O Grupo Municipal Socialista reclamou este mércores ao Goberno local de Santiago que aprobe “canto antes” as bases e a convocatoria das subvencións municipais ás asociacións veciñais correspondentes a 2026, ao entender que o atraso está a xerar incerteza entre entidades que xa están a desenvolver actividades e asumindo gastos sen saber con que apoio económico van contar.
A concelleira socialista Marta Abal compareceu en rolda de prensa para advertir de que, a día 1 de xullo, nin o Concello nin as asociacións coñecen aínda as condicións das axudas deste exercicio. Segundo explicou, esta situación afecta á planificación ordinaria dos colectivos veciñais, que nestas semanas teñen que facer fronte a iniciativas como as cacharelas, actividades de barrio ou gastos vinculados ao mantemento dos seus locais sociais.
“O Concello e as asociacións veciñais seguen sen saber con que axudas van contar este ano”, sinalou Abal, que considerou que esta forma de tramitar as subvencións “non facilita o traballo das asociacións veciñais nin favorece o asociacionismo”.
A edil socialista sostivo que o problema non é só de calendario, senón tamén de modelo. Na súa intervención, acusou o Goberno municipal de introducir cambios que, ao seu xuízo, fixeron as bases “máis ríxidas e máis inflexibles” desde o inicio do mandato. Entre eles, citou a redución do prazo de solicitude, que pasou dos 15 días hábiles habituais a 10 días hábiles, e a eliminación da posibilidade de financiar pequeno material inventariable de menos de 150 euros.
Abal puxo como exemplo a compra de elementos como radiadores, cafeteras, televisores ou deshumidificadores, que, segundo indicou, podían ser subvencionados ata finais da pasada lexislatura e que responden a necesidades habituais de moitas entidades veciñais.
O PSOE tamén cuestiona os prazos de execución e xustificación fixados nas últimas bases. Segundo explicou a concelleira, en 2025 o período subvencionable quedaba limitado aos gastos realizados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 9 de outubro, aínda que posteriormente se ampliou ata o 31 de outubro. Para os socialistas, esta fórmula deixa fóra unha parte relevante da actividade anual dos colectivos, especialmente as iniciativas de outono e Nadal, así como gastos ordinarios de funcionamento.
“Unha convocatoria anual debería servir para cubrir a actividade anual das entidades e os gastos ordinarios durante todo o exercicio, non só durante oito meses do ano”, afirmou Abal.
A concelleira incidiu en que esta limitación afecta tamén a gastos como seguros, luz, auga, internet, limpeza ou mantemento, especialmente no caso das asociacións que teñen sede propia ou que deben asumir alugueiros e subministracións. Ao seu xuízo, as condicións actuais dificultan que se esgote o crédito consignado, algo que o Goberno municipal utilizou, segundo dixo, para xustificar unha redución da partida nos orzamentos.
Neste sentido, Abal asegurou que o Concello reduciu arredor de 90.000 euros a contía destinada a estas axudas, co argumento de que non se executaba todo o crédito dispoñible. A socialista respondeu que, coas condicións actuais, “é difícil que se agote o crédito”, e defendeu que a ampliación dos prazos e o pagamento anticipado facilitarían unha maior utilización dos fondos.
O Grupo Municipal Socialista formulou unha proposta con nove medidas para reformular o sistema de subvencións ás asociacións veciñais. A primeira delas é ampliar o período subvencionable ata o 31 de decembro, de maneira que se inclúa todo o ano natural e non queden fóra actividades como magostos, programacións de Nadal ou outros gastos do último trimestre.
A segunda medida pasa por ampliar o prazo de xustificación ata finais de marzo do ano seguinte. Abal explicou que, nas bases actuais, a data límite para executar e xustificar coincide practicamente no mesmo día, o que deixa moi pouco marxe ás asociacións para preparar a documentación. “Preparar unha xustificación leva o seu tempo e en 24 horas non se pode facer”, indicou.
A terceira proposta é implantar o pagamento anticipado de oficio da subvención concedida, para que as entidades conten con liquidez antes de realizar as actividades. Abal lembrou que esta posibilidade xa se aplicou noutras axudas municipais, como as bolsas comedor, e defendeu que tamén sería viable neste caso.
O PSOE tamén propón que a subvención poida cubrir o 100% do gasto subvencionable, fronte ao 80% actual. Segundo Abal, non se trataría de importes excesivos, xa que a dotación global se move, segundo os socialistas, arredor dos 100.000 ou 120.000 euros.
Outra das medidas formuladas é a creación dunha liña específica para o mantemento das sedes sociais, diferenciada e con dotación propia, para atender os gastos das asociacións que deben asumir alugueiros, reparacións ou subministracións. A concelleira citou como exemplo a situación da asociación veciñal de Meixonfrío, na Casa Agraria, que, segundo sinalou, mantén desde hai tempo esta demanda.
A sexta medida consiste en recuperar a posibilidade de subvencionar pequeno material inventariable de menos de 150 euros, mentres que a sétima propón permitir a imputación de gastos indirectos ata un límite do 13%. A oitava reclama ampliar o prazo de solicitude a 20 días hábiles, fronte aos 10 actuais.
Por último, os socialistas piden unha simplificación documental tanto na fase de solicitude como na de xustificación. Abal considerou que non ten sentido reclamar de novo documentos que xa constan no Concello, especialmente cando un dos requisitos para acceder ás axudas é estar inscrito no Rexistro Municipal de Asociacións.
“Se unha entidade xa está inscrita no Rexistro de Asociacións do Concello, non ten sentido volver solicitar o NIF ou os estatutos”, afirmou a concelleira, que defendeu que reducir a carga administrativa beneficiaría tanto ás asociacións como á propia xestión municipal.
Abal lembrou que, durante a etapa de goberno socialista, estas axudas adoitaban convocarse nos meses de abril ou maio, aínda que admitiu que durante a pandemia houbo algunha convocatoria máis tardía. Con todo, insistiu en que o calendario actual non permite ás entidades planificar con normalidade nin executar a súa programación anual con garantías.

