InicioCULTURAO Son do Camiño reunirá máis de 125.000 persoas no Monte do...

O Son do Camiño reunirá máis de 125.000 persoas no Monte do Gozo desde este xoves

A sétima edición do festival chega a Santiago con máis de 40 artistas, un escenario electrónico e previsión de ocupación hoteleira completa na cidade e na súa contorna

Publicado o

Xornal de Compostela

O Monte do Gozo ultima os preparativos para acoller unha nova edición do Son do Camiño, que se celebrará entre o xoves 18 e o sábado 20 de xuño en Santiago de Compostela. O festival prevé reunir durante tres xornadas a máis de 125.000 persoas, nunha cita integrada nos Concertos do Xacobeo e considerada pola Xunta como un dos principais eventos musicais de Galicia.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o comisario do Ano Santo Xacobeo 2027, Marcos Gómez, visitaron este martes o recinto no que terá lugar a sétima edición do festival. Segundo recolle a Administración autonómica nun comunicado, trátase de “unha cita consolidada como o maior festival do norte de España e un dos eventos musicais de referencia do país”.

A Xunta enmarca o festival dentro da súa estratexia de promoción turística vinculada á música en directo. Nese contexto, sinala que O Son do Camiño “reafirma” o seu papel como escaparate da marca Galicia Calidade e como instrumento de difusión exterior de Santiago de Compostela, do Camiño de Santiago e do conxunto da comunidade.

Merelles destacou que, nas últimas edicións, máis do 40% do público procedía de fóra de Galicia, cunha presenza significativa de asistentes chegados de Portugal, Reino Unido, Suíza e Italia. Segundo indicou, esta evolución contribúe a consolidar o festival como “unha plataforma de proxección internacional para Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago e Galicia”.

A programación musical desta edición inclúe máis de 40 artistas e bandas nacionais e internacionais. Entre os nomes anunciados figuran Linkin Park, Katy Perry, Dani Martín, Lola Índigo, Biffy Clyro, Afrojack, Guitarricadelafuente e Hoobastank. O cartel incorpora tamén presenza galega, con artistas como Sen Senra e Carlos Ares.

A proposta complétase cun escenario dedicado á música electrónica, no que están previstas máis de 18 actuacións. Nesta parte do programa participarán, entre outros, Jimi Jules, Patrick Mason, HAAi, DJ Gigola e Héctor Oaks.

Marcos Gómez puxo o foco na dimensión musical e turística do evento, ao sinalar que “o festival demostra ano tras ano a súa capacidade para impulsar unha programación musical de primeiro nivel e para converter a música nun instrumento de promoción turística, dinamización económica e proxección internacional de Galicia Calidade”.

No plano económico, a Xunta lembra que a edición do ano pasado superou os 23 millóns de euros de impacto económico e xerou ao redor de 5.000 postos de traballo, entre directos e indirectos. Tamén sinala que a celebración do festival contribuíu a acadar niveis de ocupación hoteleira do 100% tanto en Santiago como na súa área de influencia durante os días do evento.

ÚLTIMAS

Santiago multiplica por sete a achega a AGADEA e destina 21.150 euros a programas para maiores

O Concello de Santiago incrementará este ano ata os 21.150 euros a subvención nominativa...

O PSOE reclama ao Goberno de Santiago que convoque xa as axudas de 2026 ás asociacións veciñais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que convoque de maneira...

O PP culpa o goberno local dos problemas cos fluxos turísticos e reclama medidas antes do Xacobeo 2027

O concelleiro do Partido Popular Adrián Villa responsabilizou o goberno municipal do BNG das...

Santiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos de accesibilidade en varios edificios

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha serie de acordos...

O Atardecer no Gaiás reúne 15.000 persoas e pecha a súa segunda edición con máis público

O ciclo Atardecer no Gaiás congregou 15.000 persoas na súa edición de 2026, segundo...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro...

WOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por nove espazos de Santiago

O WOS Festival x SON Estrella Galicia pechou a programación principal da súa novena...