InicioPOLÍTICAO PSdeG alerta do aumento dos atrasos nos pagos do Concello de...

O PSdeG alerta do aumento dos atrasos nos pagos do Concello de Santiago e cuestiona a xestión económica do goberno local

Os socialistas aseguran que o período medio de pagamento alcanzou os 84,87 días en marzo e vinculan a situación a problemas de organización administrativa e planificación municipal

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista de Santiago expresou este martes a súa preocupación pola evolución dos indicadores económicos municipais tras analizar os datos publicados polo Ministerio de Facenda relativos ao período medio de pagamento a provedores e ás cantidades pendentes de aboar. Os concelleiros Marta Abal e Sindo Guinarte advertiron dunha evolución que consideran negativa e reclamaron cambios na xestión administrativa para evitar un maior deterioro da situación.

Segundo explicou Abal, o período medio de pagamento do Concello situouse en marzo de 2026 en 84,87 días, unha cifra que, segundo sostivo, representa o peor dato rexistrado desde 2020. A edil comparou esta cifra coa de marzo dese ano, cando o tempo medio de pagamento se situaba en 48,33 días, o que suporía un incremento de 36,54 días, equivalente a unha subida do 75,6 %.

A socialista sinalou ademais que a situación tamén empeora se se analiza o volume económico das obrigas pendentes de pagamento. Segundo indicou, a cantidade acumulada a marzo deste ano ascendería a case 15,5 millóns de euros, unha cifra superior á rexistrada en exercicios anteriores. Na súa intervención, sostivo que os datos amosan unha “radiografía moi preocupante” e considerou que as medidas adoptadas polo executivo local “non só non melloran a situación, senón que empeoran considerablemente os datos en termos comparativos”.

Abal insistiu en que a situación non responde a un episodio puntual, senón a unha dinámica continuada. A concelleira lembrou que a normativa fixa un período legal de pagamento de 30 días, polo que acusou ao Concello de superar amplamente ese límite.

A representante socialista desvinculou esta situación dunha falta de liquidez municipal e apuntou directamente a problemas de organización interna. Segundo argumentou, o Concello dispón de recursos económicos suficientes, polo que situou a orixe do problema na xestión administrativa. Neste sentido, criticou a decisión adoptada ao inicio do mandato de centralizar a xestión económica e das facturas na coordinación xeral.

Abal asegurou que o propio goberno local estaría a modificar agora ese modelo organizativo, ao referirse a unha recente modificación da relación de postos de traballo publicada no Boletín Oficial da Provincia, que contempla cambios nos postos creados para esa centralización.

Durante a comparecencia, os socialistas tamén relacionaron o aumento das cantidades pendentes de pagamento coa falta de aprobación da liquidación do orzamento municipal de 2025, un trámite que, segundo apuntaron, debería estar formalizado desde finais de marzo. Abal lembrou ademais que as liquidacións dos exercicios anteriores tamén se aprobaron fóra de prazo.

Outro dos aspectos sinalados polo PSdeG foi a situación de diversos contratos municipais que, segundo expuxeron, se atopan en condicións de precariedade administrativa ou próximos á súa finalización. Entre eles mencionaron os contratos vinculados á xestión de multas de tráfico, ao mantemento do túnel do Hórreo, ás instalacións técnicas municipais, ao Centro de Atención aos Usuarios, así como os contratos de zonas verdes, escolas infantís ou a escola municipal de música.

Os socialistas reclamaron unha maior planificación e anticipación na tramitación administrativa. Segundo sostiveron, actuar antes da finalización dos contratos permitiría evitar atrasos e contribuíría a mellorar os indicadores económicos municipais.

CANDIDATURA ÁS ELECCIÓNS

Na quenda de preguntas, o portavoz municipal socialista, Sindo Guinarte, foi cuestionado sobre a designación da candidatura do PSdeG para as próximas eleccións municipais, despois de que as formacións do PP e do BNG xa presentaras os seus candidatos.

Guinarte asegurou que o partido segue os seus propios tempos e procedementos internos e afirmou que o relevante non é coñecer a candidatura “un mes antes ou un mes despois”, senón que a persoa escollida sexa quen de representar o proxecto socialista e contar co respaldo interno necesario. “O importante é que sexa unha persoa que represente mellor ca ninguén o proxecto socialista para Santiago”, sinalou.

ÚLTIMAS

O sector do metal marcha por Santiago para reclamar un acordo e denuncia o bloqueo do convenio

As bucinas e os petardos marcaron este martes o inicio da manifestación convocada en...

María Rozas critica a situación da dependencia e confirma atrasos na apertura do centro para persoas sen fogar

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, realizou este martes...

Rueda avanza que a conversión en autovía do corredor Brión-Noia entrará en servizo en 2027

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou este martes o avance das obras de...

Unha muller cae co seu coche ao río Sar desde o aparcadoiro do Hospital de Conxo

Unha muller precipitouse este martes co seu vehículo ao río Sar desde o aparcadoiro...

María Rozas critica a situación da dependencia e confirma atrasos na apertura do centro para persoas sen fogar

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, realizou este martes...

A Xunta rexeita as críticas pola capitalidade de Santiago e defende o incremento da partida

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, negou este luns que o Goberno galego estea...

O Concello licita obras na rede de abastecemento de Amio e no estadio Verónica Boquete por máis de 1,4 millóns

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns diversos acordos relacionados con...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here