InicioECONOMÍASantiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos...

Santiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos de accesibilidade en varios edificios

A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou obras nas redes de auga de Laraño e Amio, iniciou a contratación da dirección da reurbanización de Mallou e aprobou unha subvención de 27.000 euros á Fundación Secretariado Xitano

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha serie de acordos en materia de urbanismo, accesibilidade, abastecemento de auga e obras públicas, entre os que figura a concesión da licenza para instalar un campamento turístico con capacidade para 40 caravanas e autocaravanas no polígono do Tambre. O Concello tamén adxudicou por 45.432,85 euros a redacción dos proxectos para mellorar a accesibilidade en varios bloques residenciais da cidade.

O concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, foi o encargado esta semana de informar dos asuntos tratados polo executivo municipal durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que tamén deu conta da evolución dos traballos de asfaltado que se están executando durante agosto en diferentes rúas.

Un dos acordos urbanísticos corresponde á autorización das obras necesarias para habilitar un campamento de turismo para caravanas e autocaravanas no lugar de Rebordados, dentro do ámbito do Tambre Norte.

O proxecto reserva unha superficie central de aproximadamente 1.600 metros cadrados para 40 prazas de acampada, aos que se engaden outros 280 metros cadrados na parte posterior destinados ao depósito de vehículos.

As instalacións incorporarán ademais seis casetas prefabricadas, cunha superficie construída total de 129,60 metros cadrados nunha única planta. Estes módulos albergarán servizos como a recepción, unha biblioteca e ludoteca, fregadeiros, lavadoiros e aseos. A parcela contará tamén con zona de descarga, merendeiro e piscina.

A Xunta de Goberno concedeu igualmente unha licenza para executar un proxecto de conservación, mantemento e mellora da envolvente térmica dun edificio da avenida de Romero Donallo, así como outra autorización urbanística para instalar un centro de autolavado na vía Nobel, 13.

MÁIS DE 45.000 EUROS PARA REDACTAR PROXECTOS DE ACCESIBILIDADE

No apartado de contratación, o Concello resolveu os catro lotes correspondentes á redacción de proxectos para mellorar a accesibilidade en edificios residenciais, dentro da primeira fase da convocatoria municipal de subvencións en especie destinada a este tipo de actuacións.

Domínguez explicou que o investimento aprobado se corresponde exclusivamente coa elaboración da documentación técnica necesaria e non coa posterior execución dos ascensores ou elevadores.

O primeiro lote, correspondente ao grupo de vivendas da Nosa Señora de Belén, concretamente aos inmobles das rúas Ulpiano Villanueva, 3, e Domingo de Andrade, 9, foi adxudicado a Manuel Guerreiro por 8.777,11 euros, IVE incluído.

Os outros tres lotes recaeron na empresa Santa Soleira SL. O lote 2 foi adxudicado por 6.808,67 euros; o lote 3, por 23.038,40 euros; e o lote 4, por outros 6.808,67 euros, todas as cantidades co IVE incluído.

Estes contratos permitirán redactar os proxectos necesarios para instalar elevadores en edificios situados na avenida de Castelao, 3; na praza de Ultreia, números 3, 4 e 8; e na avenida de Salamanca, números 14 e 28.

O gasto total comprometido ascende así a 45.432,85 euros, correspondente á subvención en especie concedida ás comunidades de propietarios beneficiarias.

Preguntado pola consideración destas zonas como barrios desfavorecidos, Domínguez sinalou que se trata de áreas residenciais nas que existen especialmente problemas de accesibilidade e nas que nalgúns casos foi necesario tramitar previamente estudos de detalle para facilitar a instalación posterior dos ascensores.

ADXUDICADAS OBRAS NAS REDES DE AUGA DE LARAÑO E AMIO

A Xunta de Goberno tamén adxudicou as obras para ampliar as redes de abastecemento e saneamento na rúa Nova da Igrexa, na parroquia de Laraño, incluídas no POS+ 2025. Os traballos serán executados pola empresa Alconte Galicia SL por 63.910,36 euros, IVE incluído e terán un prazo de execución de catro meses.

Tamén quedou contratada a renovación da rede de abastecemento da rúa da Mira, en Amio, que levará a cabo Nemesio Ordóñez SA cun orzamento de 120.827,49 euros.

Esta intervención forma parte do plan municipal destinado a reducir as perdas de auga, coñecido como Plan de Fugas, e actuará sobre unha zona na que, segundo explicou Domínguez, se produciron roturas recorrentes durante os últimos anos.

A rede existente conta con tubaxes de fibrocemento e as sucesivas avarías provocaron interrupcións e molestias na contorna. O prazo previsto para completar a renovación é igualmente de catro meses.

No ámbito das obras públicas, o Goberno municipal aprobou ademais o expediente para contratar o servizo de dirección de obra da reurbanización da rúa de Mallou. A licitación contará cun orzamento de 53.785,29 euros, IVE incluído, e tramitarase mediante procedemento aberto simplificado.

A sesión serviu tamén para aprobar o convenio entre o Concello de Santiago e a Fundación Secretariado Xitano, polo que a entidade recibirá unha subvención nominativa de 27.000 euros para desenvolver o seu programa de inclusión e promoción.

DOUTOR TEIXEIRO QUEDA PENDENTE DO PINTADO E RODAS ABRIRÁ O 7 DE SETEMBRO

Durante a rolda de prensa, Domínguez tamén actualizou o estado das intervencións de pavimentación que o Concello está a executar durante agosto.

Na rúa Doutor Teixeiro, os traballos de asfaltado finalizaron o venres e a vía foi reaberta ao tráfico arredor das 16:00. Queda agora pendente a sinalización horizontal, que se realizará unha vez transcorran os días necesarios para que o novo firme estea en condicións de recibir a pintura.

Segundo indicou o concelleiro, Mobilidade prevé executar estes traballos a finais desta semana ou durante a próxima, en función das condicións meteorolóxicas. Non será necesario pechar novamente a vía ao tráfico e o pintado podería facerse de noite.

Na Fonte de Santo Antonio, os operarios estaban este luns completando os asfaltados nos treitos previamente fresados. Domínguez precisou que a intervención se concentrou nas zonas da calzada que presentaban peor estado, polo que non se renovará a totalidade do pavimento. Durante os traballos mantívose en todo momento un carril dispoñible para a circulación.

Os equipos municipais tamén tiñan previsto avanzar durante a tarde nos treitos da rúa das Rodas que xa foran fresados a pasada semana.

Nesta vía executáronse ademais rampas de formigón vinculadas aos pasos de peóns. O Concello prevé manter o tempo necesario para o fraguado do material e reabrir Rodas ao tráfico o 7 de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar.

A reorganización da circulación prevé establecer inicialmente Rodas en sentido descendente e Valle-Inclán en sentido ascendente. Domínguez indicou que Mobilidade avaliará o funcionamento desta distribución durante as primeiras semanas ou o primeiro mes e, se os resultados son satisfactorios, podería manterse de maneira estable.

O CONCELLO LEMBRA QUE O TACGAL DISPÓN DE ATA DOUS MESES PARA RESOLVER O RECURSO DO TRANSPORTE

O concelleiro tamén foi preguntado polo recurso presentado contra o procedemento de contratación do novo transporte urbano de Santiago, actualmente nas mans do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal).

Domínguez sinalou que o Concello remitiu “con axilidade” a documentación e o informe correspondente ao tribunal e lembrou que o organismo conta cun prazo máximo de dous meses para resolver.

O representante municipal evitou facer previsións sobre o resultado do procedemento, aínda que expresou a expectativa do Goberno de que a resolución sexa favorable e asegurou que a documentación do expediente foi elaborada “con rigor técnico”.

ÚLTIMAS

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

A Xunta instala 15 paneis no río Sar para advertir do risco de inundación en Santiago

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático colocou, a través de Augas de...

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

O Atardecer no Gaiás reúne 15.000 persoas e pecha a súa segunda edición con máis público

O ciclo Atardecer no Gaiás congregou 15.000 persoas na súa edición de 2026, segundo...

O Concello e a Xunta retoman as conversas técnicas para desbloquear a ampliación do Quiroga Palacios

O Concello de Santiago e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP volverán...

Vueling manterá a conexión directa entre Santiago e Bilbao durante as festas de Nadal

Vueling manterá operativa a conexión directa entre Santiago de Compostela e Bilbao durante o...

A nova compañía aérea Fly2Galicia abre a venda dos seus voos dende Santiago con oito destinos directos

Fly2Galicia xa abriu ao público a súa páxina web e activou a venda de...