InicioPOLÍTICASanmartín confía en que o TACGal rexeite o recurso contra o novo...

Sanmartín confía en que o TACGal rexeite o recurso contra o novo contrato do bus e admite que atrasará a súa posta en marcha

A alcaldesa asegura que o Concello xa respondeu ás alegacións presentadas pola terceira licitadora e prevé levar a nova ordenanza de tarifas ao pleno entre setembro e outubro

Publicado o

Xornal de Compostela

O novo contrato do transporte urbano de Santiago terá que agardar pola resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) antes de poder ser asinado. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, confirmou este venres que o recurso presentado o pasado 11 de agosto pola empresa Martín suspende este paso e recoñeceu que, como mínimo, provocará unha demora no inicio do novo servizo.

A rexedora explicou que o tribunal dispón dun prazo máximo de dous meses dende a presentación do recurso para pronunciarse, aínda que mostrou a confianza do Goberno municipal en que as alegacións sexan desestimadas. O Concello xa remitiu a súa resposta ao TACGal, sustentada nun informe técnico e xurídico e nunha análise pericial.

O contrato fora adxudicado pola Xunta de Goberno o 23 de xullo á UTE formada por Alcalá Bus, Castromil, Monbus e Autobuses Urbanos de Lugo. A empresa Martín, que quedara en terceira posición no procedemento, reclama agora que se retrotraian as actuacións, se exclúa a oferta gañadora e se revise tamén a proposta da licitadora situada en segundo lugar.

Entre as cuestións expostas no recurso figura a consideración de que a segunda clasificada, a UTE Estelae Urbano Santiago, tería infravalorado os custos de persoal necesarios para prestar o servizo e que a súa proposta podería non garantir o cumprimento do convenio colectivo. Tamén cuestiona os cálculos relacionados cos investimentos.

No caso da empresa adxudicataria, a recorrente sostén que debería ser excluída por prever a participación dunha empresa de enxeñaría no proxecto da estación de servizo e por utilizar durante o primeiro ano autobuses que non serían da súa propiedade. Segundo a súa argumentación, estas circunstancias implicarían recorrer á solvencia doutras empresas malia ter declarado inicialmente que non precisaría medios externos.

O CONCELLO DEFENDE A ADXUDICACIÓN

Sanmartín sostivo que a análise municipal non aprecia incumprimentos. Sobre a oferta da segunda clasificada, explicou que o estudo económico elaborado polo Concello é unha estimación vinculada a un determinado modelo de organización, pero non obriga as empresas a reproducir exactamente esa estrutura para cumprir as condicións do contrato.

A alcaldesa tamén indicou que o cumprimento do convenio colectivo deberá comprobarse durante a execución do contrato e que a Mesa de Contratación non pode presumir anticipadamente que unha empresa incumprirá as súas obrigas laborais se non existe unha oferta anormalmente baixa.

Sobre a UTE adxudicataria, o informe municipal diferencia entre a solvencia técnica e económica que debe acreditar unha licitadora e os medios concretos que posteriormente adscribirá á prestación. De acordo coa interpretación do Concello, contratar unha empresa de enxeñaría ou empregar determinados vehículos non implica integrar a solvencia dunha entidade allea.

“Entendemos que non son admisibles ningunha das cuestións recorridas”, asegurou Sanmartín, quen engadiu que os informes elaborados durante o procedemento son “moi sólidos”.

A alcaldesa contextualizou ademais a impugnación lembrando que os recursos administrativos son frecuentes en contratos de longa duración e elevado volume económico. Durante a fase anterior do expediente xa foran formulados cinco, dos que tres foron inadmitidos e dous rexeitados polo tribunal.

Sanmartín aproveitou tamén para responder ao concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños, antigo responsable municipal de Mobilidade. Lembrou que o procedemento impulsado no anterior mandato tamén recibira recursos e acabou anulado polo tribunal, o que obrigou o actual Goberno a iniciar unha nova tramitación.

A rexedora defendeu os cambios introducidos dende entón, entre eles un novo modelo contractual, a modificación do deseño das liñas, unha maior cobertura do rural e a ampliación dos horarios para incorporar servizo nocturno.

A ORDENANZA DAS TARIFAS, ENTRE SETEMBRO E OUTUBRO

A alcaldesa abordou tamén a futura ordenanza que deberá regular os prezos dos billetes do transporte urbano, despois das críticas formuladas polo portavoz do PP, Borja Verea.

Sanmartín confirmou que os servizos municipais xa traballan no documento e que a intención é levalo ao pleno antes de que comece a execución do novo contrato. Se a tramitación o permite, podería abordarse en setembro e, de non ser así, en outubro.

A rexedora negou, con todo, que a ausencia dunha nova ordenanza impida por si mesma iniciar o contrato. Segundo explicou, unha cuestión é o prezo que o Concello paga pola prestación do servizo e outra as tarifas que aboan directamente as persoas usuarias.

Mentres non se modifique a regulación, explicou, seguirían existindo as tarifas actualmente vixentes e o Concello podería completar mediante subvención municipal a diferenza respecto do custo real da prestación.

A alcaldesa utilizou como exemplo o contrato de limpeza, cuxa execución continuou malia non aprobarse a ordenanza fiscal coa que o Goberno local pretendía modificar a súa financiación.

O estudo de viabilidade do transporte incluíu unha previsión de prezos baseada no custo estimado do servizo, no número potencial de persoas usuarias e na distribución entre os diferentes tipos de billetes. Sanmartín incidiu en que esas variables poden cambiar durante os 13 anos de duración do contrato sen que iso obrigue a alterar a propia prestación.

128,5 MILLÓNS DE SUBVENCIÓN MUNICIPAL EN 13 ANOS

Segundo os datos expostos pola alcaldesa, a subvención municipal prevista ao longo de toda a concesión ascende a 128.564.998 euros. A achega non será idéntica todos os anos, senón que oscilará aproximadamente entre os 8,3 e os 10,5 millóns de euros anuais.

A media calculada polo Goberno local sitúase arredor dos 9,8 millóns de euros por exercicio, equivalentes a uns 98 euros anuais por habitante.

Sanmartín vinculou esta achega ao obxectivo de manter prezos accesibles e sostivo que unha maior utilización do autobús permitiría aumentar os ingresos por billetes e dispor de máis marxe para incrementar os quilómetros de servizo e introducir adaptacións na rede.

A alcaldesa respondeu tamén á proposta do PP de ampliar as gratuidades e advertiu de que calquera redución da recadación deberá compensarse mediante unha maior achega municipal ou mediante outros mecanismos de financiación.

O Goberno, indicou, manterá o número de viaxes gratuítas para persoas xubiladas que xa estaba contemplado no expediente tramitado no anterior mandato, aínda que non pecha a porta a estudar novas bonificacións durante a vixencia do servizo.

O SAF CONTARÁ CON 7,2 MILLÓNS ANUAIS

A comparecencia de Sanmartín serviu tamén para facer balance da actividade municipal durante agosto. Entre os expedientes que destacou está a licitación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun orzamento de 7,2 millóns de euros anuais.

Segundo os datos trasladados pola alcaldesa, a nova licitación duplica os recursos destinados á atención de persoas dependentes respecto do mandato anterior e supón un aumento do 14 % en relación con 2024.

O contrato permitirá prestar arredor de 270.000 horas ao ano, unhas 10.000 máis, ademais de incorporar novas axudas técnicas e modificar as condicións económicas do servizo. O prezo que asumirá o Concello por cada hora prestada situarase en 27,01 euros.

Sanmartín contrapuxo esta cifra coa achega da Xunta de Galicia, administración competente en materia de dependencia. Segundo indicou, a financiación autonómica é actualmente de 16 euros por hora e pasará a 17 euros o próximo ano e a 18 euros en 2028.

A alcaldesa reclamou unha maior implicación autonómica e sinalou que os concellos están asumindo unha parte crecente do custo das políticas sociais. Nese ámbito tamén mencionou as bolsas de comedor, os programas de conciliación e outras actuacións municipais educativas e sociais.

CUBERTA PARA O PARQUE INFANTIL DA RÚA DE BERNA

A Xunta de Goberno prevista para o luns 31 de agosto abordará, ademais, novas adxudicacións. Unha delas será a instalación dunha cuberta no parque infantil da rúa de Berna, nas Fontiñas, cun investimento próximo aos 175.000 euros.

O parque dispón dunha superficie duns 500 metros cadrados e está rodeado de vexetación. A solución deberá integrarse coa contorna e poderá cubrir total ou parcialmente o recinto, pero terá que garantir a protección fronte á chuvia e ao sol dos elementos de xogo.

O obxectivo municipal é ampliar as posibilidades de utilización do espazo infantil durante os períodos nos que as condicións meteorolóxicas dificultan o seu uso.

O PAVILLÓN DE MONTE DOS POSTES RECUPERARÁ CAPACIDADE PARA 930 PERSOAS

A mesma Xunta de Goberno ten previsto adxudicar a adecuación do pavillón do CEIP Monte dos Postes, que actualmente ten limitada a súa capacidade a un máximo de 100 persoas polas deficiencias detectadas nas instalacións.

As obras permitirán elevar novamente o aforo ata as 930 persoas.

Entre os problemas identificados figuraban deficiencias nas vías de evacuación e carencias no sistema de protección contra incendios. O novo proxecto incorpora actuacións para adaptar o edificio ao Código Técnico da Edificación e ás esixencias vixentes en materia de seguridade contra o lume e accesibilidade.

SANMARTÍN COMPARECERÁ POLO CASO FLY2GALICIA

Outro dos asuntos abordados pola alcaldesa foi a polémica arredor de Fly2Galicia, despois de que o candidato socialista á Alcaldía e delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reclamase explicacións sobre a relación mantida polo Concello coa iniciativa.

Sanmartín anunciou que comparecerá por petición propia no próximo pleno ordinario para informar sobre os contactos municipais e afirmou que a solicitude xa foi presentada para incluíla na orde do día.

A alcaldesa reiterou que o primeiro contacto coa iniciativa chegou ao Concello a través de AENA e defendeu que o papel de Turismo de Santiago se limitou ás actuacións habituais para explorar oportunidades de conectividade aérea.

Segundo explicou, os encontros serviron para intercambiar información sobre posibles mercados, rutas e conexións que poderían resultar de interese para Santiago.

Sanmartín respaldou tamén as explicacións ofrecidas pola concelleira de Turismo, Míriam Louzao, que anteriormente sinalara que se levaba meses traballando coa iniciativa.

“A señora Louzao o que dixo é toda a verdade”, afirmou a alcaldesa, quen explicou que Turismo de Santiago mantén este tipo de conversas con empresas e proxectos tanto en feiras como noutros contactos profesionais.

A rexedora insistiu en que o Concello non ten competencias para autorizar unha compañía aérea, unha ruta ou a utilización dun aeroporto, atribucións que sitúa no ámbito estatal. Tamén remarcou que a administración municipal non establece os requisitos necesarios para que unha axencia ou operador turístico poida comercializar viaxes nin determina a solvencia necesaria para constituír unha empresa.

“O Concello non autoriza as compañías aéreas a operar no aeroporto”, recalcou.

Sanmartín incidiu tamén en que non existía contrato nin subvención municipal con Fly2Galicia, polo que, segundo sostivo, o Concello tampouco podía reclamar documentación propia dun procedemento contractual ou dunha concesión de fondos públicos.

A alcaldesa cuestionou que Pedro Blanco, na súa condición de delegado do Goberno, reclamase unha comparecencia municipal e considerou que, se aprecia irregularidades relacionadas coa actividade aérea, debería trasladalas aos organismos estatais competentes.

UN MES DE PROBA PARA O CAMBIO DE TRÁFICO EN LA SALLE

A alcaldesa pronunciouse tamén sobre as dúbidas trasladadas pola comunidade educativa de La Salle arredor dos cambios de circulación implantados na estrada paralela ao colexio.

Sanmartín explicou que se trata dunha medida provisional que será sometida a un período de proba dun mes, aproveitando as obras realizadas na zona.

A proposta, engadiu, xa figuraba en documentos estratéxicos relacionados coa mobilidade e pretende comprobar sobre o terreo os seus efectos unha vez recuperada a actividade ordinaria da cidade e iniciado o curso escolar.

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, manterá reunións coa AMPA para explicar a actuación. Despois do primeiro mes, os técnicos municipais de Mobilidade e Tráfico analizarán o funcionamento do novo esquema e decidirán se debe manterse, modificarse ou retirarse.

Sanmartín recoñeceu que existe oposición á medida, aínda que asegurou que tamén hai residentes que a consideran positiva. A decisión definitiva, insistiu, dependerá da avaliación técnica.

CONTINÚAN AS CONVERSAS COA XUNTA SOBRE A PARCELA DO QUIROGA PALACIOS

A alcaldesa informou tamén de que continúan os contactos técnicos entre o Concello e a Consellería de Educación en relación coa cesión da parcela municipal do CEIP Quiroga Palacios.

Segundo explicou, o Concello realizou a cesión nun prazo que considera áxil e entende que o terreo podería estar dispoñible para acometer a actuación. Porén, tras os requirimentos formulados dende Educación, mantéñense conversas entre técnicos municipais de Patrimonio e responsables designados pola Xunta para resolver as cuestións pendentes.

Sanmartín afirmou que a prioridade municipal é facilitar a execución das obras, aínda que volveu expresar que o Goberno compostelán aspiraba inicialmente a un proxecto de maior dimensión, atendendo ao tamaño da parcela e ás necesidades educativas detectadas na cidade.

O GOBERNO AFRONTA O INICIO DO CURSO POLÍTICO

Ante as preguntas sobre o novo curso político e a proximidade progresiva das eleccións municipais, Sanmartín asegurou que o Executivo local centrará os próximos meses en manter a actividade administrativa e avanzar nos proxectos do mandato.

A alcaldesa, tamén como representante do BNG, expresou o seu optimismo ante o escenario electoral e defendeu a xestión realizada polo seu Goberno. Segundo explicou, a planificación municipal pretende superar o horizonte inmediato do mandato e traballar sobre o modelo de cidade para as próximas décadas.

Sanmartín indicou que o Goberno continuará priorizando os expedientes municipais, os servizos públicos e as actuacións destinadas a mellorar as condicións de vida da veciñanza, nun inicio de curso político marcado pola resolución pendente do contrato dos autobuses, a futura ordenanza de tarifas e varios investimentos municipais que entran agora en fase de adxudicación.

ÚLTIMAS

Alonso Faure dá o salto á ACB co Monbus Obradoiro: “É un soño feito realidade”

O Monbus Obradoiro presentou este xoves a Alonso Faure como novo integrante do seu...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

Ferroglobe solicita ampliar un 30% a mina de Serrabal entre Vedra e Boqueixón

Ferroglobe, a antiga Ferroatlántica, iniciou os trámites para ampliar a superficie da mina de...

Santiago expón o seu modelo urbano ante unha delegación da Academia China de Ciencias Sociais

O modelo de cidade de Santiago de Compostela centrou este xoves unha reunión entre...

Verea ameaza con bloquear as novas tarifas de autobús se eliminan a gratuidade para o xubilados

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, advertiu este mércores de que...

Pedro Blanco reclama a comparecencia de Goretti Sanmartín no Pleno polo caso de Fly2Galicia

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, anunciou que o Grupo Municipal...

Muíños advirte de que o desvío de autobuses cara a San Roque pode provocar retencións coa volta ao cole

O concelleiro non adscrito de Santiago, Gonzalo Muíños, advertiu das posibles consecuencias que, ao...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here