O Partido Popular de Santiago reclamou ao Goberno municipal unha intervención na rúa dos Caraveis, no barrio de Vidán, un acceso que, segundo expuxo o concelleiro popular Adrián Villa, acumula case tres anos con restricións ao tráfico e permanece completamente pechado dende xaneiro de 2024.
Villa explicou que os problemas neste viario comezaron en 2023 cun peche parcial e que, meses despois, a circulación quedou interrompida por completo. O edil pediu ao Concello “unha actuación inmediata” para recuperar o paso e facilitar o acceso aos inmobles situados nesta contorna.
Segundo indicou o representante do PP, a rúa é utilizada habitualmente por residentes para chegar ás súas vivendas e tamén funciona como vía de acceso cara ao monte de Moas de Abaixo. O peche fai que, na actualidade, os vehículos teñan que entrar na zona pola rúa de Vidán.
Os populares relacionan esta situación co estado doutro punto do barrio. Villa advertiu de que o firme da rúa de Vidán presenta un afundimento á altura do lavadoiro, unha circunstancia que, segundo afirmou, xera preocupación entre as persoas que pasan diariamente pola zona tanto a pé como en vehículo.
“Agora, a única forma de acceder ás casas é dende a rúa de Vidán, onde o firme está afundido á altura do lavadoiro”, manifestou o concelleiro, que asegura que esta situación leva tempo sendo trasladada ao Concello.
O grupo municipal popular tamén recuperou o debate celebrado no Pleno ordinario de xullo de 2024, cando presentou unha moción relativa á situación de Vidán. A proposta foi aprobada por unanimidade da Corporación e incluía a petición dunha actuación urxente que permitise garantir o acceso e a seguridade nos inmobles afectados.
Villa sostén que, malia aquel acordo plenario, a intervención continúa pendente dous anos despois. O concelleiro acusou o Goberno local do BNG de “darlle as costas aos veciños” e asegurou que durante os últimos anos se trasladaron compromisos sobre unha actuación que aínda non se materializou.
O edil popular tamén sinalou que a demanda polo corte da rúa dos Caraveis se suma a outras peticións formuladas polos residentes de Vidán. Segundo o PP, a veciñanza xa viña expresando desde hai dous anos a súa preocupación polos percorridos alternativos que ten que realizar como consecuencia do peche.
Neste contexto, os populares anunciaron que se suman ás reclamacións dos residentes e volveron pedir ao Executivo municipal que actúe sobre o viario. Villa enmarcou a situación na súa crítica á xestión municipal e afirmou que “Santiago quédalles grande” aos responsables do Goberno local.

