InicioMOV. SOCIAISAs traballadoras da limpeza de Lacera volven á folga este martes nos...

As traballadoras da limpeza de Lacera volven á folga este martes nos colexios en Santiago

O persoal reclama a aplicación das melloras laborais e salariais previstas no novo contrato municipal e non descarta iniciar o curso cun paro indefinido

Publicado o

Xornal de Compostela

As traballadoras de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago de Compostela, servizo adxudicado á empresa Lacera, están chamadas a secundar este martes, 16 de xuño, unha nova xornada de folga para reclamar a aplicación das condicións laborais e económicas recollidas no novo contrato municipal.

A mobilización chega despois dos paros realizados os días 1 e 2 de xuño e, segundo advertiu a CIG, podería ter continuidade no inicio do curso 2026-2027 se non se produce unha solución. O sindicato convocante sostén que a concesionaria non está a aplicar as melloras previstas na nova licitación, malia que estas contarían con cobertura económica no contrato.

O representante da CIG, Paulo Rubido, explicou que o conflito afecta a un servizo maioritariamente feminino e cunha situación laboral que o sindicato cualifica como “altamente precarizada”. Segundo sinalou, o persoal arrastraba as consecuencias dun contrato que “non se actualizaba desde 2012”.

Rubido indicou que a central sindical leva “ano e medio” traballando co Concello de Santiago para abordar unha situación que para as traballadoras é “insustentable”. Nese sentido, recoñeceu a disposición municipal durante a tramitación do novo contrato e apuntou que o Concello “afrontou unha nova licitación cunha dotación económica suficiente para abordar a situación do sector”.

A CIG considera que os novos pregos recollen avances para equiparar as condicións deste persoal ás doutros servizos de limpeza de instalacións municipais. Con todo, denuncia agora a “negativa da empresa a falar para aplicar esas melloras” e reclama que o Concello interveña para garantir o cumprimento das condicións previstas.

Os principais puntos de desacordo sitúanse na xornada laboral e nas retribucións. Segundo o sindicato, a empresa si aceptou aplicar desde o vindeiro curso algunhas cuestións relacionadas coa organización do tempo de traballo, como a xornada de 37 horas e media semanais, pero rexeita incorporar medidas económicas e sociais incluídas nas demandas do persoal.

Entre esas medidas figuran un plus anual de 1.500 euros, o cobramento do 100% do salario durante unha baixa laboral e a posibilidade de acceder a sete días de asuntos propios. A reclamación das traballadoras pasa por que se lles apliquen condicións equivalentes ás que rexen no servizo de limpeza doutras dependencias municipais.

Con motivo da convocatoria de folga, a Consellería de Educación publicou este luns no Diario Oficial de Galicia os servizos mínimos que deberán cumprirse durante a xornada. Segundo esa resolución, os centros educativos terán que contar cun conserxe ou ordenanza durante todo o horario escolar.

O PSOE PIDE QUE O GOBERNO LOCAL “TOME CARTAS NO CONFLITO”

Ao conflito sumouse tamén o PSOE de Santiago, que reclamou ao Goberno local que interveña para evitar que a situación se prolongue ata o comezo do próximo curso. A concelleira socialista Marta Abal pediu á alcaldesa, Goretti Sanmartín, e á concelleira de Educación, Míriam Louzao, que “tomen cartas no conflito do servizo de conserxería e limpeza dos centros educativos de Santiago”.

Abal lembrou que se trata dun servizo que considera esencial para o funcionamento ordinario dos colexios públicos e advertiu de que a folga xa está a ter efectos sobre a conciliación das familias, coa cancelación de actividades extraescolares organizadas polas ANPA. A edil socialista sostivo que, se as melloras están recollidas nos pregos da licitación, o Concello debe esixir o seu cumprimento á empresa adxudicataria.

“O Concello ten responsabilidade, ten capacidade de control e debe poñerse á fronte da solución”, afirmou Abal, que pediu ao executivo municipal que actúe para evitar que o curso 2026-2027 poida comezar cunha folga indefinida.

ÚLTIMAS

Santiago activa un servizo municipal para asesorar sobre contratos de alugueiro residencial

O Concello de Santiago puxo en marcha este luns o novo Servizo Municipal de...

O Festival Atlántica medra na súa décimo cuarta edición con 33 localidades e 50 artistas

O Festival Atlántica celebrará a súa décimo cuarta edición entre o 26 de xuño...

A Xunta visita a casa de acollida de vítimas de violencia de xénero impulsada pola Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home

As obras da nova casa de acollida de vítimas de violencia de xénero impulsada...

A Xunta de Goberno autoriza obras no conxunto catedralicio e aproba melloras na Quinta dos Fuentes e en Verdía

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns novas licenzas urbanísticas, proxectos...

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

As traballadoras do téxtil avalían novas mobilizacións tras levantar a acampada trasladada a Santiago

As representantes dos traballadores do sector téxtil estudan cos persoais a definición dunha nova...

Temperaturas de máis de 30 graos e goteiras: o comité de empresa denuncia tres anos sen solucións na residencia DomusVi de Pontepedriña

O comité de empresa da residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, xestionada por...