InicioPOLÍTICAPedro Blanco ve ao PSOE de Santiago “cohesionado” para chegar á Alcaldía...

Pedro Blanco ve ao PSOE de Santiago “cohesionado” para chegar á Alcaldía e promete “darlle a volta” á cidade: “Estamos ilusionados”

O candidato socialista asegura que traballa nun programa “completamente novo” e fixa como prioridades ordenar a xestión municipal, mellorar os servizos públicos e afrontar o problema da vivenda

Publicado o

Xornal de Compostela

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, mostrouse este martes “convencido” de que os socialistas composteláns están “cohesionados” para alcanzar o bastón de mando do Pazo de Raxoi. A preguntas dos medios nun acto no CiTIUS, o tamén delegado do Goberno asegurou que a formación está “absolutamente ilusionada” e traballa xa nun programa co que pretende “darlle a volta completamente a Santiago”. Blanco explicou que, polo momento, o partido está centrado na elaboración do programa electoral, que definiu como “completamente novo” para unha cidade que, ao seu xuízo, “necesita aires novos”.

“ORDENAR A CASA” COMO PRIMEIRA MEDIDA

O candidato socialista afirmou que o primeiro que fará se chega á Alcaldía será “ordenar a casa” e escoitar as necesidades dos traballadores públicos municipais. “É imposible que avance Santiago se non somos capaces de pagar as facturas, se temos licenzas que non se dan resolto”, esgrimiu. Como segunda prioridade, Blanco situou a mellora dos servizos públicos, especialmente o servizo de limpeza, un servizo de mobilidade adecuado e a necesidade de afrontar o problema da vivenda.

BESTEIRO RESTA IMPORTANCIA Á CANDIDATURA DE MERCEDES ROSÓN

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, foi preguntado pola posible incidencia da candidatura da exconcelleira socialista Mercedes Rosón no voto do PSOE compostelán. Besteiro rexeitou que esta situación afecte os socialistas e defendeu que o partido está centrado no seu propio proxecto. “Non nos afecta o que fagan terceiras persoas. Por suposto, estamos tan convencidos de que o noso camiño é adecuado e correcto que o que fagan os demais tampouco nos debe ocupar, ocupámonos do noso”, reivindicou.

O líder do PSdeG puxo en valor o camiño “ilusionante” que, segundo afirmou, abre Pedro Branco para converter Santiago nunha capital “puxante, innovadora”, que aposte pola pluriculturalidade, pola innovación e por ser unha cidade “punteira”. Para Besteiro, cunha mensaxe dese tipo, “o que fagan os demais” non debe ser obxecto de xuízo nin de preocupación para os socialistas composteláns.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...