InicioPOLÍTICAO PSdeG levará ao Parlamento iniciativas para reclamar á Xunta máis investimento...

O PSdeG levará ao Parlamento iniciativas para reclamar á Xunta máis investimento en saneamento e abastecemento no rural de Santiago

Aitor Bouza acusa ao Goberno galego de non atender as necesidades da capital galega en materia de infraestruturas hidráulicas e pide unha planificación turística estable para o aeroporto compostelán

Publicado o

Xornal de Compostela

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado do Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, anunciou este venres a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta unha maior implicación no financiamento das infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga no rural compostelán.

Nunha comparecencia ante os medios, Bouza sostivo que existen actuacións pendentes dende hai anos nas parroquias de Santiago e reclamou tanto ao Concello como á Xunta que asuman as súas responsabilidades para garantir servizos básicos á veciñanza do rural. O dirixente socialista lembrou que o seu grupo xa solicitou recentemente ao Goberno local o cumprimento dos compromisos recollidos no denominado Pacto polo Rural e insistiu na necesidade de incrementar os investimentos nesta materia.

Ao mesmo tempo, dirixiu as súas críticas ao Executivo autonómico, ao que acusou de non atender de maneira equilibrada as demandas dos concellos galegos. Bouza asegurou que os datos das actuacións executadas por Augas de Galicia nos últimos anos amosan unha maior presenza de investimentos en municipios gobernados polo Partido Popular. Segundo indicou, entre 2023 e 2025, 65 dos 89 concellos beneficiados por estas intervencións estaban dirixidos por alcaldías populares.

O portavoz socialista afirmou que a Xunta dispón tanto de competencias como de recursos económicos para colaborar na extensión das redes de abastecemento e saneamento no rural compostelán. Nese sentido, rexeitou que este tipo de investimentos poidan estar condicionados a negociacións entre administracións ou a outras cuestións alleas ás necesidades da veciñanza.

Bouza avanzou que o PSdeG presentará iniciativas parlamentarias e emendas orzamentarias para solicitar partidas específicas destinadas a estas actuacións en Santiago. Ademais, instou aos representantes do Partido Popular a apoiar estas propostas e a defender os intereses da capital galega.

Durante a súa intervención, o responsable socialista enmarcou esta reclamación nunha crítica máis ampla ás políticas da Xunta cara a Santiago de Compostela. Segundo sinalou, existen déficits de investimento noutras áreas como as infraestruturas deportivas, os centros educativos ou o financiamento asociado á capitalidade.

O AEROPORTO “NECESITA UNHA PLANIFICACIÓN A MEDIO E LONGO PRAZO”

Por outra banda, Bouza tamén se pronunciou sobre a situación do aeroporto Rosalía de Castro e as novas conexións aéreas anunciadas nos últimos días. O socialista valorou positivamente a incorporación de novas rutas, pero advertiu de que a política turística non pode basearse unicamente en anuncios puntuais. Na súa opinión, é necesario elaborar unha planificación a medio e longo prazo que conte coa participación do sector turístico e que permita consolidar conexións durante todo o ano.

“Non nos podemos quedar simplemente con titulares”, afirmou, ao reclamar unha estratexia coordinada entre o Concello, a Xunta e os profesionais do sector para reforzar a posición do aeroporto compostelán e a oferta turística da cidade.

Preguntado pola folga convocada nos servizos de limpeza e conserxería dos centros educativos públicos, Bouza expresou o seu respecto pola negociación colectiva e polas reivindicacións laborais. O portavoz socialista manifestou o seu apoio ao diálogo entre as partes e considerou necesario compatibilizar os dereitos das traballadoras e traballadores cos dos escolares e das súas familias.

FUTURA CANDIDATURA DO PSOE COMPOSTELÁN

Finalmente, referiuse ao proceso de elección da futura candidatura socialista á Alcaldía de Santiago. Confirmou que o partido está a recoller información a través de mecanismos de consulta externos para coñecer a percepción da cidadanía e contribuír á configuración da mellor candidatura posible.

Sobre os distintos nomes que están a aparecer no debate interno, entre eles o de Marta Álvarez-Santullano, Bouza asegurou que o PSOE conta con persoas preparadas para liderar o proxecto e mostrouse convencido de que a formación está en condicións de competir por recuperar a Alcaldía compostelá nas próximas eleccións municipais.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here