A apertura da base de Wizz Air no aeroporto de Santiago adiantarase a decembro deste ano, fronte á previsión inicial de poñela en funcionamento en febreiro. A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, valorou este martes o cambio de calendario e situouno como un paso máis na estratexia municipal para reforzar a conectividade aérea de Compostela durante todo o ano.
Louzao sinalou que o adianto permitirá que o avión baseado da compañía estea xa operativo no Rosalía de Castro a partir de decembro. Para a responsable municipal de Turismo, esta decisión supón “a confirmación da boa recepción que está tendo a chegada de Wizz Air ao Rosalía de Castro”.
A concelleira relacionou ademais o movemento da aeroliña co comportamento das conexións que están funcionando durante a actual tempada de verán. Entre as incorporacións deste ano mencionou a ruta con Nova York operada por United Airlines, o enlace con Marrakech de Vueling, a conexión con Ámsterdam de KLM e os voos con Cork de Aer Lingus.
O Concello centra agora parte do seu traballo en conseguir que o incremento da oferta aérea non quede limitado aos meses de maior demanda turística. “Desde o Concello de Santiago levamos moito tempo traballando para que a conectividade tan relevante que xa temos este verán se manteña na temporada de inverno”, explicou Louzao.
Outro dos obxectivos municipais pasa por incrementar o número de aeroliñas que traballan de maneira habitual no aeroporto compostelán, reducindo a dependencia dun número limitado de operadores. A concelleira enmarcou precisamente neste obxectivo a aposta de Wizz Air por Santiago e o adianto da súa base.
MADRID, VALENCIA E BILBAO DENDE NOVEMBRO
O calendario de Wizz Air no Rosalía de Castro comezará a ampliarse antes da apertura formal da base. Segundo detallou Louzao, en novembro arrancarán as conexións da compañía con Madrid, Valencia e Bilbao.
A oferta crecerá de novo en decembro. Ás rutas previstas con Roma e Varsovia sumaranse os enlaces con Gran Canaria, Fuerteventura, Tenerife Norte, Málaga e Zaragoza.
Louzao destacou especialmente o regreso do voo con Zaragoza, unha conexión que deixara de operar no aeroporto de Santiago meses atrás. “É unha conexión que perdemos hai uns meses no Rosalía de Castro e que por fin recuperamos”, afirmou.
Co novo calendario, Wizz Air reforzará tanto as rutas domésticas como as internacionais desde Santiago e terá unha presenza máis ampla durante a campaña de inverno. O adianto da base permitirá tamén que parte dese crecemento se produza xa antes de finalizar 2026.
A concelleira asegurou que o Concello manterá os contactos co sector aéreo para seguir ampliando a rede de destinos desde Compostela. “Seguimos, polo tanto, desde Turismo de Santiago, desde o Concello de Santiago, traballando con todas as compañías para mellorar a conectividade do noso aeroporto”, concluíu.

