O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o pasado sábado 20 de xuño unha visita teatralizada centrada na relación deste espazo e do Val da Maía coa traxectoria vital e literaria de Rosalía de Castro. A actividade foi organizada polo Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, dentro do programa de visitas aos Lugares Rosalianos, unha iniciativa incluída no convenio asinado polos concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón para impulsar a ruta ‘As pegadas de Rosalía’.
A proposta contou coa participación dun grupo de veciños e veciñas de Ames, que percorreron distintos puntos do pazo e dos seus xardíns acompañados pola compañía Os Quinquilláns. A través da interpretación de diferentes personaxes, os actores foron introducindo episodios e referencias vinculadas á escritora, á súa familia e ao contexto histórico e cultural da contorna.
A visita comezou cunha intervención de Tero Rodríguez, caracterizada como Rosalía de Castro, que apareceu no balcón do Pazo da Peregrina para saudar ás persoas participantes. Despois, a personaxe baixou á praza do pazo para acompañar o percorrido e abrir unha narración escénica arredor deste lugar de Bertamiráns.
Un dos momentos da actividade chegou coa aparición de Lucho Penabade, caracterizado como demo-cabezudo ou cabezudo-demo, nunha escena coa que se evocaron as antigas festas da Peregrina celebradas neste espazo. A visita lembrou así a presenza dos xigantes e cabezudos nas celebracións populares, elementos tradicionais das festas galegas que tamén formaban parte da memoria deste recinto.
Durante o percorrido tamén se abordou a relación familiar entre Rosalía de Castro e o Pazo da Peregrina. Na capela deste espazo foi bautizada unha tía paterna da escritora, Rita Benita Cayetana, apadriñada polos propietarios do pazo a finais do século XVIII. Esta ligazón explica a presenza do nome Rita no nome completo da autora, María Rosalía Rita, tomado dunha das irmás maiores do seu pai.
A ruta incorporou ademais a figura de Modesto Brocos, pintor e amigo persoal de Rosalía de Castro. Brocos foi o autor do único retrato da escritora pintado ao natural, unha obra que se conserva actualmente na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón.
O itinerario continuou polos xardíns do Pazo da Peregrina, onde se destacou o exemplar da camelia híbrida Rosalía de Castro, plantado en marzo de 2023 polo alcalde de Ames e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Esta variedade foi obtida e nomeada en homenaxe á escritora polo viveirista portugués Alfredo Moreira Silva en 1968. Posteriormente, un esgallo da planta foi doado ao Concello de Ames e incorporado aos xardíns da Peregrina.
Outro dos puntos nos que se detivo a visita foi o monólito co escudo de Ames, onde se explicou a referencia á Traslatio do apóstolo Santiago. O grupo tamén fixo parada no palco situado na parte superior dos xardíns, onde Os Quinquilláns representaron un sketch baseado nunha obra rosaliana.
A actividade rematou coa visita ao tótem da ruta urbana circular 8M, dedicado a Rosalía de Castro, recoñecida como unha das figuras centrais da literatura galega.
NOVAS VISITAS A BASTAVALES E LESTROBE
O programa de visitas aos Lugares Rosalianos inclúe outras actividades ao longo dos próximos meses. A primeira delas celebrouse o pasado 23 de maio coa visita á Casa de Rosalía, en Padrón.
A seguinte cita está prevista para este venres, 3 de xullo, ás 18:00, coa visita á igrexa de Bastavales. A programación completarase o 4 de setembro, ás 20:00, cun percorrido polas Torres da Hermida, en Lestrobe, no concello de Dodro.
As persoas interesadas en participar nesta última actividade deben enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@dodro.gal. As inscricións son gratuítas e poden realizarse ata o día anterior á visita. As prazas serán asignadas por orde de inscrición.

