A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, asinou este luns dous convenios coa Fundación Catedral de Santiago e coa S.A.M.I. Catedral para reforzar a atención e a seguridade dos peregrinos que chegan á capital galega. Os acordos, cun investimento total de 1,4 millóns de euros, forman parte da preparación de Santiago de Compostela ante o Xacobeo 2027.
A sinatura celebrouse na Oficina de Acollida ao Peregrino, nun acto no que participaron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos. Segundo explicou a Administración autonómica, os convenios permitirán manter e reforzar os servizos de seguridade na Catedral, na Casa do Deán e no propio centro de acollida, así como mellorar a información e a atención que reciben as persoas que rematan o Camiño en Santiago.
Merelles destacou que estes acordos dan continuidade á colaboración iniciada arredor do anterior Xacobeo e sinalou que a coordinación entre a Xunta e a Catedral resulta clave nun momento de elevada chegada de peregrinos. O director de Turismo de Galicia definiu o convenio como “un exemplo de colaboración” e asegurou que permite manter a seguridade tanto no templo como na Oficina de Acollida, que cualificou como “un exemplo de xestión”.
O responsable autonómico puxo como exemplo a actividade prevista para este luns no centro de acollida. “Nesta xornada, probablemente pasen por este centro máis de 2.500 peregrinos e a xestión é perfectamente fluída e permite que a tramitación da compostela sexa flexible”, afirmou.
A Xunta considera que o aumento da afluencia no Camiño obriga a dispoñer de ferramentas que faciliten a organización dos fluxos de persoas, tanto para quen chega á cidade como para a veciñanza e o conxunto de visitantes. Merelles indicou que o Camiño se atopa nun momento de “máximo esplendor” e defendeu que cómpre adoptar medidas para que a experiencia dos peregrinos sexa “a mellor posible” e a súa estancia en Santiago se desenvolva de maneira “fluída”.
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia subliñou que “todo o que sexa apostar pola xestión dos fluxos é moi positivo para veciños, visitantes e peregrinos estean cómodos”. Tamén fixo referencia ao traballo conxunto da Igrexa e da Administración autonómica para favorecer unha presenza máis repartida ao longo do ano, coa finalidade de avanzar cara a un Camiño “cada vez máis desestacionalizado no tempo”.
Dentro desa estratexia, Merelles lembrou que a Xunta está a instalar un sistema de monitorización para coñecer mellor o número de persoas que percorren as rutas xacobeas. Segundo detallou, xa hai 18 sensores no Camiño Francés e nos Camiños do Norte e Primitivo, aos que se sumarán outros 25 dispositivos. A previsión é que este sistema estea dispoñible no ano 2027 para contar cunha medición máis completa das persoas que realizan o Camiño, incluídas aquelas que non solicitan a Compostela porque xa a obtiveron noutras ocasións.
Pola súa banda, Daniel Lorenzo Santos explicou que os dous convenios asinados este luns servirán para garantir o funcionamento ordinario do sistema de seguridade da Catedral e do edificio de acollida ao peregrino. O director da Fundación Catedral sinalou que a finalidade é evitar que a Oficina de Acollida teña “carencias” que poidan facer “lenta, difícil ou complicada” a xestión da súa actividade diaria.
Lorenzo tamén incidiu na importancia de manter un sistema axeitado de seguridade no interior do templo compostelán, especialmente nun contexto de alta presenza de peregrinos, visitantes e fieis. Segundo apuntou, os documentos asinados permiten garantir que, “unha vez pasen as portas da catedral”, estas persoas conten cun dispositivo que lles ofreza comodidade durante a visita.

