ser preguntada pola posición expresada antes da aparición da polémica.

Tamén insistiu en que nunca chegou a negociarse unha achega económica. “Non había prevista ningunha colaboración económica porque nin sequera se chegou a falar con este touroperador en ningún momento de ningunha colaboración económica”, afirmou.

TURISMO CIFRA NUNS MIL OS CORREOS ANUAIS CON COMPAÑÍAS E OPERADORES

Louzao defendeu ademais o procedemento seguido polos técnicos municipais e sostivo que non corresponde a Turismo de Santiago realizar unha investigación previa sobre cada entidade que solicita asesoramento.

Como exemplo do volume de actividade do departamento, cifrou en arredor dun milleiro os correos electrónicos que cada ano se intercambian con compañías e empresas do sector, aos que se suman chamadas, mensaxes e reunións celebradas en feiras e encontros profesionais.

A concelleira comparou esta actividade co traballo desenvolvido polo Santiago de Compostela Convention Bureau con empresas que organizan congresos e pola Film Commission con produtoras interesadas en realizar rodaxes na cidade.

Alguén pensa que nós, para poder dar o noso apoio desde Turismo de Santiago a todas estas empresas, temos que facerlles unha auditoría antes?“, preguntou Louzao, que defendeu que ese sistema “bloquearía o traballo”.

A responsable municipal asegurou que Turismo de Santiago volverá atender futuras propostas que lle traslade Aena ou calquera outro operador interesado no aeroporto. No caso concreto de Fly2Galicia, indicou que o Goberno local considera necesario agardar agora pola aclaración das dúbidas existentes antes de decidir os seguintes pasos.

Louzao tamén respondeu ás declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen negara que o Executivo autonómico levase meses traballando para a implantación concreta desta operadora. A concelleira interpretou esas palabras como unha mostra da falta de participación da Xunta na política aeroportuaria compostelá e cualificou o seu apoio nese ámbito como “cero“.

A CONCELLEIRA SOLICITA COMPARECER NO PLENO

Ante as críticas recibidas durante as últimas semanas, Louzao anunciou que solicitou comparecer no pleno municipal para explicar a actuación de Turismo de Santiago arredor de Fly2Galicia.

A edil afirmou que aproveitará esa intervención para responder ás acusacións realizadas e expoñer o traballo desenvolvido polo departamento. Tamén atribuíu parte da controversia a intereses contrarios á mellora da conectividade compostelá, unha consideración que non concretou.

O Goberno local sostén, en todo caso, que seguirá mantendo como prioridade incrementar as posibilidades de conexión directa desde Santiago e atraer viaxeiros internacionais.

O CONCELLO SEGUE A ESTUDAR COMO ORDENAR AS COLAS DA CATEDRAL

Louzao informou tamén dos avances para implantar no futuro un sistema que permita coñecer desde o teléfono móbil o estado das colas para acceder á Catedral.

O proxecto require, segundo explicou, delimitar primeiro fisicamente a zona na que se forman as filas para que poidan funcionar correctamente as cámaras destinadas ao reconto de persoas.

Turismo mantivo reunións con Mobilidade, Patrimonio e Cidade Histórica, ademais de contactos co Arcebispado e con Turismo de Galicia, para estudar as posibles localizacións.

A situación resulta este ano máis complexa pola andamiaxe instalada na Berenguela, polo que unha delimitación deseñada nestes momentos podería quedar obsoleta cando rematen as obras. O Concello está traballando por iso nunha solución estable para o futuro, aínda que Louzao non descartou instalar antes algún sistema provisional se se alcanza un acordo.

ÚLTIMAS

Centos de persoas percorren Santiago para denunciar o racismo ante a crise migratoria de Ceuta

Varios centenares de persoas participaron este mércores en Santiago de Compostela nunha manifestación contra...

A Policía Nacional detén un home por roubar nunha xeadaría da Praza do Toural

A Policía Nacional detivo en Santiago de Compostela un home como presunto autor dun...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

Rozas confirma que Compostela Aberta manterá en 2027 o seu modelo plural e reivindica a capacidade de chegar a acordos

A portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, asegurou este mércores que a formación manterá...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

Santiago supera os 235.000 peregrinos no verán e rexistra un aumento do 8% nun ano

Santiago de Compostela recibiu 235.801 peregrinos entre o 1 de xuño e o 31...

Santiago expón o seu modelo urbano ante unha delegación da Academia China de Ciencias Sociais

O modelo de cidade de Santiago de Compostela centrou este xoves unha reunión entre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here