InicioPOLÍTICAO Concello licita obras na rede de abastecemento de Amio e no...

O Concello licita obras na rede de abastecemento de Amio e no estadio Verónica Boquete por máis de 1,4 millóns

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a imposición dunha penalidade a Eulen polo abandono dun lote dos centros socioculturais e deu luz verde a novos expedientes urbanísticos e culturais

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns diversos acordos relacionados con actuacións urbanísticas, infraestruturas municipais, equipamentos deportivos e contratos públicos. Entre as medidas destaca o inicio da licitación das obras para renovar parte da rede de abastecemento na zona de Amio e a intervención na envolvente do estadio Verónica Boquete, cun investimento conxunto superior aos 1,4 millóns de euros.

Segundo explicou a concelleira de Turismo e portavoz municipal, Míriam Louzao, a actuación na Rúa da Mira, en Amio, forma parte do plan municipal para reducir as perdas de auga e responder ás incidencias rexistradas na rede. O ámbito foi considerado prioritario debido ás avarías recorrentes nas actuais tubaxes de fibrocemento.

A intervención prevé a substitución de 711 metros de rede, coa instalación de novos condutos de fundición de 100 milímetros de diámetro que discorrerán en paralelo ás canalizacións existentes. Tamén se habilitarán sistemas provisionais para reducir as interrupcións no subministro durante os traballos. O contrato sae a licitación cun orzamento de 126.959,64 euros, IVE incluído, e un prazo de execución estimado de catro meses.

Louzao lembrou que Santiago dispón de aproximadamente 69 quilómetros de tubaxes de fibrocemento, dos que algo máis de 32 pertencen á rede de distribución, ámbito no que se concentra a maior parte das incidencias rexistradas.

Outra das actuacións aprobadas corresponde ás obras do estadio Verónica Boquete de San Lázaro, que forman parte da terceira fase do estudo de patoloxías elaborado sobre o complexo deportivo. Os traballos incluirán reparacións nas fachadas, cubertas e soportais, ademais da substitución do falso teito da cafetería e das carpinterías do muro cortina situado na porta número 1.

A portavoz municipal lembrou que o equipamento, inaugurado en 1993, presenta deficiencias que se foron agravando co paso do tempo. Segundo indicou, unha avaliación realizada ao inicio do mandato estimou necesidades de investimento por un importe próximo aos 9,3 millóns de euros, unha cantidade que, segundo sinalou, require colaboración doutras administracións.

A actuación agora licitada contará cun orzamento de 1.292.790,67 euros, dos que 850.000 euros proceden dunha subvención nominativa da Deputación da Coruña, mentres que a contía restante será asumida polo Concello. O prazo previsto de execución tamén será de catro meses.

No apartado cultural, a Xunta de Goberno aprobou a composición do xurado da 19ª edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, presidido pola alcaldesa e integrado por profesionais vinculados ao ámbito da ilustración, o deseño e a literatura infantil e xuvenil. O fallo darase a coñecer durante a segunda quincena de xuño e a entrega celebrarase en novembro.

Tamén se acordou solicitar unha axuda destinada ao material promocional da Semana Santa compostelá, declarada Festa de Interese Turístico Galego desde 2018. A petición ascende a un gasto total de 5.956,89 euros, cunha subvención máxima prevista de 4.000 euros, á que podería engadirse outra achega complementaria.

Por outra banda, incorporouse por vía de urxencia a imposición dunha penalidade de 49.169,40 euros á empresa Eulenpolo abandono do lote número 3 do contrato de dinamización e mediación da rede de centros socioculturais. A sanción corresponde ao 3% do orzamento base de licitación sen IVE.

Preguntada polos xornalistas sobre posibles medidas adicionais, Louzao indicou que o procedemento continúa aberto e que a decisión aínda non é firme. “Xa dixemos publicamente que non había explicación para non asumir ese contrato e, polo tanto, aplicaríamos o que a lei nos permite nestes casos”, afirmou.

Na quenda de preguntas, a concelleira tamén sinalou que entre os principais obxectivos para o ano restante de mandato continúan cuestións como a adxudicación do novo contrato do transporte urbano ou a implantación dun novo modelo de comedores escolares. Sobre a recente enquisa electoral publicada, indicou que os resultados deben interpretarse “con cautela” e asegurou que a prioridade do goberno municipal continúa sendo “traballar todos os días para mellorar os problemas da cidadanía”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here