InicioECONOMÍASantiago estrea a súa primeira conexión aérea directa con Nova York tras...

Santiago estrea a súa primeira conexión aérea directa con Nova York tras a reapertura de Lavacolla

O aeroporto Rosalía de Castro recupera a actividade tras 35 días de obras coincidindo coa chegada do primeiro voo de United Airlines dende Newark, unha ruta que operará tres veces por semana

Publicado o

Xornal de Compostela

O aeroporto Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro recuperou este xoves a súa actividade tras permanecer 35 días pechado por obras de renovación da pista e fíxoo cunha xornada marcada pola posta en marcha da primeira conexión aérea directa regular entre Galicia e os Estados Unidos. O primeiro voo de United Airlines procedente de Nova York aterrou pola mañá en Lavacolla e, apenas unhas horas despois, despegou de regreso cara ao aeroporto de Newark.

A nova ruta conectará Santiago e Nova York tres veces por semana, cun tempo de voo próximo ás oito horas. Os avións sairán da capital galega os luns, xoves e sábados, mentres que as chegadas dende os Estados Unidos terán lugar os mércores, venres e domingos. A compañía empregará aeronaves Boeing 737 MAX 8 con capacidade para arredor de 170 persoas.

A reapertura do aeroporto compostelán coincidiu cun acto institucional de benvida no que participaron membros da tripulación, persoas viaxeiras, representantes de Aena e autoridades políticas. Entre os primeiros pasaxeiros atopábanse turistas estadounidenses interesados en realizar o Camiño de Santiago, así como integrantes dun club internacional afeccionado á aviación que acostuma participar nos voos inaugurais da compañía aérea.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, definiu a xornada como “un día de enorme ledicia” pola reapertura do aeroporto e pola estrea dunha conexión internacional “de moita transcendencia”. A rexedora destacou a importancia do mercado estadounidense para a cidade e lembrou que en 2024 se rexistraron arredor de 150.000 estadías de persoas procedentes dos Estados Unidos en Santiago, aproximadamente un 10 % do total anual.

Sanmartín sinalou tamén que a conexión supón unha oportunidade tanto para o turismo como para a diáspora galega asentada en Norteamérica. “Santiago, como aeroporto internacional e aeroporto de referencia, ofrece esa posibilidade de voos transoceánicos que facilitan que xente de todo o conxunto do país poida desprazarse a Nova York”, afirmou.

A alcaldesa aproveitou ademais a reapertura para insistir na necesidade dun modelo coordinado para os aeroportos galegos. Segundo indicou, Galicia precisa “un sistema aeroportuario galego que non mire na competitividade, senón na complementariedade”, cunha estratexia común fronte a outras infraestruturas do noroeste peninsular como Porto ou Asturias.

Pola súa banda, o conselleiro da Presidencia da Xunta, Diego Calvo, puxo o foco no incremento de peregrinos estadounidenses e no impacto económico deste mercado turístico, mentres que o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, apelou ao “traballo coordinado” entre administracións para reforzar a conectividade aérea galega.

A recuperación da operatividade chega despois de cinco semanas de traballos na pista de voo, iniciados o pasado 23 de abril. As actuacións incluíron a renovación do pavimento, melloras nos sistemas eléctricos e de drenaxe e a modernización das axudas para operacións con baixa visibilidade. O director do aeroporto, Marcos Díaz, explicou que as obras permitirán manter a actividade “en plenas condicións de seguridade”, cunha infraestrutura renovada tanto na pista como na terminal.

A reapertura marca ademais o inicio dunha campaña de verán na que o aeroporto compostelán contará cunha maior oferta internacional que en anos anteriores e con conexións a tres continentes por primeira vez na súa historia. Entre as novas rutas previstas figuran tamén destinos como Cork, Marrakech ou Ámsterdam.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here