InicioECONOMÍAA USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

O xerente da USC, Juan Villoslada, deu a coñecer este documento ante o Consello de Goberno, confirmando ademais que a proposta xa foi trasladada ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para solicitar o seu apoio

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social para o Aloxamento Universitario Accesible, unha estratexia integral coa que busca paliar a presión habitacional nos campus de Santiago e Lugo. O xerente da USC, Juan Villoslada, deu a coñecer o documento ante o Consello de Goberno e confirmou que a proposta xa foi trasladada ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para solicitar o seu apoio. Segundo detallou a universidade nunha nota de prensa, o plan estrutúrase en dous grandes eixos de actuación: aumentar o número de prazas dispoñibles e mellorar a habitabilidade dos centros xa existentes.

RENOVACIÓN DE RESIDENCIAS E MELLORAS NOS EDIFICIOS

Entre as actuacións prioritarias figura a renovación integral do Colexio Maior San Clemente, así como obras de mellora da envolvente térmica no edificio Monte da Condesa. No campus de Lugo, a USC prevé unha reforma interior da Residencia Universitaria Bal y Gay para optimizar as súas instalacións hixiénicas e mellorar as condicións de accesibilidade. Estas intervencións buscan reforzar a oferta pública de aloxamento nun contexto marcado polo encarecemento da vivenda e pola dificultade crecente de moitos estudantes para atopar unha praza asumible nas cidades universitarias.

VIVENDA ALTERNATIVA E CONVIVENCIA COMUNITARIA

O segundo eixo do plan, impulsado polo Vicerreitorado de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar, aposta por fórmulas de vivenda alternativa. Entre estas iniciativas figura o proxecto piloto “USC ConVive en Comunidade”, orientado a un modelo de aloxamento accesible e vinculado á participación comunitaria. Tamén destaca o programa “COGAMI-USC Convivencia Inclusiva”, que permitirá compartir aloxamento a estudantes e persoas con discapacidade da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade a partir do curso 2027/2028. Ademais, a universidade estenderá a Santiago a súa experiencia de Convivencia Interxeracional, na que estudantes de entre 18 e 35 anos conviven con persoas maiores de 65 anos que viven soas.

TRANSFORMACIÓN DIXITAL E NOVAS UNIDADES CO CSIC

Máis alá da vivenda, o Consello de Goberno aprobou tamén o Regulamento sobre transformación dixital, co obxectivo de unificar a normativa de administración electrónica e gobernanza tecnolóxica e axilizar a toma de decisións. No ámbito científico, a USC acordou a creación de dúas novas unidades asociadas co CSIC en áreas de Química-Física, Ciencia de Materiais e Xeografía. A institución tamén renovará a colaboración xa existente co Instituto de Nanociencia e Materiais de Aragón. A sesión serviu ademais para tramitar diversas cuestións de persoal docente e investigador, así como modificacións en programas de doutoramento e nos requisitos de coñecemento de idiomas para a matrícula.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...