O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, está a experimentar un amplo proceso de modernización impulsado polo Consorcio de Santiago, que destinou entre 2024 e 2026 un total de 4,4 millóns de euros á mellora das súas instalacións. A alcaldesa e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, visitou este luns o edificio para coñecer o resultado das actuacións xa executadas e as previstas para os próximos meses.
Do investimento global, 3,9 millóns de euros destináronse á renovación completa da cuberta e da cociña do inmoble, mentres que está previsto investir máis de 500.000 euros adicionais na substitución das carpinterías exteriores e interiores.
Unha das intervencións máis destacadas foi a reforma integral da cociña, unha infraestrutura que, tras tres décadas de funcionamento, precisaba unha actualización para responder ás necesidades actuais da actividade congresual. A actuación permitiu reorganizar os espazos de cociña, cafetería e comedor, así como mellorar as áreas de almacenamento, recepción de mercadorías e xestión de residuos.
Os traballos tamén incluíron a renovación dos vestiarios e aseos destinados ao persoal e a substitución de toda a maquinaria e equipamento da cociña, incorporando sistemas máis eficientes dende o punto de vista enerxético.
Outra das actuacións executadas nos últimos meses foi a renovación da cuberta do edificio, realizada a través da empresa pública Tragsa. A intervención tivo como finalidade solucionar os problemas de filtracións e pingueiras que viña rexistrando o inmoble. Para iso substituíuse completamente o material de cobertura e mellorouse o sistema de evacuación de augas, co obxectivo de garantir a impermeabilización e a estanqueidade do recinto.
A seguinte fase do plan de melloras chegará este mesmo mes de xuño coa licitación da renovación de todas as carpinterías do edificio. O proxecto contempla a substitución dos elementos actuais de aluminio e aceiro inoxidable para reforzar o illamento térmico e acústico, aumentar a eficiencia enerxética e mellorar as condicións de accesibilidade.
As actuacións afectarán tamén ás carpinterías interiores e ás portas de emerxencia situadas nas fachadas da planta baixa, que serán substituídas por modelos con sistemas antipánico. Ademais, modificarase a configuración dos grandes ocos das fachadas leste e oeste para facilitar a entrada e saída de materiais durante as montaxes e desmontaxes de feiras, congresos e exposicións.
Durante a visita, Goretti Sanmartín destacou que estas actuacións permiten “mellorar as condicións do edificio para adecuar este espazo e convertelo nun motor clave para o turismo de negocios e o desenvolvemento local”.
O Palacio de Congresos dispón de 15.000 metros cadrados de superficie e capacidade para 2.100 persoas, o que lle permite albergar congresos, convencións empresariais, simposios, feiras profesionais, exposicións comerciais e outros eventos de carácter social e cultural.
Dende o 1 de outubro de 2024, a explotación do recinto corresponde ao Grupo Hotusa, que asumiu a xestión, conservación e mantemento das instalacións mediante un contrato de concesión de servizos. Segundo informou o Consorcio, a empresa realizou tamén investimentos por valor de 350.000 euros, destinados á incorporación de equipamentos de dixitalización e á mellora de oficinas, aseos e aparcadoiro, entre outras actuacións.

