InicioDEPORTESSantiago acollerá en xullo os XVI Xogos do Eixo Atlántico con case...

Santiago acollerá en xullo os XVI Xogos do Eixo Atlántico con case 2.300 deportistas

A cita reunirá do 5 ao 10 de xullo delegacións de Galicia e do norte de Portugal en once instalacións deportivas do municipio, con cinco modalidades e categorías femininas e masculinas en todas elas

Publicado o

Xornal de Compostela

A cidade de Santiago de Compostela será a sede dos XVI Xogos do Eixo Atlántico, unha cita deportiva transfronteiriza que reunirá entre o domingo 5 e o venres 10 de xullo case 2.300 deportistas procedentes de Galicia e do norte de Portugal. A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, presentou esta mañá o evento nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola concelleira de Deportes, Pilar Lueiro; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e o presidente do Grupo Temático de Deportes do Eixo e concelleiro de Desporto do Município da Maia, Hernâni Ribeiro.

Os Xogos, de carácter bianual, chegan este ano a Compostela con participantes de 28 concellos galegos e portugueses. Será a segunda vez que a capital galega acolla esta competición, despois da edición celebrada en 2005. Con isto, Santiago convértese no primeiro municipio do Eixo Atlántico que organiza en dúas ocasións esta cita deportiva internacional.

A apertura terá lugar na tarde do domingo 5 de xullo na praza do Obradoiro, onde desembarcarán as delegacións participantes tras acceder dende a rúa de San Francisco. A actividade deportiva comezará ao día seguinte, luns 6, coa disputa das probas individuais, concentradas nesa primeira xornada. As competicións por equipos desenvolveranse ata o venres 10, día no que están previstas as finais.

Nesta edición disputaranse cinco modalidades: baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación. No caso do atletismo e da natación haberá tamén modalidade adaptada. A organización destacou ademais que, por primeira vez, os Xogos acadan unha paridade completa, ao contar con categorías feminina e masculina en todas as disciplinas.

Durante a súa intervención, Goretti Sanmartín vinculou a celebración dos Xogos co momento que atravesa o deporte compostelán, tras os ascensos conseguidos esta tempada polo Obradoiro CAB, a SD Compostela, o CompoSala e o Hockey Club Raxoi nas súas respectivas disciplinas. “Este foi un ano de alegrías para as afeccións santiaguesas e percibimos un auxe polo interese na práctica deportiva que estes Xogos do Eixo veñen reforzar”, sinalou a alcaldesa.

A participación galega estará integrada por delegacións de Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Sarria e Monforte de Lemos, que suman no seu conxunto 742 persoas. Pola banda portuguesa tomarán parte 18 municipios: Matosinhos, Maia, Felgueiras, Vila Nova de Famalicão, Braga, Viana do Castelo, Bragança, Porto, Valongo, Vila Nova de Gaia, Amarante, Vila do Conde, Fafe, Vila Real, Peso da Régua, Santa Maria da Feira, Barcelos e Guimarães. As delegacións chegadas dende Portugal reunirán 1.459 persoas.

Unha das novidades desta edición é a redución da idade máxima de participación ata os 14 anos, para deportistas nadas e nados dende 2012. Na modalidade adaptada, a organización establece preferiblemente a participación de persoas nadas en 2010 ou con anterioridade.

Xoán Vázquez Mao explicou que esta modificación responde á vontade de que o encontro teña tamén unha función formativa dende idades temperás, ligada á convivencia, á diversidade cultural e á identidade europea compartida. O secretario xeral do Eixo Atlántico incidiu en que “o deporte, a educación e a cultura” forman parte dos alicerces desa identidade e defendeu uns xogos centrados “nunha competición sa entre amigas e amigos, e na promoción da convivencia como valor”.

As competicións desenvolveranse en once espazos deportivos repartidos pola área urbana e rural de Santiago. Os pavillóns municipais de Santa Isabel, Vite, Lorenzo de la Torre, Restollal, Pontepedriña e Fontiñas acollerán distintas probas de baloncesto, balonmán e voleibol. Tamén se empregarán instalacións de centros educativos como o CEIP Pío XII, Roxos e Monte dos Postes, mentres que o pavillón do CEIP Quiroga Palacios quedará en reserva para balonmán.

O estadio de atletismo da USC será o escenario das probas de atletismo, mentres que a natación terá lugar no complexo de Santa Isabel. A concelleira Pilar Lueiro subliñou que a organización require un “enorme esforzo institucional e social” e agradeceu a colaboración do Eixo Atlántico, do departamento municipal de Deportes, das entidades públicas e privadas implicadas e do programa de voluntariado desenvolvido coa USC.

Lueiro destacou tamén que os Xogos se celebran nun momento no que varias instalacións deportivas compostelás veñen de ser renovadas ou melloradas. Nese sentido, referiuse ás reformas integrais de Santa Isabel e Vite, así como ás actuacións realizadas en espazos como o CEIP Roxos ou o CEIP Quiroga Palacios.

Pola súa parte, Hernâni Ribeiro puxo o foco na dimensión igualitaria e inclusiva desta edición, tanto pola presenza de categorías femininas e masculinas en todas as modalidades como pola incorporación do deporte adaptado. O representante portugués definiu os Xogos como “un espazo de construción de cidadanía e partilla cultural” e destacou a súa contribución a afirmar unha “identidade común” entre Galicia e Portugal.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

A SD Compostela celebra no Concello o seu ascenso á Segunda Federación

A SD Compostela foi recibida no Concello de Santiago tras conseguir o ascenso á...

A SD Compostela celebra no Concello o seu ascenso á Segunda Federación

A SD Compostela foi recibida no Concello de Santiago tras conseguir o ascenso á...

O PP de Santiago e a Fundación Andrea impulsan o primeiro Torneo Solidario Jesús Pampín

O PP de Santiago e a Fundación Andrea presentaron este mércores o I Torneo...

Compostela reabre Santa Isabel tras unha reforma integral de 2,6 millóns de euros

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, encabezou este martes pola tarde a visita...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here