A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou na presentación da Memoria de Actividades da Plataforma polo Emprego, onde puxo en valor o papel da entidade na inserción laboral e no acompañamento de persoas en situación ou risco de exclusión social en Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención, Rozas referiuse aos datos recollidos na memoria, entre eles as 400 insercións laborais acadadas, e felicitou a Plataforma e a todas as persoas que fixeron posible ese traballo. Con todo, a concelleira sinalou que, máis alá das cifras, a actividade da entidade representa “esperanza” e “oportunidades” para mellorar a situación vital de moitas persoas.
A responsable municipal subliñou que, cando se fala de balances no ámbito social, “as cifras non é o que importa, o que importa son as persoas”. Nese sentido, defendeu a importancia de humanizar as estatísticas e os informes para favorecer a empatía e a solidariedade, especialmente nun contexto no que, segundo advertiu, estes valores poden verse ameazados.
Rozas tamén fixo referencia aos testemuños escoitados durante o acto, aos que puxo como exemplo da necesidade de coñecer de primeira man as experiencias das persoas protagonistas dos procesos de inclusión. “Sen coñecer de primeira voz os seus protagonistas é imposible facer ese percorrido cara a unha inclusión real”, afirmou.
A concelleira definiu a Plataforma polo Emprego como unha entidade “fundamental” en Santiago, cunha traxectoria de case 30 anos dedicada á inserción laboral e á integración de colectivos en risco de exclusión social. Lembrou que a entidade botou a andar en 1998, nun contexto no que a cidade era “moi diferente” e no que a poboación migrante se situaba arredor das mil persoas. Na actualidade, indicou, Santiago achégase ás 10.000 persoas migrantes.
Nese percorrido, Rozas salientou que a Plataforma desenvolveu un labor de apoio, formación, orientación especializada e itinerarios personalizados, mais destacou especialmente o seu papel de acompañamento ás persoas que chegaron á cidade e precisaron dun punto de apoio para avanzar na súa integración social e laboral.
A edil lembrou tamén as diferentes vías de colaboración que o Concello de Santiago mantén coa entidade. Entre elas citou o programa piloto de intermediación cultural posto en marcha o ano pasado, o Pacto Local polo Emprego e as actividades vinculadas a el, así como o programa ‘Compostela Convive’, un festival intercultural que se celebra cada setembro na Alameda desde hai unha década.
Sobre este último proxecto, Rozas sinalou que permite fomentar a convivencia e a solidariedade, ademais de poñer en valor as achegas das persoas migrantes á cidade. A concelleira asegurou que este tipo de iniciativas contribúen a “combater o odio con alegría” e a reforzar o orgullo identitario das comunidades migrantes presentes en Compostela.
A representante municipal avanzou que o Concello continuará colaborando coas accións impulsadas pola Plataforma polo Emprego, desde a convicción de que o emprego é unha ferramenta clave para a inclusión real. Segundo indicou, o acceso ao traballo debe servir para garantir unha vida digna a todas as persoas.
Rozas pechou a súa intervención cun recoñecemento ás persoas que recibiron os seus diplomas no acto e agradeceu o seu papel na construción dun Santiago “máis xusto, máis solidario e cheo de oportunidades para todas e para todos”.

