InicioPOLÍTICABorja Verea propón crear unha 'Casa das Familias' municipal para ofrecer apoio...

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP compostelán presenta un servizo gratuíto e confidencial para acompañar ás familias en situacións de dificultade, con especial atención á adolescencia, e cifra o seu custo anual nuns 200.000 euros

Publicado o

Xornal de Compostela

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da súa formación para crear unha ‘Casa das Familias’, un centro de titularidade municipal orientado a ofrecer apoio emocional, mediación, orientación e acompañamento ás familias compostelás. Segundo explicou, o proxecto estaría pensado como un espazo “próximo” e “accesible” ao que poder acudir nas etapas de maior dificultade da vida familiar.

A iniciativa forma parte da serie de propostas que o PP local vén presentando nas últimas semanas arredor das políticas de apoio ás familias. Verea lembrou que anteriormente o seu grupo formulou medidas relacionadas coas actividades extraescolares organizadas polo Concello, unha ‘Parada Familiar’, unha ‘Bolsa Familiar’ para a Zona Azul, programas de inmersión lingüística en Irlanda, unha rede de campamentos para coñecer Galicia e un servizo municipal de canguraxe para situacións imprevistas.

Nesta ocasión, o portavoz popular situou o foco nas dificultades que poden atravesar as familias, especialmente durante a adolescencia. “Todas as familias pasan por momentos difíciles”, afirmou Verea, que sinalou que moitos pais e nais poden experimentar “esa sensación de non saber ás veces como afrontar determinadas situacións”.

Segundo expuxo, a futura ‘Casa das Familias’ non estaría concibida unicamente para casos graves, senón como un recurso aberto ao conxunto da veciñanza. O obxectivo, indicou, sería normalizar a demanda de apoio e ofrecer ferramentas en cuestións como a convivencia, a comunicación, a corresponsabilidade, o uso da tecnoloxía ou a relación entre proxenitores e fillos e fillas adolescentes.

“Non estamos falando dun recurso pensado só para familias con problemas graves. Estamos falando dun espazo aberto para todas as familias compostelás”, afirmou. Verea engadiu que “pedir apoio non debería ser visto como algo excepcional” e defendeu que unha cidade “moderna” non debe limitarse a prestar servizos administrativos, senón tamén acompañar ás persoas.

O líder popular concretou, en resposta ás preguntas dos medios, que a proposta contempla unha atención gratuíta, confidencial e personalizada. A súa previsión é que o centro funcione como un equipamento municipal de referencia, preferiblemente nun lugar céntrico e accesible.

En canto ao orzamento, Verea cifrou o custo anual aproximado en arredor de 200.000 euros. A dotación inicial estaría integrada por un equipo multidisciplinar duns catro ou cinco profesionais, aínda que explicou que o seu grupo non ten pechado polo momento o desagregado por especialidades.

A proposta, indicou, sería impulsada a partir de maio do vindeiro ano se o PP acada a Alcaldía nas eleccións municipais. Con todo, Verea asegurou que, como no resto de medidas presentadas pola súa formación, a iniciativa queda tamén “a disposición” do actual Goberno local no caso de que queira poñela en marcha.

VEREA REITERA QUE SANTIAGO É HOXE “MÁIS INSEGURA” QUE HAI ANOS

Durante a rolda de prensa, Verea tamén respondeu a preguntas sobre a situación da cidade en materia de seguridade e limpeza. O portavoz popular afirmou que Santiago é hoxe “máis insegura” que hai anos e sostivo que esa percepción se corresponde, ao seu xuízo, cos datos e co que se escoita na rúa. “Negar un problema nunca vai traer unha solución”, declarou.

Nesa liña, reclamou ao Goberno local que recoñeza a existencia dun incremento da inseguridade e propoña medidas como unha maior presenza policial, máis efectivos, incremento das cámaras de videovixilancia e melloras na iluminación urbana. Tamén insistiu en que existe un problema de limpeza na cidade e criticou que, ao seu entender, os gobernos locais dos últimos anos non deran resposta suficiente a estas cuestións.

A SITUACIÓN DO REFUXIO DE BANDO

Preguntado por Xornal de Compostela pola situación do Refuxio de Bando, Verea volveu cargar contra o Goberno local e asegurou que os animais do centro “nunca” estiveron, segundo a súa valoración, “en peor estado” nin “en peores condicións” que na actualidade. O dirixente popular acusou o executivo de BNG e Compostela Aberta de “abandono” e “deixadez” na xestión deste equipamento.

Tamén se referiu á suspensión do proceso para seleccionar a nova dirección do Refuxio, despois de que o Concello explicase que a paralización se produciu por unha dúbida legal formulada no seo do padroado. Verea reclamou máis transparencia sobre esta cuestión e pediu que se explique publicamente “cal é o problema” e por que continúa paralizado o procedemento.

SITUACIÓN DO PSOE

O portavoz do PP tamén foi preguntado pola situación interna do PSdeG en Santiago e polas enquisas sobre posibles candidaturas socialistas. Verea afirmou que os nomes que poidan presentar o PSdeG, o BNG ou Compostela Aberta serán “grandes adversarios”, pero sostivo que, ao seu xuízo, esas forzas comparten a posibilidade de volver pactar tras as eleccións. “Da igual a quen votes destes tres partidos, que simplemente repartiranse a Alcaldía”, afirmou.

ÚLTIMAS

A protesta do téxtil trasládase a Santiago e acampan fronte á Confederación de Empresarios

A acampada de representantes de traballadoras e traballadores do sector téxtil contra o convenio...

Santiago probará un sistema dixital para axilizar as bolsas de comedor escolar

O Concello de Santiago e o grupo de investigación Armela da USC colaborarán no...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

O PSOE acusa ao Goberno de Santiago de modificar a RPT “sen planificación” e cun informe negativo de Intervención

O Grupo Municipal Socialista denunciou este martes que a última modificación da relación de...

O PSOE acusa ao Goberno de Santiago de modificar a RPT “sen planificación” e cun informe negativo de Intervención

O Grupo Municipal Socialista denunciou este martes que a última modificación da relación de...

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here