A redada antidroga levada a cabo pola Policía Nacional o pasado 15 de xullo en San Ignacio de Loyola, coñecido como Banco do Pobre, en Santiago de Compostela, rematou coa detención de cinco membros dun clan familiar e coa incautación de máis de 40.000 euros, cocaína, marihuana e haxix. Segundo informou a Policía nun comunicado, nesta operación realizáronse tres entradas e rexistros en domicilios, no marco dunha investigación xudicializada meses antes dentro dun plan contra o tráfico miúdo de drogas. As cinco persoas foron detidas por supostos delitos contra a saúde pública, branqueo de capitais e organización criminal. Segundo a investigación, presuntamente subministraban droga ao menudeo a numerosos toxicodependentes da contorna de Compostela.
UN PUNTO NEGRO REACTIVADO
A investigación iniciouse tras denuncias anónimas e de asociacións veciñais, así como por actuacións policiais reiteradas na zona que apuntaban á reactivación dun punto negro de venda de estupefacientes. A partir dese momento, os investigadores centráronse en identificar as persoas que abastecían de cocaína e heroína, así como os vehículos e domicilios empregados pola organización.
UNHA VIVENDA CON REIXAS, PORTA BLINDADA E UNHA XANELA PARA ENTREGAR DROGA
Segundo a Policía Nacional, a vivenda principal, situada nunha planta baixa, dispoñía de importantes medidas de seguridade. O inmoble contaba con dúas reixas exteriores con fechaduras de seguridade diante dunha porta principal blindada, co obxectivo de dificultar o acceso rápido á vivenda. De feito, para poder entrar foi necesario empregar medios especiais do Grupo Operativo Especial de Seguridade, o GOES. Ademais, a vivenda tiña unha xanela traseira con reixa a nivel da rúa que facilitaba a entrega inmediata da droga aos consumidores. Estaba situada nunha zona agochada, de difícil acceso e con pouca visibilidade exterior, o que dificultaba as tarefas de investigación policial.
MÁIS DE 40.000 EUROS E DOUS VEHÍCULOS DE ALTA GAMA
Tras esta actuación, a Policía Nacional dá por desarticulada esta organización. Nas intervencións incautáronse máis de 100 doses de substancias estupefacientes, entre cocaína, marihuana e haxix; máis de 40.000 euros, cunha gran cantidade de bolsas de moedas; dúas básculas de precisión; unha caixa forte simulada con dous enchufes tipo “caleta”; envoltorios de plástico e utensilios empregados para a manipulación da droga. Tamén foron intervidos teléfonos móbiles e dous vehículos de alta gama.
UN OPERATIVO CON CANS, GOES E HELICÓPTERO
A investigación foi desenvolvida polo grupo de Estupefacientes da Brigada Local de Policía Xudicial, en coordinación con outras unidades da Comisaría de Santiago e da Brigada de Seguridade Cidadá. Tamén participou a Unidade de Prevención e Reacción nos dispositivos de entrada, detención e rexistro. O operativo contou ademais co apoio dos guías caninos da Brigada de Seguridade Cidadá da Coruña, do GOES Galicia e dun helicóptero. Os detidos pasaron a disposición do xulgado de garda competente.

