InicioCULTURAO Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival celebrarase do 23 ao 27 de setembro con cinco días de concertos, experiencias e obradoiros e con programación no Teatro Principal e na Sala Capitol

Publicado o

Xornal de Compostela

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro cunha sétima edición que reunirá propostas musicais procedentes de diferentes países e tradicións. A organización deu a coñecer un primeiro avance dunha programación que se desenvolverá durante cinco días e que combinará concertos, experiencias e obradoiros arredor das músicas de raíz e do intercambio entre culturas, xéneros e linguas.

Entre os primeiros nomes anunciados figuran Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Magalí Sare, Marcos Coll, Ala.ni, Haydée Milanés e Javier Colina, ademais dunha produción creada especificamente para o festival baixo o título ‘Cuba canta en Maré’. O Teatro Principal e a Sala Capitol serán dous dos principais escenarios desta edición.

A apertura terá lugar o mércores 23 de setembro cunha colaboración entre a cantante catalá Magalí Sare e o coro de cámara compostelán Vox Stellae. A actuación, preparada para o Maré, servirá para presentar en Santiago o último traballo da artista, ‘Descasada Vol.1’, un disco integrado por cancións en doce linguas que aborda diferentes experiencias das mulleres arredor do matrimonio.

A mesma xornada chegará a Compostela Aterciopelados, unha das formacións máis coñecidas do rock alternativo colombiano e da combinación deste xénero con elementos da música tradicional latinoamericana. O grupo recalará no festival dentro da xira coa que está a celebrar os 30 anos do álbum ‘La Pipa de la Paz’.

A programación continuará o xoves 24 coa artista brasileira Bia Ferreira, que combina reggae, afrobeats e composicións de contido social e político. A cantante presentará repertorio do seu último traballo, ‘Améfrica’, actualmente en consideración para os Latin Grammy. A súa actuación terá lugar na Sala Capitol.

Ese mesmo día, pero no Teatro Principal, o festival propón un encontro coa música cubana a través da cantante Haydée Milanés e do contrabaixista Javier Colina. Ambos chegarán a Santiago co proxecto ‘A mi manera’, no que revisan o patrimonio da canción cubana desde unha perspectiva vinculada ao jazz.

Un dos concertos internacionais da edición chegará o venres 25 de setembro á Sala Capitol da man do cantante sirio Omar Souleyman. O músico trasladará a Compostela unha proposta que parte de estilos tradicionais como o dabke e o mawal e os leva cara a sonoridades electrónicas, con elementos do tecno e do post-disco.

O mesmo venres, o harmonicista Marcos Coll presentará no Teatro Principal o seu novo disco, ‘Ronsel’. O traballo supón tamén unha novidade na súa traxectoria, xa que nel o músico se estrea como cantante, ademais de manter a harmónica como un dos eixos do seu repertorio.

A programación avanzada para o sábado 26 inclúe a presenza no Teatro Principal da británica Ala.ni, cunha proposta centrada no jazz vocal e nas sonoridades acústicas. A artista achegará a Santiago as cancións do seu traballo máis recente, ‘Sunshine Music’.

Ese día tamén se reforzará a presenza da música cubana na programación coa estrea de ‘Cuba canta en Maré’, unha produción exclusiva do festival prevista na Sala Capitol. O espectáculo reunirá artistas cubanos residentes en Galicia como Alejandro Vargas, Reynier Aldana e David Álvarez, cun repertorio concibido para amosar diferentes expresións da tradición musical da illa e da súa diáspora.

Con este primeiro anuncio, o Maré volve situar a interculturalidade como un dos eixos da súa programación, reunindo en Santiago artistas de Colombia, Brasil, Siria, Cuba, Reino Unido, Cataluña ou Galicia e combinando músicas tradicionais con linguaxes contemporáneas.

A organización prevé incorporar nas próximas semanas novos artistas e actividades ao programa completo da edición, que se estenderá ata o domingo 27 de setembro.

Os abonos e as entradas individuais para os concertos xa están á venda a través da páxina oficial do festival, mare.gal. O Maré está producido por Nordesía e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, dentro da programación dos Concertos do Xacobeo.

ÚLTIMAS

Santiago autoriza a construción de 33 vivendas protexidas na rúa Manuel Ceruelo

O Concello de Santiago concedeu licenza á cooperativa Porto Sur para construír 33 vivendas...

O Concello destina máis de 727.000 euros a mellorar os centros educativos durante o verán

O Concello de Santiago está a aproveitar o período sen actividade lectiva de xullo...

Ames abre as axudas de ata 1.500 euros para familias numerosas e monoparentais

O Concello de Ames mantén aberto ata o próximo 14 de setembro o prazo...

O PP acusa o goberno de Santiago de rexeitar oportunidades de diálogo coa Xunta

O Partido Popular de Santiago criticou este luns a ausencia do goberno municipal na...

WOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por nove espazos de Santiago

O WOS Festival x SON Estrella Galicia pechou a programación principal da súa novena...

Novo “museo da arte urbana” nunhas galerías comerciais de Santiago

Oito novos murais, creados por artistas referentes de Galicia, transformaron unhas galerías comerciais de...

Música blues, soul, jazz ou rock encherá as rúas de Compostela este agosto no festival ‘Feito a man’

O festival "Feito a man" 2026 encherá de música e actividades gratuítas as rúas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here