O Concello de Santiago formalizou este xoves a cesión á Xunta de Galicia de dúas parcelas situadas en Volta do Castro para a construción de vivenda de promoción pública. O acto contou coa participación da alcaldesa, Goretti Sanmartín, e da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que destacaron a colaboración entre administracións para aumentar a oferta residencial na capital galega.
Segundo explicou Sanmartín, as parcelas teñen un valor superior a un millón de euros e capacidade para 34 vivendas. A rexedora enmarcou esta cesión nun contexto de dificultade crecente para acceder a unha vivenda en Compostela, cun incremento dos prezos que, segundo indicou, supera o 40% no último lustro, tanto no mercado da compra como no do alugueiro.
A alcaldesa sinalou que Santiago continúa a ser unha cidade de acollida, tanto para quen a visita como para quen decide desenvolver nela o seu proxecto vital, mais advertiu de que o encarecemento da vivenda está a provocar desprazamentos cara a outros concellos. Sanmartín lembrou que esta situación xa se producira na década dos 90 e que se reducira coa promoción pública do barrio das Fontiñas e cos desenvolvementos impulsados pola antiga empresa municipal Emovisa, antes de reactivarse tras anos sen novas iniciativas públicas.
Neste sentido, defendeu que as administracións “non podemos ficar alleas” a un problema que afecta ao conxunto do país e que absorbe unha parte elevada dos ingresos dos fogares. A rexedora subliñou que “é urgente actuar desde o público” e situou a vivenda como unha demanda social prioritaria da veciñanza compostelá.
Sanmartín repasou algunhas das medidas impulsadas polo goberno local, como a limitación da conversión de inmobles residenciais en usos turísticos, as modificacións fiscais para favorecer a mobilización de vivenda baleira, a ampliación da reserva de vivenda protexida no ámbito do antigo Peleteiro, o rexistro de solares, a venda forzosa de inmobles que incumpren os deberes de conservación ou a utilización de recursos do patrimonio municipal do solo para adquirir edificios no centro histórico e destinalos a alugueiro público tras a súa rehabilitación.
A alcaldesa tamén vinculou esta política coa declaración de Compostela como zona de mercado residencial tensionado e coa aprobación dun plan de medidas correctoras adaptado, segundo defendeu, ás necesidades reais da cidade. Ademais, expresou a vontade municipal de colaborar coa Xunta, como administración competente en materia de vivenda, nos distintos proxectos previstos en Santiago, entre eles Mallou, Xoán XXIII, O Castiñeiriño e a propia Volta do Castro.
Para Sanmartín, a entrega das parcelas á ferramenta autonómica Vipugal constitúe “o contributo de toda a cidadanía de Santiago a un fin social que é de primeira orde”, como é facilitar o acceso a vivendas de calidade ás persoas con máis dificultades. A alcaldesa afirmou que a vontade de colaboración do Concello é “incuestionábel” e apuntou que está en marcha outra cesión de solo.
A rexedora recoñeceu, con todo, que estas dúas parcelas non esgotan as necesidades existentes. Por iso, defendeu unha política diversificada que combine a construción de novos inmobles, a rehabilitación dos xa existentes, a ampliación da cidade e a compactación da trama urbana. “Alén de fornecerlles un fogar ás persoas que o precisan, temos que ofrecerlles boas condicións para vivir”, indicou.
Pola súa banda, a conselleira María Martínez Allegue afirmou que Santiago se incorpora aos 16 concellos que xa cederon parcelas de maneira gratuíta á Xunta para promover vivenda pública. Segundo explicou, os inmobles que se constrúan estarán destinados a persoas inscritas no rexistro de demandantes que estean vinculadas a Santiago, ben por empadroamento, ben por traballar no municipio e querer establecerse nel.
Martínez Allegue indicou que o Consello da Xunta aceptou a cesión este luns e que este xoves xa se publicou no perfil do contratante a licitación correspondente. O contrato, por máis de 7 millóns de euros, inclúe nun mesmo paquete a redacción do proxecto, a dirección de execución e a propia obra. A conselleira sinalou que a intención da Xunta é axilizar ao máximo a adxudicación para que os traballos poidan comezar canto antes.
A licitación incorporará, segundo detallou, o uso de técnicas industrializadas na construción. A conselleira explicou que a Xunta mantén unha aposta por este modelo a través dun convenio co Clúster da Construción e coa Fundación Galicia Constrúe, e precisou que as ofertas deberán incluír unha porcentaxe mínima deste tipo de técnicas para poder participar. Ademais, o uso de sistemas industrializados poderá supoñer ata un 25% da valoración das propostas, mentres que a oferta económica representará un 30%.
Martínez Allegue aclarou que estas técnicas non se limitan aos baños ou ás cociñas, senón que poden aplicarse tamén á estrutura e ás fachadas dos edificios. A conselleira defendeu que este criterio busca primar a calidade técnica e acelerar a execución das promocións.
A titular autonómica de Vivenda tamén repasou outros proxectos da Xunta en Santiago. Citou as vivendas do Castiñeiriño e Lamas de Abade, que segundo indicou están próximas á súa finalización; os aloxamentos xuvenís para menores de 36 anos, cun proxecto en redacción; a promoción de Volta do Castro; o concurso de ideas de Salgueiriños, ao que se presentaron 39 ofertas; e o proxecto de interese autonómico residencial de Mallou, que permitirá urbanizar solo para máis de 3.000 vivendas, cun 80% de vivenda protexida.
A conselleira anunciou tamén cambios nos límites máximos de ingresos para facilitar que máis familias poidan acceder ás promocións públicas. Nas vivendas que se adxudiquen en réxime de alugueiro, polo menos un 40% reservarase a menores de 36 anos. No caso das vivendas en compra, como mínimo un 30% de cada promoción será para menores de 36 anos, e haberá tamén unha nova cota para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos a cargo, que abranguerá outro 30% das vivendas en réxime de compra.
Martínez Allegue afirmou que o obxectivo é facilitar a emancipación da mocidade e o acceso das familias a vivendas “dignas, de calidade e a prezos de venda e de renda asequibles”.
SANMARTÍN DEFENDE O BALANCE DO GOBERNO LOCAL FRONTE ÁS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Preguntada polas críticas do Partido Socialista ao plan de vivenda do goberno local e polas valoracións do Partido Popular sobre os tres anos de mandato, Goretti Sanmartín desvinculou o acto de cesión das parcelas de calquera resposta partidaria e afirmou que a oposición está no seu papel. No caso do PP, sostivo que se atopa “en campaña electoral desde o primeiro momento”.
A alcaldesa defendeu que o goberno municipal conta cun balance amplo de actuacións e desbloqueos de asuntos que levaban tempo pendentes. Entre eles citou a parcela de Peleteiro, o contrato do transporte urbano, o imposto de estadías turísticas, o novo modelo de comedores escolares, a declaración de zona de mercado residencial tensionado, as iniciativas para protexer o comercio local e as medidas para frear a proliferación de tendas de recordos e regular os pisos turísticos.
Sanmartín tamén mencionou o novo conector central da cidade como unha aposta de mobilidade para o centro de Santiago, así como proxectos de rexeneración urbana vinculados a Santiago de Chile, novas instalacións para a mocidade e a cultura, actuacións deportivas e melloras de accesibilidade no barrio da Almáciga.
No ámbito da vivenda, a alcaldesa puxo como exemplos a declaración de zona tensionada, o proxecto de rehabilitación das casas de Caramoniña, a poxa pública dun edificio en mal estado e a decisión de destinar 3 millóns de euros do patrimonio municipal do solo á compra de edificios na cidade histórica para a súa posterior rehabilitación, a través de mecanismos vinculados ao Consorcio.
Sanmartín recoñeceu que quedan obxectivos por cumprir e que pode haber actuacións mellorables, mais defendeu que o goberno local traballou “de maneira moi intensa” e cun proxecto de cidade que vai máis alá dos ciclos electorais. Segundo indicou, “non se poden mirar as cuestións por ciclos electorais, senón por ter un proxecto de cidade”.

