InicioPOLÍTICAO PP reclama executar o contrato de sinalización intelixente do patrimonio e...

O PP reclama executar o contrato de sinalización intelixente do patrimonio e Sanmartín asegura que xa está en marcha

A alcaldesa afirma que a instalación dos novos elementos xa comezou e que continuará nas próximas semanas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Partido Popular de Santiago reclamou ao goberno municipal de BNG e Compostela Aberta que execute o contrato de sinalización intelixente do patrimonio cultural, unha actuación que, segundo a concelleira María Baleato, está destinada a mellorar a información turística e a reforzar a difusión do legado histórico e cultural da cidade. Pola súa banda, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, asegurou a preguntas de Xornal de Compostela que o contrato “xa está executándose nestes momentos”.

A edil popular lembrou que o contrato incluía a elaboración dun plan integral de sinalización turística do patrimonio cultural, a posta en marcha dun sistema de información turística e a instalación de novos elementos de sinalización intelixente distribuídos polo termo municipal. Segundo Baleato, trátase dunha intervención que debería contribuír a mellorar a experiencia das persoas visitantes e a visibilizar os recursos patrimoniais de Santiago.

O PP sinala que o expediente foi licitado o 26 de maio de 2023, cun orzamento próximo aos 600.000 euros, e adxudicado o 17 de abril de 2024 por 459.800 euros. O contrato, segundo indicou Baleato, asinouse o 29 de maio de 2024 e tiña un prazo de execución dun ano, sen posibilidade de prórroga, polo que debería estar finalizado o 29 de maio de 2025.

A formación popular sostén que, ante os atrasos acumulados, o goberno local aprobou o 26 de maio de 2025 unha prórroga extraordinaria de oito meses, que situou a nova data límite no 28 de xaneiro de 2026. Baleato afirmou que nesa data, cando o contrato debía estar rematado, o executivo municipal autorizou unha segunda ampliación do prazo de execución, desta vez por outros seis meses, ata o 28 de xullo de 2026.

A concelleira do PP advertiu de que, “estando a piques de rematar esta segunda ampliación do prazo e de comezar o verán, a cidade segue sen contar cos elementos de sinalización comprometidos nin se observan avances visibles na implantación deste sistema intelixente”. Na súa valoración, “o máis preocupante non é só o atraso, senón a incapacidade do goberno de BNG e CA para sacar adiante un proxecto que eles mesmos consideraron prioritario”.

Baleato pediu ao executivo local que realice as xestións necesarias para garantir a execución inmediata do contrato e a instalación dos elementos previstos. A concelleira popular enmarcou esta situación na crítica do seu grupo á xestión municipal, ao considerar que o goberno local “acumula proxectos anunciados pero sen resultados visibles para a cidadanía”.

Preguntada por Xornal de Compostela sobre este asunto, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, rexeitou que o proxecto estea paralizado e afirmou que a execución xa comezou. “Ese contrato de patrimonio xa está executándose nestes momentos”, indicou a rexedora, que precisou que xa se iniciou a colocación de sinalización vinculada a elementos patrimoniais.

Sanmartín explicou que a actuación continuará nas próximas semanas e atribuíu a posible falta de percepción pública a que a instalación non se está realizando de maneira simultánea en todos os puntos previstos. “Quizais non é o suficientemente visible porque non se puxeron todos os carteis e toda a sinalización de repente”, sinalou.

A alcaldesa apuntou que o proxecto inclúe tótems nas entradas e saídas da cidade e sinalización en puntos concretos da cidade histórica. Tamén lembrou que a concelleira de Turismo xa deu explicacións sobre os lugares previstos e que o asunto foi tratado nunha comparecencia no último pleno municipal.

Sanmartín engadiu que o goberno local poderá facilitar a relación dos espazos nos que está prevista a instalación dos novos elementos de sinalización. “Está executándose nestes momentos”, insistiu a rexedora, en resposta ás críticas formuladas polo Partido Popular.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here