O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar o saneamento municipal cun investimento conxunto de 69.725 euros. As actuacións chegarán a seis aldeas e forman parte da estratexia municipal para estender este servizo aos 105 núcleos de poboación do concello.
Un dos contratos permitirá prolongar a rede convencional de saneamento en Deseiro de Abaixo e Quián, na parroquia de Sergude; A Granxola, en Codeso; e Loureda, na parroquia do mesmo nome. O Concello destinará 40.000 euros a estes traballos, que foron adxudicados á empresa Hermanos Couto Fandiño SL.
A intervención contempla a colocación de 485 metros de novas canalizacións, ademais da construción de 15 pozos de rexistro e cinco arquetas de conexión. Con esta obra, o Concello pretende incorporar novos puntos á infraestrutura xa existente e ampliar a cobertura do servizo nestes catro núcleos rurais.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, enmarca estas intervencións no obxectivo municipal de conseguir que toda a poboación dispoña de saneamento. O rexedor sinala que alcanzar esta cobertura nos 105 núcleos sería “algo excepcional para un pequeno municipio rural que xa ten conseguido algo sen parangón no resto da provincia: que o 100% da veciñanza teña acceso a un abastecemento de auga de calidade”.
SISTEMAS AUTÓNOMOS PARA VIVENDAS AFASTADAS DOS NÚCLEOS
A segunda actuación licitada responde a unha solución diferente para aqueles puntos nos que a distancia entre as vivendas e as redes existentes dificultaría a extensión do saneamento mediante tubaxes convencionais.
O Concello elaborou en 2024 un plan específico para estes casos, baseado na implantación de sistemas autónomos compartidos por pequenos grupos de casas. A fórmula permite tratar as augas residuais sen ter que executar longos tramos de canalización ata os núcleos máis próximos.
Nesta fase, os traballos desenvolveranse nas aldeas de Espiñeira, na parroquia de Lamas, e Frenza, en Sucira, onde se prevé dar servizo a sete vivendas en cada núcleo, é dicir, a un total de 14 casas.
En ambos os lugares instalarase unha fosa séptica horizontal de poliéster reforzado con fibra de vidro, formada por dúas cámaras diferenciadas. A primeira funcionará como decantador e dixestor das augas residuais, mentres que a segunda estará destinada ao proceso de clarificación.
Cada sistema contará tamén cunha arqueta para a toma de mostras e cun pozo de infiltración con recheo de grava, a través do que se completará o tratamento e a evacuación das augas no terreo.
Esta segunda obra foi igualmente adxudicada a Hermanos Couto Fandiño SL, neste caso por 29.725 euros.

