InicioPOLÍTICASanmartín critica que a Xunta converta a reunión sobre o aparcadoiro do...

Sanmartín critica que a Xunta converta a reunión sobre o aparcadoiro do CHUS nun “acto público”

A Comisión de Seguimento reunirase o martes 30 de xuño por primeira vez desde a sinatura do protocolo, formalizada en agosto de 2024

Publicado o

Xornal de Compostela

A Comisión de Seguimento para a construción do novo aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) celebrarase o vindeiro martes 30 de xuño, case dous anos despois da sinatura do protocolo que debía servir de base para avanzar no proxecto, formalizada o 2 de agosto de 2024.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou a convocatoria en rolda de prensa e definiuna como unha noticia “moi importante” e “fundamental” para a veciñanza compostelá. A rexedora lembrou que o Goberno local solicitara formalmente en decembro de 2025 a celebración desta reunión, que será a primeira da comisión creada para informar, dialogar, traballar e concretar os proxectos incluídos no protocolo.

Segundo explicou Sanmartín, na xuntanza está prevista a participación de persoal técnico do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, co obxectivo de abordar os detalles do futuro aparcadoiro e das actuacións vinculadas ao ámbito do Plan de Interese Autonómico (PIA).

Con todo, a alcaldesa cuestionou o formato da convocatoria recibida polo Concello, ao incluír tamén a presenza da conselleira de Vivenda e do conselleiro de Sanidade. Ao seu xuízo, a reunión dun órgano de traballo técnico sobre o PIA “quérese converter nunha escenificación para unha comparecencia mediática”.

“O aparcadoiro do clínico necesita avances reais. Iso é moito máis importante que actos públicos”, afirmou Sanmartín, que avanzou que o Concello manterá a participación municipal prevista inicialmente, aínda que ela non asistirá persoalmente á reunión.

A rexedora explicou que o Executivo local quere coñecer con detalle o contido do proxecto antes de realizar unha valoración definitiva. En concreto, sinalou que o Concello pretende analizar con “seriedade e rigor” o ámbito do PIA, as obras previstas e o deseño do aparcadoiro. Sanmartín indicou que, de ter recibido a documentación con máis antelación, si participaría na cita.

“Nós estamos moi a favor da transparencia e da información, pero non de tirar para adiante moitas veces sen coñecer ben que é o asunto do que estamos a falar”, sinalou a alcaldesa.

Sanmartín insistiu en que a construción do novo aparcadoiro do CHUS é unha actuación “moi urxente” e que o Goberno local lle concede “absolutamente toda importancia e prioridade”, especialmente pola necesidade de mellorar os accesos ao complexo hospitalario.

A alcaldesa lembrou tamén que o Concello defendía inicialmente unha solución subterránea, aínda que aceptou a posibilidade dun modelo híbrido, cunha parte elevada e outra baixo terra, sempre que a intervención servise para actuar de maneira global en toda a contorna do hospital.

O FORO DE TURISMO SUSTENTABLE AVANZA CARA A SÚA CONSTITUCIÓN

Na mesma comparecencia, Sanmartín referiuse tamén á aprobación definitiva do Regulamento do Foro de Turismo Sustentable, da que se tomou coñecemento no pleno municipal celebrado este xoves.

A alcaldesa explicou que este paso permite cumprir unha das previsións recollidas na norma que crea o imposto de estancias turísticas. O seguinte trámite será a constitución formal do foro, para o que o Concello xa remitiu unha comunicación ás entidades implicadas co fin de que designen as persoas que as representarán.

“Seguimos dando pasos adiante”, destacou Sanmartín, que vinculou este avance coa posta en marcha dos instrumentos previstos para ordenar e acompañar o novo marco turístico da cidade.

ÚLTIMAS

A Xunta prevé abrir en agosto a senda peonil e ciclista entre a Intermodal e O Milladoiro

A Xunta de Galicia prevé poñer en servizo este verán, no mes de agosto,...

Un acusado dunha agresión en Santiago sostén que a pelexa comezou por un roubo de droga

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña celebrou este venres o xuízo contra...

Verea acusa a Sanmartín de estar “superada” tras o debate pola seguridade no pleno deste xoves

O portavoz do Partido Popular en Compostela, Borja Verea, asegurou este venres que o...

A asociación de pacientes do CHUS denuncia 39 persoas nos corredores de Urxencias e alerta do impacto dos recortes de persoal

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou unha nova situación de saturación...

Verea acusa a Sanmartín de estar “superada” tras o debate pola seguridade no pleno deste xoves

O portavoz do Partido Popular en Compostela, Borja Verea, asegurou este venres que o...

Santiago aumenta a 100.000 euros as bolsas para tratamentos terapéuticos de menores e para nenas e nenos celíacos

O Concello de Santiago aprobará unha nova convocatoria de bolsas municipais para menores con...

O Pleno aborda a seguridade na cidade entre chamadas ao pacto, avisos contra o alarmismo e reclamacións de máis medios

O Pleno municipal de Santiago aprobou este xoves unha proposta dos concelleiros non adscritos...