Borja Verea abriu este luns o novo curso político en Santiago cunha intervención marcada pola proximidade das eleccións municipais de maio de 2027 e coa intención de reforzar durante os próximos nove meses a presentación de propostas para a cidade. O candidato do Partido Popular á Alcaldía situou entre as súas principais áreas de traballo a vivenda, a mobilidade, as políticas para as familias, os servizos públicos e a xestión municipal.
Verea definiu esta etapa como diferente ás anteriores por tratarse do último curso político completo antes dos comicios e asegurou que o PP compostelán pretende aproveitar estes meses para explicar o modelo de cidade que quere desenvolver nos próximos anos. “Quero un concello útil. Un concello que funcione. Un concello que entenda a vida real das persoas”, afirmou.
Na súa intervención, o dirixente popular incidiu especialmente nos problemas cotiáns que, ao seu xuízo, debe atender a administración municipal. Referiuse ás dificultades das familias para compatibilizar os horarios escolares e laborais, á accesibilidade para as persoas maiores, ao acceso á vivenda da mocidade e ás relacións dos autónomos e pequenos empresarios coa administración.
A partir destes asuntos, Verea anunciou que o seu grupo continuará durante os próximos meses cunha liña baseada na presentación de iniciativas concretas. “Non hai que cambiar o que funciona”, respondeu ao ser preguntado sobre as diferenzas que haberá entre esta nova etapa e a actividade desenvolvida polo PP nos últimos meses.
Segundo explicou, a formación manterá as propostas relacionadas coas familias, a mobilidade e a xestión municipal e incrementará a partir da próxima semana a súa presenza nos barrios e o contacto con diferentes colectivos da cidade. Verea citou entre eles familias, comerciantes, asociacións, profesionais, empresas, universidades, mocidade e persoas maiores.
O candidato popular reivindicou tamén unha planificación que vaia máis alá do funcionamento ordinario dos servizos municipais. Neste sentido, defendeu a necesidade de establecer unha dirección para a cidade a medio prazo e de definir “onde queremos que estea Santiago dentro de 10 anos”.
Entre os obxectivos que mencionou situou un maior aproveitamento do peso das universidades, a cultura, o talento e a actividade económica da capital galega. Verea defendeu igualmente reforzar a dimensión internacional de Compostela e a súa relación co espazo atlántico e europeo.
“Eu quero unha Santiago con ambición. Unha cidade que aproveite todo o seu potencial”, declarou. O popular asegurou que a súa intención é que Compostela recupere capacidade de influencia no conxunto de Galicia e incremente a súa proxección exterior.
VEREA PREVÉ POUCOS CAMBIOS NO ACTUAL EQUIPO
A proximidade das municipais tamén levou a rolda de prensa ao terreo da futura candidatura. Preguntado pola continuidade dos integrantes do actual grupo municipal, Verea apuntou a que a composición manterá unha ampla estabilidade, aínda que non descartou modificacións antes da elaboración definitiva da lista.
“O equipo está funcionando moi ben, o equipo está motivado”, sinalou. Ao seu xuízo, os concelleiros populares coñecen agora mellor a cidade que ao comezo do mandato e contan con experiencia en ámbitos como a xestión ou o contacto coa veciñanza.
“Se hai axustes serán no último momento” e terán como finalidade “mellorar”, indicou Verea, que insistiu de novo en que non ve necesario modificar aquilo que considera que está funcionando.
O candidato popular asegurou ademais que afronta esta etapa coa intención de chegar aos comicios cun equipo preparado para asumir o goberno local inmediatamente despois das eleccións. “Non comezamos estes nove meses pensando simplemente en gañar unhas eleccións, senón sabendo que temos a responsabilidade de estar preparados para gobernar Santiago desde o primeiro día”, afirmou.
O PP PON O FOCO NA DIVISIÓN DAS OUTRAS FORZAS
Unha parte das preguntas estivo centrada tamén no escenario político que pode atoparse Santiago nas municipais de 2027. Verea contrapuxo a situación interna do PP á existencia de diferentes candidaturas no espazo político situado á esquerda dos populares.
“A división é dos outros”, respondeu ao ser preguntado pola posibilidade de que aumente a fragmentación política. O candidato sostivo que outras formacións que anteriormente concorrían concentradas en “dous ou tres partidos” poderían chegar ás próximas municipais repartidas en máis candidaturas.
Verea mencionou especificamente ao PSdeG-PSOE, Compostela Aberta, o BNG e os concelleiros non adscritos ao abordar o actual escenario da corporación. Atribuíu ás diferenzas entre estes espazos parte dos problemas que aprecia na xestión municipal e contrapuxo a esta situación a mensaxe de “tranquilidade, unidade, xestión e futuro” coa que pretende presentarse o PP.
Preguntado expresamente por se esa fragmentación podería facilitar unha maioría absoluta popular, Verea evitou presentala como unha circunstancia positiva. “A división nunca axuda”, afirmou, aínda que considerou que o resto das formacións deberán explicar aos electores a situación política coa que chegan ao tramo final do mandato.
O candidato popular sostivo tamén que o PP se atopa actualmente nun escenario que lle permitiría aspirar á maioría necesaria para gobernar e asegurou percibir un incremento do apoio durante os contactos coa cidadanía. O obxectivo destes meses, engadiu, será consolidar esa posición mediante novas propostas.
Verea pechou así a súa primeira comparecencia deste curso político situando o horizonte electoral de maio de 2027 como referencia inmediata, pero insistindo en que a actividade do seu grupo se centrará durante os próximos meses na elaboración dun programa para os seguintes anos. “Propostas, propostas e propostas”, resumiu ao explicar a estratexia coa que o PP compostelán entra na recta final do mandato.

