InicioPOLÍTICAMaría Rozas critica a situación da dependencia e confirma atrasos na apertura...

María Rozas critica a situación da dependencia e confirma atrasos na apertura do centro para persoas sen fogar

A concelleira compostelá responsabiliza á Xunta das listas de espera no sistema de dependencia e avanza que o novo recurso municipal para persoas sen fogar non abrirá no prazo previsto inicialmente

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, realizou este martes unha valoración crítica dos últimos datos coñecidos sobre dependencia en Galicia e referiuse tamén ao estado do futuro centro municipal para persoas sen fogar, un proxecto impulsado polo goberno local e cuxa posta en marcha acumulará atrasos respecto ás previsións iniciais.

En relación coa situación da dependencia, Rozas interpretou os datos publicados como unha mostra de problemas estruturais no funcionamento do sistema galego. Segundo sinalou, as cifras coñecidas “evidencian algo que levamos avisando desde hai tempo” e insistiu en que existe unha deterioración das políticas de atención social e de dependencia impulsadas pola administración autonómica.

A concelleira responsabilizou á Xunta da situación e asegurou que existe un “abandono das persoas máis vulnerables”, facendo referencia ás persoas maiores e ás que se atopan en situación de dependencia. Tamén aludiu aos prazos de espera para a valoración dos expedientes, que, segundo indicou, poden prolongarse durante meses.

Rozas sostivo que diferentes entidades do terceiro sector e administracións locais levan tempo advertindo das dificultades do sistema. Na súa intervención, defendeu que os concellos veñen denunciando unha transferencia progresiva de responsabilidades cara ás administracións municipais, tanto desde o punto de vista económico como da xestión.

A preguntas dos medios, a responsable municipal tamén actualizou a situación do centro para persoas sen fogar promovido polo Concello de Santiago. En xaneiro, o executivo local apuntara a xuño como posible data para a súa apertura, un calendario que finalmente non se cumprirá.

A edil recoñeceu que o proxecto sofre un atraso respecto ás previsións iniciais, aínda que evitou concretar unha nova data. “Evidentemente queremos un retraso”, sinalou, aínda que avanzou que espera poder ofrecer información actualizada nos próximos días.

Rozas destacou que se trata dun proxecto de especial complexidade e puxo o foco no seu carácter pioneiro, ao definir a iniciativa como o primeiro recurso destas características en Galicia con xestión pública desde unha administración local. Segundo explicou, o goberno municipal considera este centro unha aposta estratéxica para reforzar a atención social.

“É un proxecto no que estamos moi ilusionadas”, afirmou, ao tempo que defendeu o papel das administracións públicas na creación deste tipo de recursos. Sen concretar se o servizo estará operativo durante o verán, limitouse a indicar que a tramitación “non tardará moito” e que a licitación do proxecto se atopa xa nunha fase avanzada.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here