InicioDEPORTESA SD Compostela celebra no Concello o seu ascenso á Segunda Federación

A SD Compostela celebra no Concello o seu ascenso á Segunda Federación

Goretti Sanmartín recibiu o equipo en Raxoi e destacou o esforzo dun club que pecha a tempada coa recuperación de categoría

Publicado o

Xornal de Compostela

A SD Compostela foi recibida no Concello de Santiago tras conseguir o ascenso á Segunda Federación, un logro que pon fin a unha tempada que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, cualificou como culminada “de forma extraordinaria”. A rexedora trasladou os parabéns ao equipo e ao conxunto do club polo traballo realizado ao longo do ano.

Durante a recepción, Sanmartín salientou que a corporación municipal, como representante da veciñanza compostelá, comparte o recoñecemento ao plantel. “Estamos moi orgullosas e orgullosos de cada un de vós, do voso traballo e do voso esforzo”, afirmou a alcaldesa, quen tamén puxo o foco na importancia do labor colectivo para acadar os obxectivos deportivos.

A rexedora destacou que o ascenso do Compos chega nun contexto positivo para o deporte da cidade. Neste sentido, lembrou os resultados acadados por clubs e deportistas composteláns en disciplinas como a ximnasia rítmica, o hockey ou a esgrima, así como o ascenso do Obradoiro á ACB no baloncesto. No caso do fútbol, apuntou, a SD Compostela pecha esta serie de éxitos coa súa suba de categoría.

“Poñemos o ramo coa suba á Segunda Federación da SD Compostela”, sinalou Sanmartín, que tamén incidiu en que, despois da celebración, chega o momento de preparar a seguinte etapa. “Toca agora pensar nos novos retos”, engadiu.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, sumouse aos parabéns ao club, ao equipo e a todas as persoas que forman parte da entidade. Lueiro subliñou a dificultade de acadar o obxectivo no primeiro curso e recoñeceu o valor do ascenso. “Non era fácil conseguir o ascenso no primeiro ano e vós conseguístelo. Para o ano máis e mellor”, afirmou.

En representación da SD Compostela, Antonio Agrasar agradeceu o apoio recibido por parte do Concello e enmarcou o ascenso como unha satisfacción que vai máis alá do propio club. “Hoxe é un día de enorme alegría para a SD pero tamén para a toda a cidade”, declarou.

Agrasar tamén fixo referencia ás dificultades atravesadas pola entidade e ao camiño percorrido ata recuperar a categoría. Segundo explicou, o club superou momentos complexos grazas á “convicción de que traballando xuntos o Compos ía dar este paso”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

O Compostela cae ante o Oviedo Vetusta pese a xerar ocasións para empatar no Vero Boquete

A SD Compostela encadeou este domingo a súa segunda derrota consecutiva ao caer por...

As XIV Marchas Ciclistas de Special Olympics percorrerán Santiago con 66 participantes

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 3 de outubro a terceira das XIV Marchas...

A Selección Española masculina de baloncesto xogará en Santiago ante Grecia un partido clasificatorio para o Mundial de 2027

Santiago de Compostela acollerá o próximo 29 de novembro o partido entre a Selección...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here