O Concello de Santiago lembrou este martes á veciñanza que continúan en vigor as limitacións no consumo de auga establecidas no bando da Alcaldía do pasado 29 de xullo, despois de que a Xunta de Galicia activase a fase de prealerta por escaseza moderada na unidade territorial de escaseza do río Tambre.
A medida chega nun contexto de descenso das reservas de auga, ante o que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, volveu solicitar a colaboración da cidadanía para reducir os consumos que non sexan imprescindibles e contribuír a garantir o abastecemento.
As restricións municipais teñen como finalidade preservar a dispoñibilidade de auga potable para o consumo da poboación e para os usos considerados esenciais. Entre as prohibicións que permanecen activas figura o enchido, tanto total como parcial, de piscinas privadas.
Tampouco está permitido lavar vehículos empregando auga da rede municipal, salvo no caso de establecementos ou negocios que dispoñan da correspondente licenza para desenvolver esta actividade.
O bando limita igualmente o uso de auga potable para o rego de xardíns, zonas verdes, hortas de lecer e outros espazos ornamentais. Neste caso, o Concello establece como única excepción aquelas regas que resulten imprescindibles para evitar a morte de vexetación arbustiva ou arbórea.
Outra das restricións afecta ás fontes ornamentais abastecidas con auga potable cando non dispoñan dun sistema de recirculación que permita reutilizar a mesma auga.
Ademais das prohibicións, o Concello pide á cidadanía e aos establecementos comerciais que adopten hábitos de aforro e eviten consumos que poidan ser prescindibles. A recomendación abrangue tanto os usos domésticos como os vinculados á actividade económica.
A entrada do sistema do Tambre na fase de prealerta reforza, segundo o Goberno local, a necesidade de manter estas medidas. As restricións continuarán vixentes ata que a evolución das reservas e da situación do abastecemento permita levantalas.
“A colaboración de toda a veciñanza é fundamental para preservar un recurso esencial como é a auga e garantir a súa subministración a toda a poboación”, recolle o bando municipal.

