InicioPOLÍTICAO pleno de Santiago aproba por unanimidade reactivar a rehabilitación do Pazo...

O pleno de Santiago aproba por unanimidade reactivar a rehabilitación do Pazo do Espiño

O goberno local asegura que o novo proxecto está xa en fase de avaliación técnica e que se manteñen os usos públicos previstos para o inmoble

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno municipal de Santiago de Compostela aprobou este xoves por unanimidade unha proposición presentada polo grupo municipal do PP para impulsar a reactivación “urxente” da rehabilitación do ‘Pazo do Espiño’, unha actuación que permanece paralizada desde a rescisión do anterior contrato de obras. A iniciativa contou co respaldo do goberno local de BNG e Compostela Aberta, do PSOE e das concelleiras non adscritas.

A proposta dos populares reclamaba acelerar os trámites para retomar o proxecto, solicitar un informe actualizado sobre o estado estrutural e de conservación do edificio e garantir a consignación económica necesaria para acometer a rehabilitación integral do inmoble. O texto tamén defendía que, unha vez restaurado, o pazo manteña usos de interese público e municipal.

Durante o debate, o concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, avanzou que o Concello dispón xa dun novo documento técnico “en fase de avaliación” polos servizos municipais. Segundo explicou, o expediente atópase nun estado avanzado e será remitido proximamente á Comisión Asesora de Patrimonio Histórico para o ditame preceptivo. O edil sinalou que tras a rescisión do contrato anterior en 2024 o goberno traballou nun “redeseño realista” da actuación.

Domínguez asegurou tamén que o Concello adoptou medidas para “garantir a estabilidade da estrutura” e confirmou a existencia dunha partida orzamentaria destinada ás obras. Ademais, insistiu en que “en ningún momento” se puxo en cuestión que o edificio se destine a usos públicos.

Pola súa banda, o portavoz popular, Borja Verea, definiu o estado do inmoble como “un símbolo bastante triste da sensación de abandono e resignación” e advertiu do “risco de derrube” do edificio. O líder do PP local defendeu que “conservar patrimonio significa devolverlle a vida a espazos que forman parte da memoria colectiva” e reclamou “máis compromiso, máis sensibilidade e máis ambición” na protección do patrimonio compostelán.

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón cuestionou tanto a posición do PP como a xestión do actual executivo local. Sobre os populares, lembrou que o exalcalde Gerardo Conde Roa intentou modificar os usos urbanísticos da parcela mediante un convenio “que afortunadamente non chegou a prosperar por ilegal”. Ao mesmo tempo, criticou que o goberno municipal continúe sen desbloquear unha actuación “tan demandada” polo BNG.

Nun sentido similar pronunciouse a edil socialista Marta Álvarez, quen lamentou que pasasen “case dous anos” desde a resolución do anterior contrato sen avances visibles e trasladou a preocupación do PSOE pola demora da rehabilitación.

DEBATE SOBRE MALLOU E O BANQUETE DE CONXO

O pleno tamén aprobou outras iniciativas relacionadas con proxectos urbanísticos e ambientais na cidade. Entre elas, saíu adiante unha proposta do PSOE relativa ao desenvolvemento do proxecto de interese autonómico (PIA) de Mallou, así como outra impulsada polas concelleiras non adscritas sobre a defensa da contorna do Bosque do Banquete de Conxo e o apoio á solicitude veciñal de amparo ante a UNESCO.

No caso de Mallou, a socialista Marta Álvarez recolleu as preocupacións da veciñanza polo impacto da ordenación prevista sobre arredor de trinta inmobles e pola perda de terreos.

Respecto ao Banquete de Conxo, a concelleira non adscrita Mila Castro advertiu dun “desastre ambiental sen paliativos” e denunciou que as obras promovidas pola Xunta continúan xerando unha forte afección na contorna, malia a modificación parcial do trazado inicial.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, sostivo que a senda impulsada pola Xunta “non é compatible con algúns dos espazos que atravesa” e acusou ao PP de identificar durante anos “modernidade con destrución”. Pola súa banda, Marta Álvarez lembrou que un informe do Icomos xa advertira de “afeccións relevantes” derivadas do proxecto.

Desde o PP, Borja Verea reiterou o apoio da súa formación á infraestrutura e asegurou que responde a unha visión de “un Santiago máis conectado, máis moderno e máis verde”.

APROBADO O PLAN MUNICIPAL CONTRA O VANDALISMO

Outra das iniciativas aprobadas foi a proposta do PP para elaborar un plan municipal contra o vandalismo e en defensa do espazo público. O texto contou co apoio do PSOE e das concelleiras non adscritas, mentres o goberno local optou pola abstención.

O concelleiro popular José Antonio Constenla denunciou a existencia de zonas da cidade nas que “a deterioración se está cronificando” e criticou a lentitude na reparación dos danos, o que, segundo afirmou, provoca “sensación de abandono”.

En resposta, a portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, ironizou co discurso do PP e acusou aos populares de recorrer ao seu “manual básico” para presentar Santiago como “unha cidade insegura, sucia, triste, decadente e, esta vez, chea de vándalos e escura”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...