O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, trasladou a súa preocupación polo resultado da remodelación do complexo deportivo de Santa Isabel, recentemente inaugurado polo goberno local de BNG e Compostela Aberta. O edil recoñeceu que a intervención incorpora algunhas melloras, como a apertura dun novo acceso ao recinto para facilitar a circulación das persoas usuarias, pero sostivo que a reforma deixa sen atender cuestións relevantes para o funcionamento diario das instalacións.
Segundo explicou De la Fuente, unha das principais eivas detectadas afecta ao pavillón deportivo, onde o grupo popular sinala a ausencia de sistemas axeitados de extracción e renovación do aire. A isto engade a substitución das antigas fiestras abatibles por outras fixas, unha decisión que, ao seu xuízo, dificulta a ventilación interior e xera unha sensación de calor no recinto.
O concelleiro afirmou que esta situación pode condicionar a práctica deportiva, especialmente nos días de temperaturas máis elevadas. “As condicións actuais resultan preocupantes para a práctica deportiva e poden agravarse notablemente nos días de máis calor”, sinalou. De la Fuente indicou tamén que, durante a xornada de inauguración, con temperatura exterior moderada e pouca presenza de público, as persoas asistentes xa percibiron falta de confort no interior do pavillón.
O PP tamén cuestionou que a actuación non incorporase unha mellora no acceso ás bancadas da piscina municipal. O grupo popular sinala que se mantén o percorrido anterior, con varios tramos de escaleiras exteriores e afastadas da entrada principal, o que dificulta a asistencia de persoas con mobilidade reducida, persoas maiores e familias. Para De la Fuente, a reforma supuña unha oportunidade para resolver este problema de accesibilidade.
O edil popular criticou ademais que a remodelación non servise para ampliar a oferta deportiva da cidade nin para dar resposta á falta de espazos que, segundo indicou, padecen os clubs composteláns. Na súa opinión, a intervención limitouse á renovación do edificio sen incorporar novas solucións ás necesidades do deporte local.
Entre as críticas formuladas polo PP figura tamén a eliminación dos baños de vapor das piscinas de Santa Isabel. De la Fuente asegurou que se trataba dun servizo usado por numerosas persoas usuarias e denunciou que estas se atoparon coa súa desaparición ao regresar ás instalacións, sen información previa nin alternativas. O concelleiro afirmou que a retirada deste equipamento supón “un claro recorte na calidade dos servizos ofrecidos nesta instalación municipal”.
O grupo popular sostén, ademais, que este servizo segue aparecendo anunciado na páxina web, malia non estar dispoñible. Por este motivo, De la Fuente reclamou ao goberno local que explique os motivos da eliminación dos baños de vapor, que faga públicos os informes técnicos que avalen a decisión, no caso de existiren, e que se comprometa á súa reposición ou a ofrecer unha compensación ás persoas usuarias.
“As obras, encargadas polo goberno de BNG e CA, debían ter servido para modernizar e mellorar prestacións, non para eliminalas ou reducilas”, afirmou o concelleiro popular. O PP considera que a reforma de Santa Isabel non cumpriu o obxectivo de mellorar de maneira efectiva o servizo ao deporte compostelán e insta o executivo municipal a corrixir as deficiencias detectadas.

